Gadafi e a “Primavera” árabe

O próximo domingo 23 de outubro levaranse a cabo as eleccións para a Asemblea Constituínte en Tunisia, o país onde comezou a vaga de acontecementos que están mudando dramaticamente a faciana xeopolítica do Magreb e do mundo árabe. Compre observar que a consolidación dunha Tunisia democrática e multipartidista debería servir de necesaria referencia para unha rexión actualmente convulsionada.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

O próximo domingo 23 de outubro levaranse a cabo as eleccións para a Asemblea Constituínte en Tunisia, o país onde comezou a vaga de acontecementos que están mudando dramaticamente a faciana xeopolítica do Magreb e do mundo árabe. Compre observar que a consolidación dunha Tunisia democrática e multipartidista debería servir de necesaria referencia para unha rexión actualmente convulsionada.

A caída da autocracia de Ben Alí en Tunisia, curiosamente un ditador que contou co tácito apoio occidental precisamente ante a necesidade de evitar ese espertar democrático no mundo árabe que agora Occidente apresurase en defender, deu paso á posterior caída do seu homólogo exipcio Hosni Mubarak, outro “baluarte” prooccidental caído en desgraza. Dentro dun mes, Exipto tamén irá a eleccións constituíntes para consolidar unha transición repleta de escenarios tan complexos como incertos, precisamente pola contraposición de intereses e demandas por parte dos actores implicados e a preservación dun clima de certa frustración social.

Non obstante, a escasa atención informativa e política cara as transicións en Tunisia e Exipto contrastan coa preponderancia outorgada polos medios de comunicación ao conflito libio. A determinación da OTAN e da ONU en acabar co réxime de Muammar al Gadafi finalmente cobrou a vida do excéntrico coronel libio, certificando así o final dun réxime tan surrealista como prolongado.

Coa total anuencia da OTAN e das potencias occidentais, as dramáticas escenas en vivo e directo do asasinato ante as cámaras de Gadafi por parte dos rebeldes libios confirman esas raíces de odio e revanchismo instaladas na Libia actualmente controlada polo Consello Nacional de Transición (CNT), a entidade defendida por Occidente coa velada intención de tomar posesión e iniciativa dos cambios en curso no Magreb e no mundo árabe. Todo isto baixo a pretendida e vaga aplicación do principio da Responsabilidade de Protexer. Ninguén, por tanto, reclamará ante a xustiza internacional se existe violación algunha no asasinato de Gadafi.

En clara contrariedade co caso tunesino, a transición libia, manifestada nunha inusitada violencia de carácter sectario, servirá como perniciosa referencia para o mundo árabe, un aspecto do que Occidente mantén a responsabilidade principal pola súa directa implicación na caída e asasinato de Gadafi, un ditador cuxas relacións con exterior variaron de acordo ás circunstancias existentes no plano internacional. A máis que probable “iraquización” en Libia provocará, invariablemente, a inestabilidade no Magreb tanto como a transición post-Saddam en Iraq alterou dramaticamente o mapa en Oriente Próximo.

Tras Ben Alí e Mubarak, Gadafi é o terceiro líder que cae a raíz da actual Primavera árabe, sendo o libio o primeiro que pagou coa súa vida este final político. Na recámara parecen estar o sirio Bashar al Asad ou o iemenita Saleh, mentres Occidente perpetúa a súa tradicional dobre vara de medir, lastrada pola preponderancia dos seus intereses enerxéticos e xeopolíticos nun escenario tan esvaradizo como conflitivo. Ante tanta violencia larvada e provocada, só cabe desexar que a estabilidade na transición en Tunisia e Exipto sirvan, necesariamente, como lección para Occidente e o mundo árabe.