A Convivencia Social no Xacobeo

Europa no seu lugar

Europa, dicía George Steiner, está composta de cafés. Vista dende Santiago de Compostela, estaría integrada por camiños. Non son visións excluíntes senón complementarias. Esta Europa está asociada hoxe con valores como o diálogo, a tolerancia, a cooperación, a achega, en suma, de pensamento ilustrado que posibilite avances á humanidade no seu conxunto. E iso é perfectamente posible en ambos os dous escenarios. Non foi sempre así. Modernamente, para moitos, Europa é un constructo que representa en boa medida o cume da civilización; non obstante a beleza da súa arquitectura en sentido amplo ten tras de si unha longa ringleira de conflitos, destrución e inhumanidade que precisaría de moitos lustros para unha acaída expiación dos nosos pecados.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Europa, dicía George Steiner, está composta de cafés. Vista dende Santiago de Compostela, estaría integrada por camiños. Non son visións excluíntes senón complementarias. Esta Europa está asociada hoxe con valores como o diálogo, a tolerancia, a cooperación, a achega, en suma, de pensamento ilustrado que posibilite avances á humanidade no seu conxunto. E iso é perfectamente posible en ambos os dous escenarios. Non foi sempre así. Modernamente, para moitos, Europa é un constructo que representa en boa medida o cume da civilización; non obstante a beleza da súa arquitectura en sentido amplo ten tras de si unha longa ringleira de conflitos, destrución e inhumanidade que precisaría de moitos lustros para unha acaída expiación dos nosos pecados.

É tradicional asociar Europa coa convivencia en paz e a humanidade, pero aínda están vivas na nosa retina duras imaxes non tan idílicas e ben recentes. Pensemos nos Balcáns, nos anos 90; ou nas hordas de inmigrantes que son vítimas dun modelo económico no que participamos activamente aínda edulcorando a nosa conciencia a medias, alternando axuda ao desenvolvemento ou Frontex; ou de refuxiados, danos colaterais dunhas dinámicas internacionais nas que nos implicamos seguindo as esixencias dunha alianza xerárquica euroatlántica que impón servidumes nas que aquelas humanidade  e paz brillan pola súa ausencia.

Durante décadas, no mundo bipolar, Europa viuse atrapada entre dous fogos. A guerra fría que hai trinta anos, en 1991, deuse por rematada como resultado da disolución da Unión Soviética, marcara a evolución continental. A Casa común europea que predicaba Mijail Gorbachov e a súa perestroika esmoreceu pronto e os gañadores daquilo, esquecendo o que dixera o brillante pensador portugués Eduardo Lourenço de que o muro caera para os dous lados, quixo alargar mais aló do debido e prometido o seu manto militar e económico. E aí segue Europa, presa da situación e incapaz de definir unha visión sen ataduras.

En aparencia, todo iso conduciuse baixo a éxida de Bruxelas. Hoxe habería que poñelo en dúbida cando tantas capitais actúan no seo da súa burocracia como unha especie de quinta columna contra os seus propios intereses e secundando estratexias foráneas.

Europa é diferente e debe profundar nesa diferenza, non para erguer valados senón para exercitar o seu pensamento, a súa sensibilidade, a súa visión. Ten capital abondo para facelo e tamén instrumentos para implementalo. Tamén as carencias son coñecidas: disenso interno frecuente e feble liderado, limitacións que terceiros son quen de exacerbar á mínima oportunidade.

A evolución recente do mundo marca unha tendencia perfectamente recoñecible: acábase a era estadounidense e virá a asiática. Polo momento, é unha realidade xeoeconómica que será difícil de reverter como algúns pretenden mediante chamamentos ao desacoplamento ou alentando alianzas fragmentadoras que acouten a proxección dos rivais. Pero esa translación da significación económica aos eidos político ou estratéxico, con repercusións na gobernanza global, é só cuestión de tempo. Éo porque en Asia, e sobre todo na China, é perceptible unha vontade irrenunciable de exercer a súa soberanía civilizatoria.

Europa ten o seu propio lugar no mundo e novamente pende sobre el a pantasma de ser desdebuxado. Resignados ante o imparable ascenso económico, comercial e ata tecnolóxico que ven do Oriente, outra vez o maior perigo para a coexistencia e a convivencia procede do músculo castrense en plena ebulición en forma de novas alianzas militares. Europa corre o risco de se ver novamente atrapada nesta dinámica sustentada en formulacións altisonantes do tipo de “defensa dunha orde internacional baseada en regras” ou “alianza de valores e ideais” que, non obstante, agochan intencións menos rimbombantes.  

No século XXI, a autonomía estratéxica debera formar parte da sustancia europea. É un asunto capital para preservar a convivencia global e facilitar o diálogo e a comprensión cultural e civilizatoria.

Porque o peor que lle pode pasar a Europa é perder o seu lugar no mundo. Facerse un sitio hoxe non é doado. Moito depende das capacidades económicas, tecnolóxicas ou militares. Todos sabemos que en todas estas ordes existen vantaxes pero tamén taras notables. Europa suma moito pero pesa pouco á hora da verdade. Mesmo no cultural, cando o soft power é recoñecido como un atributo de gran potencial, sorprende o seu escaso poder efectivo, semella que cedido de bo grao á colonización estadounidense que nos asola por todas partes e en toda situación amosando un perfil que a moitos europeos resulta incómodo. Europa é cultura, dise tantas veces, e nembargantes, o seu reflexo é timorato en eidos que hoxe amplamente conforman –e deforman- a nosa mentalidade social.

E aí Galicia ten que dicir. Primeiro, apostando seguido por un camiño que hoxe debe ser referente de reflexión para a convivencia e a gobernanza democrática global. Pero tamén, segundo, para instar o valor da cultura como piar primeiro do edificio de principios europeos e universais. E nesa cultura a reconstruír sobre bases propias deberamos revitalizar debates que o tempo eclipsou. O intelixente e culto Plácido Castro recordábanos que “entre todas as culturas europeas é a céltica, coa grega, a máis digna de rexurdir, a que mellor pode servir de inspiración aos homes do noso tempo”. Velaí un propósito no que Galicia pode contribuír a esa Europa da convivencia con selo propio e cun significado ben distinto para unha hipotética orientación euroatlántica, esta vez sen océanos por medio.