Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 1 de Abril de 2020 Ríos

Ex corde, Franco

2012_10_27_redondela_illa_san_simon_igadi_p1020355.jpg

Fóisenos Franco. Xeneroso como era, deixounos moito e bo. Non é cousa de lembrar agora os seus méritos pois son coñecidos e obituarios haberá que nolos recorden. Todo o que el fixo queda e gardarémolo como ouro en pano. O que non obstante perdemos é un estilo de compromiso que moito escasea nestes acedos tempos de precariedade, especialmente o botafumeiro do pensador libre, sen ataduras, que di o que pensa, moleste a quen moleste. E facíao non por mal nin por escura vinganza ou antipatía senón porque sentíase na obriga de dicir o que sentía. A nivel persoal, en ocasións tenlle custado moito esa franqueza, cousa que ten lamentado. Pero comprendía, ao cabo, que nun país como o noso, tan rico en tantas lerias, era rico tamén en ruindades que non viñan a conto. Non se resignaba pese a todo, confiando en que o tempo faría o seu.  Algunha vez pasou.

Botaráselle en falta. Cáustico e corrosivo ata onde for necesario, era tamén dunha  cordialidade fora do común. Tiña o pasado sempre presente e a pouco que tirabas do fío, todo saía. E cada vez que exhibía aquela memoria ateigada de anécdotas, percibías a devoción sentida por quen el cría que o merecía, mesmo dende a sa discrepancia. Fixo moito por facernos ver o valor de tantas persoas ás que Galicia lle deu de lado. O rescate dos amigos era sempre unha das súas teimas.

Certo que ás veces había que frealo, pedirlle paciencia, porque aquel ímpeto seu bravío que escondía a aparencia dun ser sereno e impenetrable fervía a cada paso. E así e todo, quen se coñecía a si mesmo, era por natureza igualmente medido, procuraba non excederse, e cos seus latinismos sempre a pe de boca semellaba rezar civilmente para nunca desbancar o sensible e fráxil equilibrio que o sustentaba.

Inmensamente dono dos seus silencios, lembrábame aquela máxima chinesa: “os antigos falaban pouco por medo a que os seus actos non foran coherentes coas súas palabras”. Moi seu, o culto Franco escoitaba, actitude que escasea tamén cada vez máis, esperando quizais aínda asentir co seu interlocutor e fiando sempre en darlle unha volta e unha utilidade. Sen anteolleiras e fuxindo dos dogmatismos como do demo, se algunha nostalxia tiña era da esperanza, unha ilusión que foi perdendo. Como a todos nos pasa.

Dicir Franco Grande é invocar un dos xigantes das nosas letras pero tamén unha persoa comprometida co seu país e co seu tempo. El, que medrou na conversa distendida pero atenta coa xeración precedente, lamentaba o salto sen rede ao que se vira abocada a Galicia na que cría. Dubidaba ao cabo que tanto afán servise finalmente para nos achegar ao fin buscado. Sendo de Tebra e batendo de xeito permanente contra as tebras, á vista dun presente que o desgustaba, moitas veces sentía que a súa xeración predicou no deserto e quedaba sen relevo.  

Amigo das pequenas cousas e alegrías, se con algo gozaba era co palique arredor dunha mesa sinxela, a poder ser minhota, onde trabar balance do día e pensar algún proxecto futuro. Sempre matinando no seguinte libro. Era o motor da súa vida.

As homenaxes virán trala paréntese desta corentena que hoxe nos impide despedilo como merece. El era unha persoa honesta. Sexamos tamén honestos con el e saibamos estar á altura do recoñecemento debido.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais