http://www.fp-es.org/2012-indice-de-estados-fallidos

Estados fallados

Somalia encabeza a listaxe de Estados fallados elaborada, por quinto ano consecutivo, pola revista Foreign Policy en colaboración co Fondo para a Paz (USA) (http://www.fp-es.org/2012-indice-de-estados-fallidos).

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Somalia encabeza a listaxe de Estados fallados elaborada, por quinto ano consecutivo, pola revista Foreign Policy en colaboración co Fondo para a Paz (USA) (http://www.fp-es.org/2012-indice-de-estados-fallidos).

http://www.fp-es.org/2012-indice-de-estados-fallidos

Os Estados fallados suman un total de 20 países, africanos na súa inmensa maioría, excepto Haití e tres asiáticos: Afganistán, Paquistán e Iraq. A listaxe complétase con franxas de estados en alerta e en perigo, atendendo aos diversos niveis das súas problemáticas internas, a miúdo determinantes para incidir no desmantelamento dos aparellos estatais e a reafirmación de disfuncionalidades elementais respecto á preservación da cohesión interior.

Comunmente considéranse Estados fallados aqueles que contan con gobernos tan febles que non son quen de controlar o seu territorio ou de proporcionar á súa poboación as garantías e servizos mínimos, de xeito que os seus habitantes ven os seus dereitos severamente conculcados pola ineficacia e impotencia do aparello público.

Por que fracasan os estados? A idea que transmite o informe non nos remite ás guerras ou ás grandes calamidades senón á incapacidade para tirar proveito do seu potencial interno, unha terminoloxía que podería cualificarse de un tanto ambigua, especialmente tendo en conta a habitual conexión e converxencia entre as debilidades propias e os poderosos intereses exteriores que acostuman acompañar estes escenarios. Pero é sen dúbida esa capacidade xenuína para construír modelos acaídos e fortalecer unhas institucións adaptadas á propia evolución e singularidade histórica e acompasadas coas tendencias globais onde reside a principal fortaleza de calquera goberno e sociedade.

Como todas, esta listaxe é discutible; non obstante, ofrece unha radiografía de interese e utilidade para situar os argumentos que latexan nesas crises que levan de cabeza ao fracaso. Neste sentido, cabe sinalar, en paralelo, o inmenso potencial desestabilizador  daqueles estados que privilexian a forza militar como recurso prioritario ou que porfían na preservación dunha estrutura económica que marxina á inmensa maioría social, fenómenos alleos a calquera “carácter nacional” como explicación de hipotéticas desfeitas e fonte última de desigualdades e desequilibrios que están no cerne dos fracasos. Nesa mesma liña, cabe sinalar tamén as teimas negadoras da diversidade e as incapacidades múltiples para conformar escenarios de integración flexible que acheguen respectos e lealdades mutuas, de palabra e obra.