Fin da tregua diplomática entre Beijing e Taipei?

A reanudación de relacións diplomáticas entre China e Gambia desatou diatribas e especulacións de todo tipo en Taiwan. Beijing normalizou as relacións con Banjul ao remate da derradeira xira exterior do presidente Ma Ying-jeou, que lle conduciu a Guatemala e Belice. As relacións entre Gambia e Taiwan permanecían en suspenso desde que se notificou a ruptura unilateral por parte do primeiro en 2013. Desde entón, Beijing rexeitara as reiteradas peticións do país africano para restablecer os vínculos oficiais. Agora, un SMS comunicaba a Taipei a noticia, eludindo usar o teléfono vermello establecido tralo cume de Singapur, en novembro pasado, entre Ma e Xi. 

A reanudación de relacións diplomáticas entre China e Gambia desatou diatribas e especulacións de todo tipo en Taiwan. Beijing normalizou as relacións con Banjul ao remate da derradeira xira exterior do presidente Ma Ying-jeou, que lle conduciu a Guatemala e Belice. As relacións entre Gambia e Taiwan permanecían en suspenso desde que se notificou a ruptura unilateral por parte do primeiro en 2013. Desde entón, Beijing rexeitara as reiteradas peticións do país africano para restablecer os vínculos oficiais. Agora, un SMS comunicaba a Taipei a noticia, eludindo usar o teléfono vermello establecido tralo cume de Singapur, en novembro pasado, entre Ma e Xi. 

A interpretación máis estendida da decisión continental apunta ao lanzamento dunha clara advertencia á presidenta electa Tsai Ing-wen. Dous meses logo das eleccións do 16 de xaneiro e a outros dous do 20 de Maio, data da investidura, o primeiro balance de Beijing non é do todo satisfactorio e probablemente quere así enviar unha mensaxe ao PDP respecto das negativas consecuencias das resistencias a aceptar as súas esixencias para manter a estabilidade no Estreito, isto é, o recoñecemento do Consenso de 1992 e do principio de unha soa China, renunciando de forma clara e expresa a calquera ruta independentista. 

Tsai pediu “boa vontade e confianza mutua”, pero existe unha enorme fenda entre o que dela espera a sociedade taiwanesa e o que anhelan as autoridades continentais. O arrefriamento é un feito.

Taiwan mantén relacións diplomáticas con 22 países, dos cales 6 pertencen a Oceanía, 6 a América Central, 1 a América Latina, 5 ao Caribe e 3 a África, ademais do Vaticano. Esta primeira rede de aliados complétase con 41 oficinas de representación comercial e cultural que dan vida a certo activismo e presenza internacional lastrada polo feito do non recoñecemento de Nacións Unidas como un estado soberano. Taiwan é un Estado de facto pero non de dereito. 

Ben é sabido que a situación dos aliados diplomáticos de Taiwan é precaria, tal como recoñeceu recentemente o ex ministro de Asuntos Exteriores, Francisco Ou. Aínda así, para Taipei é vital manter certa marxe de manobra a nivel internacional. Nos últimos anos mantívose estable en virtude da tregua diplomática pactada entre PCCh e KMT, incluso avanzando na súa presenza en determinados espazos da ONU onde non se require a condición de Estado para participar contando para iso co nihil obstat de China. Pero a vitoria do PDP cambia o escenario. Na propia África, Santo Tomei e Príncipe, que este ano afronta eleccións presidenciais, podería ser o seguinte. O seu presidente Pinto da Costa visitou a título privado en xuño de 2014 Beijing e Shanghai, en teoría para captar investimentos. Poderíanlle acompañar Swazilandia e Burkina Faso. A posición internacional de Taiwan veríase entón seriamente socavada.

Durante a súa campaña, Tsai prometeu ensanchar o espazo diplomático de Taiwan pero a condición previa é un entendemento con China. Todo o demais é un brinde ao sol. Si China move os seus dedos, de vez, máis da metade dos aliados poderían cambiar de bando.

Fontes próximas ao PDP, quizá adiantándose a un escenario pesimista, afánanse agora por relativizar a importancia dos aliados tendo en conta que a súa escasa influencia internacional -manifestada nas vicisitudes do seu apoio na ONU, claramente á baixa- réstalle utilidade. En termos comerciais son marxinais e no político pouco ou nada poden axudar a viabilizar os intereses taiwaneses. As únicas relacións útiles serían, din, as mantidas con Tokio e Washington pese ao seu carácter non oficial.

É de esperar que Beijing siga premendo por esta e outras vías (reducindo as visitas turísticas a Taiwan, por exemplo, ou en materia comercial) ou utilizando a panca da comunidade empresarial para cominar a Tsai a desoír aos máis radicais independentistas da súa formación, pero non pode descartarse un efecto rebote contrario ao esperado. A final de contas, quen votaron ao PDP sabían o que facían e o rexeitamento ás políticas procontinentais do KMT influíu significativamente na súa derrota. Sexa como for, a curto prazo, non parece probable que a presidenta electa satisfaga os requisitos esixidos polo PCCh.

Nunha recente entrevista concedida á CNN, o presidente saínte Ma Ying-jeou recoñeceu que tanto el como o presidente Xi son conscientes de que non existen condicións políticas para a unificación. Xi, no entanto, ao referirse a Taiwan en anteriores ocasións, lanzou non poucas advertencias sobre as graves consecuencias do afastamento da illa da senda marcada polo continente. No Foro Boao, o representante taiwanés Vincent Siew reclamou a Li Keqiang a separación de “política e economía”, pero nada é máis irreal a día de hoxe. China podería aceptar outra velocidade pero non un cambio de dirección.

O restablecemento de relacións China-Gambia é un claro e primeiro aviso. Si Tsai non ten en conta os intereses de Beijing no seu discurso de investidura o próximo 20 de Maio, podería desencadear outras “sancións”, incluída a suspensión das canles de negociación existentes. Beijing reclama a Tsai un claro xesto de achegamento ás súas teses. 

Podemos relativizar o dato asumindo que tecnicamente non se rompeu a tregua non oficial posto que Gambia xa non era aliado de Taiwan. As propias autoridades continentais aseguran que as políticas principais seguen vixentes e “nunca se alterarán cos cambios da situación política en Taiwan”, pero todo iso sempre queda supeditado á aceptación dos postulados esenciais. 

A advertencia é contundente e aboca a Tsai a un exercicio de aproximación a China aínda a risco de distanciarse da súa propia base social. Congraciarse co “status quo” ou recoñecer a existencia “histórica” do Consenso de 1992 non é suficiente para Beijing.
A decisión de Gambia implica que, polo momento, China non ten intención de socavar activamente as relacións diplomáticas de Taiwan senón só demostrar que nada lle resultaría máis fácil que o seu colapso.