Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 17 de Decembro de 2021 Ríos

Fin da URSS

que_foi_daquel_sono.jpg

Conta Mijail Gorbachov nas súas Memorias o amargos que foron os días que precederon á extinción da Unión Soviética, que el mesmo se viu na obriga de anunciar nun discurso o 25 de decembro de 1991, hai agora trinta anos. O seu empeño centrábase en garantir a transformación da unión nunha nova armazón de estados soberanos, un afán baldío ante a crecente influencia destrutiva de Rusia Democrática e a súa decisión de dinamitar calquera esperanza de facer prevalecer o resultado do referendo do 17 de marzo que rexeitaba, por significativa maioría (máis do 70 por cento dos electores), a escisión da Unión. O torpe e fallado golpe de agosto empurraba nesa dirección.

Entre bambolinas, Guennadi Burbulis e Serguei Shajrai, asesores de Boris Ieltsin, foron os principais muxidores liquidacionistas. Con Gorbachov practicamente fora de xogo, ministros e militares de alta gradación negociaban ás súas costas nun ambiente de humillación e submisión sen par. Sálvese quen poida.

Cando Stanislav Shushkevich, o presidente bielorruso, por encomenda de Ieltsin e Leonid Kravchuk, chamou a Gorbachov para informarlle da decisión tomada polos tres de liquidar a URSS e abortar a creación da Unión de Estados Soberanos, explicoulle que xa falaran previamente co presidente estadounidense George Bush e que contaban co seu total apoio. No parlamento ruso, os propios deputados comunistas, co actual líder Guennadi Ziuganov á fronte, votaban a favor do acordo do bosque de Belovesh e da disolución. O PCUS foi levado a xuízo ante o Tribunal Constitucional para saldar contas nun barullo orquestrado para deixar sentada a equiparación entre as ideoloxías comunista e fascista.

Gorbachov admitiu o serio atraso da URSS na súa competencia con Occidente. O estancamento brezhneviano impediu ver a necesidade dun cambio estrutural e de renovación dun aparato produtivo que enfrontaba xa unha revolución tecnolóxica. Pero tamén o desenvolvemento social e político demandaba unha nova concepción

Occidente tirou o máximo proveito posible daquela crise. Prontamente, os imperativos xeopolíticos impuxéronse aos democráticos. Nas mesmas capitais onde agora se condena a Vladimir Putin, cualificado de repelente autócrata, bendiciuse o rumbo do bébedo Ieltsin cara o autoritarismo por ser entón claramente beneficioso para os intereses occidentais. Xustificáronse e aprobáronse os sucesivos golpes á legalidade constitucional e democrática, incluído o bombardeo do Parlamento ruso en 1993 ou o recurso ás opcións militares no Caucaso. Nas eleccións de 1996, a “comunidade internacional”, tan escrupulosa no escrutinio democrático de tantos comicios, decidiu ignorar o clamoroso fraude na falsa vitoria de Ieltsin fronte a Ziúganov.

A expansión da OTAN segue hoxe en día, como constatamos na pugna ucraína. Durante as negociacións para a reunificación alemá, Occidente deu seguridades a Gorbachov de que non se alargaría cara o Leste….. Se os deixan, chegan ata Moscovo. E máis alá.

A disolución da URSS foi un gran trofeo na guerra fría que librou aos EUA dun perigoso rival. A perestroika malogrouse, sobre todo, porque non lograra dar prosperidade ás persoas, recoñecía Gorbachov. Todo se resume nun fracaso, un colapso inaudito e sen precedentes pola súa velocidade e magnitude. Non obstante, reler hoxe as ideas que aniñaban nela desvelan aínda unha interpretación alternativa dos ideais de progreso, humanismo e xustiza que o liberalismo triunfante está lonxe de representar.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais