Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 1 de Outubro de 2021 Ríos

Futuros para Afganistán

descarga.jpg

O 11 de Setembro, 20 anos despois do fatídico 11S, os EUA debían completar a retirada das súas tropas de Afganistán, cumprindo así coa promesa realizada nos acordos subscritos cos Talibán en Doha en febreiro de 2020.

Esta previsión desencadeou nos meses previos unha nova crise humanitaria en paralelo á intensificación do conflito e o inevitable desprazamento de civís. Dende o anuncio do plan de retirada das tropas dos Estados Unidos en maio, os Talibán afirmaron capturar, un tras outro, a maioría dos distritos en Afganistán, mentres que as forzas afgás dicían estar dando de baixa polo menos a 200 insurxentes diariamente. No primeiro semestre de 2021, ante a inseguridade e o repunte da violencia, preto de 300.000 persoas tiveron que abandonar os seus fogares, elevando a cifra total de afgáns desprazados polo conflito a 3,5 millóns de habitantes.

Ata aquel aniversario, podía esperarse un incremento dos combates en todas as frontes nun asedio no cal o exército regular parecía levar as de perder. Pero para desesperación das comunidades locais, este esfumouse dun día para outro, acelerando unha caótica e humillante saída das tropas internacionais e os seus colaboradores. A presión talibán levou ao goberno en Kabul ( e aos que apoiaban) a unha derrota sen paliativos. Segundo o presidente Ghani, "aos Talibán levaríalles máis de 100 anos conseguir a vitoria”. Foi dos primeiros en fuxir do país.

Ao seu paso, os Talibán, que agora se fan chamar o Emirato Islámico de Afganistán (EIA), reimplantaban o seu código de costumes e preceptos islámicos, cuxas vítimas preferentes son as mulleres e as nenas, e que no seu día motivaron o repudio do mundo occidental. A ideoloxía talibán baséase nunha interpretación radical do Islam. Os territorios onde se orixinou son tamén os que máis impulsaron o movemento fundamentalista. Alá por onde pasan, aterrorizada, a poboación civil instálase no desamparo máis absoluto mentres os servizos básicos saltan polo aire. Mentres a expectativa da violencia gaña terreo, os países veciños, Irán e Paquistán, prepáranse para un novo fluxo de refuxiados a gran escala.

A “guerra contra o terror”

A de Afganistán non foi só unha guerra tan longa como inútil senón que a vitoria talibán ameaza con actuar como un potente resorte moral para os seus líderes e combatentes animando aos seus homólogos noutras partes do mundo. Venceron á URSS e agora presumirán de vencer aos EUA. O seu réxime tradicionalista e bárbaro campará ás súas anchas tras desbaratar múltiples operacións militares levadas a cabo en nome da humanidade por diversos países (tamén España) e organismos internacionais (OTAN incluída). A súa visión apocalíptica ameaza con impoñerse definitivamente.

No balance, aos mortos na contenda (máis de 45.000 soldados entre forzas internacionais e locais) habería que sumar preto de 50.000 civís. Case 33.000 menores de idade perderon a vida e quedaron mutilados en Afganistán nos 20 anos de guerra, segundo afirmou a organización humanitaria internacional "Save the Children", radicada en Londres. Segundo o Instituto Watson para Asuntos Internacionais e Públicos da Universidade estadounidense de Brown, os custos económicos para Washington superaron os 2,26 billóns de dólares.

A “guerra contra o terror” non dá máis de si. Desatada tralos atentados do 11S, esa política evidenciou no seu momento unha primeira inflexión da posguerra fría. Con Moscovo co xeonllo fincado, os EUA identificaron no terrorismo ao novo inimigo, posuidor de todas as condicións requiridas (violencia, espectacularidade, inseguridade, incerteza) para xustificar unha era de guerra permanente baseada na utilización de dispositivos intelixentes, novos sistemas de vixilancia masiva, a participación activa de mercenarios, etc. O terrorismo transcendeu e eclipsou ao “eixe do mal” (Iraq, Irán e Corea do Norte).

A “guerra contra o terror” trouxo consigo tamén como primeiro impacto un reforzamento da hexemonía dos EUA no mundo. Non económica, tampouco moral, si militar e ideolóxica. A supremacía castrense nun contexto de persistencia do baleiro global tralo fin da guerra fría, derivou na decidida aposta pola substitución dos recursos da diplomacia polos útiles do Pentágono para alcanzar obxectivos políticos.

A brutalidade do 11S deixou o limiar destas accións nunha posición moi elevada e conmocionou á comunidade internacional. En paralelo, proporcionou aos EUA un aval indiscutible para arbitrar coalicións mundiais sustentadas en verdade sobre unha afirmación do unilateralismo e un seguidismo sen condicións. Washington arrogouse entón a capacidade para impoñer a súa propia definición de terrorismo (en esencia, seríao “todo aquel que nós digamos que o é”), significándoo como a principal preocupación mundial.

O “patriotismo universal antiterrorista” alentado pola Casa Branca desprazou da axenda á fame, a pobreza, os conflitos, os desequilibrios, o clima, etc. Por outra banda, a reactivación da decaída economía estadounidense atopaba un poderoso aliciente no gran investimento derivado á defensa. Así mesmo, proxectos rodeados de polémica vían achantado o camiño cara ao seu desbloqueo: dende o escudo antimísiles, o tratado ABM ou o rexeitamento ao acordo de Xenebra sobre as armas químicas, entre outros. A única superpotencia militar do mundo dispoñía do argumento preciso e incontestable para xustificar o uso -e abuso- do seu poder.

A “guerra contra o terror” engadiu tamén recortes significativos nas liberdades vixentes nas sociedades democráticas xustificados na necesidade da prevención: máis seguridade interior, máis diñeiro para intelixencia, máis privilexios para as forzas de seguridade, máis restricións na mobilidade humana, especialmente para os emigrantes de orixe árabe. E a maiores, penal extraterritorial de Guantánamo -aínda non pechado-, cárceres secretas da CIA en varios países, Abu Ghraib… E tamén proporcionou acceso a recursos naturais que pese ao posterior fracaso das operacións militares, en moitos casos subsiste como única misión cumprida.

Catro presidentes (Bush, Obama, Trump e Biden) alimentaron de seu esta guerra interminable contra o terror con apenas matices, ampliando cada vez máis o alcance das operacións e perpetuándoas no tempo. Alentando adaptacións na estratexia belicista e establecendo polémicos marcos legais para xustificar as súas accións (con drons, mísiles teledirixidos, forzas especiais…), os ataques selectivos pasaron a formar parte do cotián. Calquera límite evaporouse ao santificar como xusta calquera guerra relacionada co terrorismo mentres, paradoxalmente, o presidente Obama era galardoado co Premio Nobel da Paz.

No comezo do século XXI, os EUA parecían telo todo ao alcance da man. Rusia non era rival e o seu dominio económico, financeiro e tecnolóxico nun mundo sustentado no paradigma neoliberal ofrecía unha perspectiva hexemónica dificilmente desprezable. Vinte anos despois, a situación mudou radicalmente en moitos aspectos. No estratéxico, Rusia está de volta e China tamén. En moitas rexións do mundo, o neoliberalismo bátese en retirada. As guerras nas que o Pentágono embarcou a tantos países, dende Afganistán a Iraq, reveláronse empresas erradas que debilitaron o seu liderado global. Tampouco habían ter mellor destino “intervencións humanitarias” como a autorizada pola ONU en 2011 en Libia e que derivou nun cambio ilegal de réxime e posterior destrución do país, hoxe un Estado fallado. Nin operacións auspiciadas en países como Siria, Iemen, etc. A crise de 2008, orixinada no seu propio chan, desestabilizou as finanzas mundiais. Así mesmo, no tecnolóxico, comercial ou económico, a súa posición resentiuse. O futuro, en suma, é notoriamente multilateral.

Os anos transcorridos acreditaron que o terrorismo global non é só un problema de seguridade. Entendelo doutra forma condénanos a unha guerra sen posguerra, un mundo de temer no que o principio de acción-reacción sitúanos nunha loita sen cuartel e sen fin. É indispensable acudir á raíz do problema, é dicir, ás fendas de desenvolvemento, a falta de expectativas, a deficiente institucionalidade, etc.

Moitos países en diferentes ocasións nos últimos anos concertaron accións e recursos para encarar determinados problemas relacionados co terrorismo. Sería desexable que o mesmo puidese facerse de forma tanto ou máis efectiva para habilitar programas de desenvolvemento ou para modificar as regras do comercio internacional de forma que se xeren oportunidades para o progreso humano entre as comunidades máis desfavorecidas.

O 11S e os acontecementos posteriores confirman, primeiro, que o recurso a un militarismo globalizado non nos proporciona a seguridade anhelada, esixíndose respostas que deben ser máis complexas: segundo, que o combate ao terror necesita dunha cooperación global articulada non sobre a base da procura da inmunidade por parte dun determinado país senón no establecemento de consensos baseados na procura sincera da paz e o desenvolvemento. As leccións non son só para os EUA senón para toda a comunidade internacional.

Futuros para Afganistán

Regresamos, pois, á cuadrícula de saída. O menos que pódese dicir é que se os exércitos poden gañar as guerras, dificilmente poden construír a paz. O fracaso en Afganistán  limitará o alcance das accións internacionais neste campo e ameaza o futuro das intervencións chamadas humanitarias.

Tamén a orde rexional está en cuestión. China, Rusia e os demais membros da OCS, a Organización de Cooperación de Shanghái (Kazajstán, Kirguistán, Tayikistán e Uzbekistán), mostráronse moi preocupados polas consecuencias do avance dos Talibán. Afganistán limita con catro dos seis países que integran a OCS e a situación actual implica a toda a rexión de Asia Central.

Os medos alcanzan ao Sur de Asia, unha rexión ateigada de grupos armados que poderían ver con euforia a vitoria da insurxencia. A mensaxe dos Talibán aos grupos islamitas de India, Paquistán e outras rexións do Sur e Centro de Asia é que se son capaces de resistir durante un longo período de tempo, aínda que non será doado, é posible vencer a calquera rival por máis poderoso que sexa.

Guerra civil, partición, estado fallado ou asentamento do poder talibán, estes son os escenarios inmediatos a futuro. Os países de Occidente queren exercer presión conxelando as reservas e deixando de prestar axuda económica para influír nas actitudes gobernamentais, pero isto pode beneficiar a rivais estratéxicos e alentar un novo e temido fluxo de desprazados ante o agravamento da pobreza e a crise económica. O portavoz do secretario xeral da ONU, Stephane Dujarric, declarou que o plan de axuda humanitaria para apoiar a Afganistán no ano 2021 só conta con un 40 por cento do financiamento. O deterioro das condicións básicas que permiten recrear certa estabilidade pon ao límite das súas posibilidades o futuro de Afganistán. Desfeito por tantos anos de guerra interminable, anegado pola corrupción e a pobreza a partes iguais, incapaz de liberarse do subdesenvolvemento, a supervivencia ao amparo da asistencia humanitaria ben puidese resultar o seu horizonte inmediato.

O horizonte da partición semella salvado. Tralo fracaso das negociacións en Kandahar entre os Talibán e o "goberno" leal ao antigo réxime de Kabul, iniciaron o ataque contra o val de Panjshir o 31 de agosto. Unha semana despois, era capturado, tomando o control da totalidade das 34 provincias de Afganistán. Dende Panjshir, o ex vicepresidente Amrullah Saleh, líder dos opositores autoproclamado como presidente lexitimo do país "segundo a Constitución", trala fuga de Ghani, alimentaba a ilusión co aval das milicias  encabezadas por Ahmad Massoud, fillo do defunto líder de orixe tayika Ahamad Shah Massoud. A expectativa de que o poder Talibán se consolide vai tomando forma e na medida en que sexa quen de estabilizar a situación poderá contar con certo aval internacional.

Washington completou o 30 de agosto a súa retirada militar de Afganistán poñendo fin a dúas décadas de guerra neste país de Asia central. Esta contenda bélica foi a máis prolongada na historia dos Estados Unidos. A caída de Kabul e o asalto ao Capitolio son dúas poderosas imaxes que simbolizan o convulso presente e presaxian o incerto futuro do hexemón global.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais