Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
29 de Xullo de 2019 Ríos
(Libro Homenaxe a Argimiro Rojo Salgado)

Galeguismo e europeísmo: Cando Europa é aquí

placa_pl_cido_en_corcubi_n.jpg

O galeguismo dos anos vinte e trinta do pasado século e mesmo o reagrupado despois da guerra civil foron profundamente europeístas, cada un cos seus matices. A declaración de principios do Partido Galeguista (PG) incluía a alusión á “Galicia, célula de universalidade” que tiña en Europa unha primeira concreción inapelable. Figuras destacadas deste movemento como Plácido Castro ou Lois Tobío compartían fondas arelas neste sentido. Tamén outras posteriores, na posguerra, como Ramón Piñeiro ou Ramón Lugrís.

A “Galicia, célula de universalidade” do PG fundado en 1931 asentaba en tres principios: pacifismo, federalismo internacional e antiimperialismo. Como sinalaba M. Buxán en A Nosa Terra o 7 de xullo de 1934, o galeguismo é defensor das pequenas nacionalidades por entender que é a única maneira de evitar as guerras que se suscitan case sempre polo afán imperialista das grandes potencias, dos grandes estados. Para Ramón Villar Ponte, o federalismo brindaba a posibilidade de plasmar unidades superiores creadas polo pacto e a comenencia mutua, sen intervención algunha da violencia. O federalismo que xa defendía en A Nosa Terra o 20 de novembro de 1917, baséase no libre consentimento de todas e cada unha das nacionalidades integrantes da estrutura federal, efectivizando unha solidariedade que descarta calquera tentativa opresora ou negadora das pequenas nacionalidades. Abondando no antiimperialismo, o propio Plácido Castro chegara a afirmar nunha conferencia en A Coruña (1930) que quizais non sexa a verba “nacionalismo” a mais axeitada para definir o movemento galeguista, completamente alleo ao chauvinismo. Aquel seu nacionalismo galego representa a negación mesma do espírito conquistador posto que cataliza a renuncia á gran patria forte.

Vinculando os tres aspectos, Fernández del Riego indicaba en A Nosa Terra o 27 de marzo de 1936, que a única solución pacifista de fonda permanencia non poderá residir endexamais mais que nisto: unha completa desfeita dos estados históricos e imperialistas e a creación dun federalismo internacional constituído sobre a base das pequenas nacións. E para deixalo claro de todo, Xohán de Pazos matizaba xa unha década antes que, fronte aos hipotéticos perigos da atomización de Europa, non se trataba de voltar á Idade Media “coma si non tiveramos aprendido ningunha cousa dende entón” (A Nosa Terra, 25 de xullo de 1926).

Lois Tobío ten explicado a enorme importancia que a adscrición a estas ideas tiña para o galeguismo da época, tanto para contrarrestar a influencia daquel internacionalismo que salientaba que “todos somos traballadores” pasando a un plano menor as orixes nacionais, como daquel outro cosmopolitismo que abundaba na observación de que “tomos somos cidadáns do mundo”. O galeguismo viña a propoñer que exerceramos de galegos no mundo con independencia de afáns ou ideoloxías. Por tanto, a defensa do universalismo era parte indispensable do ideario galeguista desde os inicios do movemento e unha proposta para fomentar e agrandar a súa base social en medios conscientes, organizados e avanzados da sociedade de entón.

O enunciado programático tivo tamén un recorrido práctico plasmado na ampla atención prestada nos medios propios ao acontecer mundial, especialmente aos movementos nacionalistas de todas as latitudes, de Europa ata a Asia ou África, co propósito non só de influenciar o estado de ánimo do propio galeguismo nun momento de eclosión nacionalista, como tamén de crear conciencia e facer pedagoxía a propósito da relación existente entre as expectativas de uns e outros movementos en todo o mundo e fomentar a solidariedade.

Por outra banda, a coordinación cos nacionalismos vasco e catalán xa daquela sustentábase nun obxectivo compartido: visibilizar a súa problemática en Europa, un empeño que tivo un reflexo significado no achegamento ao Congreso de Nacionalidades Europeas, ao que Galicia, da man de Plácido Castro, chegou a sumarse en 1933.

Daquela, era o intelectual de Corcubión quen defendía que o nacionalismo era un credo moderno, unha reivindicación non de establecemento de novos valados e fronteiras senón de novas formas de unión, sinalando a concepción do nacionalismo como un punto de contacto co mundo. Reivindicaba Castro del Río para Galicia desde as páxinas de A Nosa Terra (4 de agosto de 1933) unha política exterior propia, afincada nos seguintes eixes principais. Primeiro, a coordinación no marco de Galeuzka cun dobre propósito: influír na política do Estado onde a percepción negativa dos nacionalismos periféricos problematiza as ofertas políticas de encaixe territorial. Plácido Castro acostumaba xa entón a resaltar o diferente trato recibido polos nacionalismos minoritarios de Londres, que aspiraba a gañarse a súa lealdade mediante unha exaltación medida, en contraste coa actitude de Madrid, ben lonxe, nas antípodas, da británica, apostando polo seu arrombamento e superación mediante a uniformización. O segundo propósito no marco de Galeuzka era camiñar da man para gañar presenza, recoñecemento e influencia en Europa.

Segundo, o estreitamento de lazos cos pobos lusitanos, con especial referencia a Portugal e Brasil, atendendo ás raíces lingüísticas e culturais compartidas. Plácido Castro destacaba igualmente a importancia de que vascos e cataláns fomentaran a cooperación coas comunidades respectivas do sur de Francia no que hoxe entenderiamos como un fundamento da cooperación transfronteiriza, unha das bases esenciais da construción europea da posguerra.

Terceiro, atendendo á configuración do celtismo como unha das bases irrenunciables da identidade galega, tamén suxería, cara fóra, a elaboración dunha acción política exterior cara as terras célticas do Norte, que hoxe asimilariamos en boa medida co Arco Atlántico e que Plácido reivindicaba como un piar da identidade europea, de tanto valor e significación como o piar latino ou grego para a conformación das nosas bases civilizacionais.

Ese país aberto ao mundo e a Europa en concreto, estaba, pois, liderado polo galeguismo. Aínda que foros moitos os que prestaron atención a estes temas naquela época, dende as Irmandades da Fala (1916) á  Xeración Nós, desde os irmáns Villar Ponte a Otero Pedrayo ou Vicente Risco, dúas figuras compre salientar: as xa citadas de Plácido Castro e Lois Tobío.

Plácido Castro (Corcubión, 1902 – Cambados, 1967), chegou ao nacionalismo dende unha longa e infrecuente experiencia formativa británica. De familia acomodada, formouse no Colexio Scarborough e na Universidade de Glasgow, colaborando co galeguismo dende os anos vinte de forma activa, especialmente a través de publicacións en diversos medios, chegando a presidir as Irmandades da Fala da Coruña e participando na constitución do Partido Galeguista en Pontevedra en 1931, incorporándose ás súas actividades de organización e de difusión. 

Plácido seguiu moi de preto a causa nacionalista irlandesa que erguía paixóns no movemento galeguista. Visitou Irlanda e as illas Blasket en 1928, dando conta da súa estancia nunhas fermosas crónicas publicadas en El Pueblo Gallego. Castro del Río foi tamén quen representou ao Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, Suíza, en 1933, onde foi admitida a representación desta formación e, conseguintemente, Galicia recoñecida como unha nación europea. A partir de entón pasou a exercer como secretario de relacións internacionais do PG, sendo substituído na responsabilidade de organización por Alexandre Bóveda. Durante a guerra, logrou salvar a vida e en 1940 foi condenado a unha pena de multa de 25.000 pesetas, oito anos de desterro a 100 km de Muxía e 15 anos de inhabilitación absoluta. Pasou a residir en Vigo e despois regresou ao Reino Unido onde exerceu na BBC en diferentes programas, incluído o primeiro en galego do mundo da radiodifusión. Despois do seu regreso a Galicia, exerceu como profesor de inglés nun instituto de Vilagarcía.

Pola súa banda, Lois Tobío (Viveiro, 1906 – Madrid, 2003), é outra voz singular no universo galeguista. Se Plácido era anglófilo, Tobío era xermanófilo. Ambos os dous de grande formación, se o primeiro estivo marcado pola súa experiencia británica, Tobío ficou marcado pola súa estadía no Berlín de 1929 ao onde chegara para ampliar estudos de Ciencia Política entre outros con Hermann Heller, o fecundo alentador do “estado social de dereito”. Andados os anos, Tobío traducirá ao español a súa principal obra, Staatslehere. Da súa experiencia berlinesa, Tobío regresaría a Galicia transformado en máis europeo e máis galego, gustando de salientar que saltara de Santiago a Berlín sen pasar por Madrid. En 1932, ingresa na carreira diplomática desempeñando en Sofía, Bulgaria, o seu primeiro destino. Aquí sorprendeuno a guerra tomando partido sen dubidalo pola República. De regreso na península, en 1938 converteuse en secretario xeral do Ministerio de Estado, que daquela tiña a Álvarez del Vayo á fronte. Perdida a guerra, exiliase en América de onde regresa en 1963 para instalarse en Madrid.

Un liberal demócrata e progresista, o outro mais afín a unha esquerda de signo filomarxista, ambos os dous mostran unha grande paixón pola tradución, circunstancia que non deixa de ser expresión desa dimensión universalista integral que traza medularmente a súa visión do mundo e o seu compromiso persoal dende os anos mozos. Ambos os dous tamén abrazarán o xornalismo e abordarán dende as tribunas de medios en Europa e América tanto asuntos relacionados coa política internacional como tamén coa cultura en sentido amplo con especial atención nun caso aos autores británicos e irlandeses e no outro, moi singularmente aos xermanos, aínda que non só.

Camiño de Europa

A senda que levaría ao PG e a Plácido Castro a participar no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE) comezou de maneira efectiva en Donostia en 1933. Foi no marco da celebración do II Aberri Eguna baixo o lema “Euzkadi-Europa” que a participación galega, da man de Otero Pedrayo, tomou contacto con Ewald Ammende, secretario xeral do citado congreso. Seguidamente, Ammende visitou Galicia en abril de 1933 e tivo entón a oportunidade de coñecer de primeira man a situación e ideario do movemento galeguista así como os seus líderes políticos e intelectuais e predicar a favor do recoñecemento dos dereitos das pequenas nacionalidades europeas.

Cabe recordar que o lograr un recoñecemento internacional era un soño dos galeguistas dende o inicio do seu movemento, xa presente dende as Irmandades da Fala. Eran dúas as vías que estaban enriba da mesa: a revolucionaria, encarnada pola Liga contra o Imperialismo e pola Independencia Nacional; e a legal, baseada no principio da lealdade das minorías, é dicir, na reclamación de maiores dereitos de autonomía sen poñer en cuestión a integridade territorial estatal. Esta era a vía representada polo Congreso de Nacionalidades Europeas.

Os obxectivos do CNE centrábanse en coordinar as diferentes minorías nacionais europeas ofrecendo un marco institucional para debater as súas problemáticas nos mais diversos eidos procurando medidas para a protección da súa identidade, modo de vida, cultura, educación, relixión, etc., formulando recomendacións que chegaban á Sociedade de Nacións a través da súa sección de minorías nacionais que acostumaba enviar representación autorizada ás súas xuntanzas elevando os correspondentes informes.

Aquel CNE era unha organización moi plural na que vascos e cataláns viñan participando dende anos antes: os cataláns dende 1926 e os vascos dende 1930. Mantería a súa vixencia ata 1938. Este derradeiro congreso celebraríase en Estocolmo, moi influído polo quebranto organizativo que supuxo o falecemento de Ewald Ammende en 1936 e igualmente polos tambores de guerra que asomaban de novo en Europa e que xa tres anos antes, cando se materializara a participación galega, quedaran patentes coas fortes tensións entre as minorías alemás e os grupos xudeus.

No IX Congreso, Plácido Castro presentou aos asistentes unha ampla Memoria redactada por Vicente Risco a modo de presentación de Galicia, do seu territorio e xeografía, historia, economía, a súa cultura, patrimonio, paisaxe,  etc., incorporando ademais a visión da situación política en España e as expectativas dos galeguistas a propósito da consecución da autonomía e do Estatuto.

Á súa volta, o representante galeguista publicou no diario El Pueblo Gallego unha serie de tres artigos dando conta do evento e da súa significación, salientando especialmente o feito que por primeira vez na súa historia Galicia concorrera con personalidade propia nun acontecemento desta magnitude como tamén a feliz acollida da Memoria presentada e as atencións dispensadas á delegación galega que participou na recepción co presidente do Consello da Sociedade de Nacións, o primeiro ministro noruegués Johan Ludwig Mowinckel.

Nos anos 1934 e 1935, o PG mantivo o contacto co CNE aínda que non participou nos seus encontros anuais por dificultades varias, entre elas as febles capacidades económicas. Alternativamente, enviou escritos e informes que trazaban suxestións relativas a algúns dos temas que formaban parte da axenda do encontro, como o dereito a empregar libremente os nomes de diversos lugares na lingua materna.

O europeísmo da posguerra

Tralo fin da guerra civil e a posterior refundación do galeguismo sobrevivinte nun novo contexto estatal, europeo e internacional, Ramón Piñeiro (Láncara, 1915 – Santiago de Compostela, 1990) levou a cabo unha segunda lectura da orientación europeísta do galeguismo. Como ten destacado Xosé Luís Franco Grande, nos anos cincuenta, Piñeiro botou man das ideas europeístas daquel entón para mellor deseñar as estratexias de resistencia fronte ao nacionalismo español e o réxime franquista. A idea que el tiña do europeísmo en relación a Galicia partía de residenciar en Europa tanto as esperanzas de democratización como de reforzo da identidade propia.

A visión do europeísmo de Piñeiro, moi influenciada polo pensamento federalista de Denis de Rougemont, entre outros, foi transmitida aos febles e contados núcleos galeguistas daqueles anos en Compostela contando cun discípulo avantaxado como Ramón Lugrís (Ferrol, 1932 – Ciudad Real, 2015), quen xa sabía de Europa e do europeísmo cando coñeceu a Piñeiro en 1951 e que, segundo conta el propio no Texturas Internacionais 6, chegaranlle da Universidade de Barcelona onde había unha maior apertura e un maior interese polo exterior do que podía albiscarse na Compostela dos primeiros anos 50. Ávido lector, nunha primeira aproximación, Lugrís bate co entorno dunha guerra fría que sitúa a construción europea do bando de EUA e a crítica inapelable ao proxecto da man da extinta URSS, unha dicotomía que acompañará este debate durante décadas prolongándose ata o post-franquismo. Segundo Lugrís, o máis informado do que se cocía daquela en Europa era o demócrata cristián Xaime Illa Couto (Santiago de Compostela, 1915 – Vigo, 2012), quen naqueles anos fundaría con Plácido Castro a editorial Sept.

Piñeiro avogaba por unha Europa federal que sería a solución idónea para Galicia pois é nese marco que podería desenvolver a súa personalidade diferenciada aproveitando o proceso de reorganización política do mundo sobre a base de grandes agrupamentos supraestatais que no seu entender estaba xa en curso e era irreversible. Galicia sería un dos seus compoñentes naturais sen necesidade por iso de entrar en conflito con España e fuxindo da idea de converter a Galicia nun estado máis. A Europa das rexións estaba en camiño…

Piñeiro sintonizaba entón co ideario dos federalistas daquela Europa democrática que partían do axioma de Europa como unha cultura ante todo, en liña coas definicións do xa referido Denis de Rougemont. E Galicia, para Piñeiro, era tamén, ante todo, unha cultura, unha cultura occidental, que precisaba normalizarse e desenvolverse e dese xeito podía contribuír tamén á vertebración dunha cultura común que non podía ser outra ca a europea.

Convertido en divulgador das ideas que lle chegaban dos círculos europeos a propósito do que debera ser a unión europea en proceso de construción, Piñeiro tentou conformar un pequeno grupo que compartía con el as arelas galeguistas e con eles galeguizar o ideario que chegaba de Europa propondo unha adaptación que respondera aos nosos intereses e peculiaridades, nunca en conflito pois Europa era a salvación para Galicia naquela España do fascismo e do nacionalismo mais rancio. A preocupación principal de Piñeiro non discorría no eido da economía ou da política, que tamén tiñan presenza inevitable, senón deixar constancia do significado europeo da cultura galega.

Ramón Lugrís transcendía a Piñeiro no sentido de contar cunha máis ampla información que seguía de forma constante e asidua. De feito, cada quince días recibía unha morea de retallos de prensa, fundamentalmente británica e maiormente liberal, e aínda que o tema europeo no sentido federalista era observando sempre de esguello, axudáballe a instalarse intelectualmente naquel marasmo da censura, a conformar ideas e albiscar horizontes.

O chamado Grupo de Bastabales e os seus Parladoiros servían entón como selectos foros informais para reflexionar e debater sobre a realidade galega e o universo europeo asumindo ambas as dúas como un panorama sen descontinuidade. Seminarios, conferencias e as posibilidades abertas coa fundación da editorial Galaxia, axudaban a aquilatar aquela tendencia, desenvolvida ata onde entón a época podía permitilo, cun réxime sempre mais tolerante con esta abordaxe dos asuntos europeístas, menos preocupante para a estabilidade que outras disidencias comprometidas coa subversión da orde establecida.

Lugrís, aínda sen comulgar ao cento por cento con Piñeiro, recoñecía que para este a Europa federal era o camiño para a realización da personalidade de Galicia, desbotando outros camiños de inspiración xa sexa emancipadora de signo esquerdista como independentista. Hai un fío de continuidade, pois, coa previa tradición galeguista se ben a inflexión provocada pola ditadura, superada a desilusión provocada pola inhibición das potencias democráticas respecto da vixencia do fascismo franquista tralo fin da II Guerra Mundial, levaba aínda a pensar en Europa como unha utopía.

Nunha longa conversa mantida con Ramón Lugrís, parcialmente reproducida na revista Grial en 2012 e publicada integramente no Texturas Internacionais 9, el reclamábase aínda como un “convencido europeísta” e malia as moitas calamidades que hoxe padece Europa, non tiña dúbida de que o europeísmo seguía tendo actualidade dende o punto de vista da defensa dos intereses de Galicia. Aínda máis, o europeísmo, é dicir, a Europa Unida é a única posibilidade de podermos defender os nosos dereitos como entidade nacional, dicía.

Lembra igualmente que naquel ideario que el interiorizara nos anos cincuenta, había dúas hipóteses centrais: primeira, a superación das terribles guerras só sería posible instrumentando a creación dunha casa común para as nacións europeas e, segunda, para superar o concepto de Estado-nación era indispensable recoñecer os dereitos dos territorios con personalidade propia dentro dos estados existentes. A Europa federal sería a estrutura resultante. Era a Europa entendida como unha federación das comunidades básicas onde o ideal político democrático podía prender con máis forza. E aínda que Europa parecía que ía seguir ese camiño de devolución de poderes á cidadanía organizada nas súas comunidades básicas no marco dun proceso de descentralización a favor de entidades de diferentes niveis, a realidade quedou bastante lonxe daquel ideal.

Non obstante, a creación dese espazo comunitario e a democratización en España permitiron abrir vías para que as entidades que como Galicia formaban parte dese corpo das vellas nacións europeas puideran ter un rol propio. A paradiplomacia, con maior ou menor intensidade, foise conformando como un espazo de acción e representación xenuína que permitiu un achegamento directo a Europa. E Galicia, con voz propia, con maior ou menor fortuna e intensidade en función das circunstancias políticas propias e da súa contorna inmediata, foi facendo realidade aquela invocación suxerida por Plácido Castro moitas décadas antes de que aquí, no franquismo e aínda despois, soñaramos con algún xeito de acción exterior. Se ben o vello ideal dos galeguistas do século XX, de antes e despois da guerra, sigue á espera, a UE non perdeu nin moito menos importancia e transcendencia como espazo para a defensa e proxección dos nosos intereses como tampouco a pugna por instar unha relación sen intermediarios.

Lugrís reclamou para Europa unha auténtica constitución, un parlamento con facultades para lexislar por enriba dos gobernos de cada estado, un Presidente elixido por sufraxio dos cidadáns e un goberno responsable ante o Parlamento. En suma, só máis Europa podía axudar a realizar máis Galicia, entendida esta como unha célula de universalidade, como unha célula de europeísmo.

Segundo o parecer de Xosé Luís Franco Grande, o que Lugrís pretendía era asentar unha idea das perspectivas europeas de Galicia, isto é, de poñer de manifesto que só dentro de Europa tiñan sentido e futuro as nosas reivindicacións, fuxindo de calquera proposta de afastamento do noso entorno cultural nun momento en que xurdían novos paradigmas, actores e movementos nacionalistas de signo e influencia manifestamente contrarios e inspirados noutras doutrinas políticas.

Para Lugrís, era imperativo que Galicia formase parte da organización europea de acordo cos outros pobos da Península, isto é, actualizando a teima do período anterior de coordinación cos movementos das outras nacións cos que se puidera compartir a mesma visión. De feito, en plena ditadura, vascos e cataláns xa eran entón parte activa de varias organizacións europeas. Lugrís suxería o artellamento dun programa de acción política que integrara as forzas dos tres pobos para aplicar un sistema político de tipo federal que debería ser igualmente coñecido en Portugal a fin de prepararase para un futuro de política anovadora.

Conclusión

O galeguismo entendeu sempre a reivindicación dun fondo universalismo como complemento indispensable do nacionalismo, traducido nun escrupuloso respecto por outros pobos e culturas, pola exaltación permanente do valor da convivencia.

Os galeguistas de antes e de despois prestaban unha importante atención ao que pasaba en Europa, no País Vasco e en Cataluña, sendo moi conscientes de que da incardinación desas realidades, das aptitudes para establecer sinerxías, podía depender a capacidade mesma para articular propostas políticas democratizadoras do Estado e converter o chamado “problema nacional” nunha expresión de diversidade que multiplicara as posibilidades non só das comunidades minoritarias senón do propio Estado.

En España, os galeguistas figuraban entre os máis europeístas. Tanto o vello como o novo galeguismo, o posterior á guerra civil, compartiron unha ampla preocupación por enxertar politicamente o problema de Galicia en Europa e consideraban que por aí viría a solución para que a nosa Terra puidera conformarse de seu, progresar con base na propia identidade. E érano cando poucos o eran. Tobío lembra nas súas memorias como era alcumado polos seus compañeiros de promoción “El europeo”, precisamente pola súa vocación e compromiso neste sentido.

Quizais a diferencia, quizais só superficial, entre un e outro tempo radique na insistencia no novo galeguismo na idea de que o nacionalismo é unha ideoloxía superada para salientar que as reivindicacións de Galicia como pobo non podían facerse xa ao seu abeiro. Se Plácido Castro dicía que o nacionalismo era un credo moderno, os novos galeguistas confían no europeísmo, e non no nacionalismo como canle para encarreirar as nosas aspiracións.

A incitación a superar o nacionalismo devén das inevitables leccións da guerra e da necesidade de acoutar tanto o nacionalismo agresivo e imperialista como o internacionalismo revolucionario, o afán de construír imperios ou de uniformizar as clases sociais. Nese contexto, a supervivencia de Galicia como comunidade pende da sorte de toda Europa e se esta non se salva como casa común, Galicia tampouco se salvará. Para Lugrís, ademais, facer do nacionalismo a esencia das arelas galeguistas é condenalo ao fracaso e a unha esterilidade perpetua. O galeguismo, no seu entender, é algo máis fondo, moito máis auténtico que calquera teoría política.

Hoxe Europa segue a ser un espazo xeopolítico, económico e socio cultural onde Galicia, con independencia das formulacións institucionais do europeísmo e das limitacións derivadas dos convulsos vaivéns da política estatal, pode medrar en visibilidade e consistencia para enxergar o desenvolvemento da propia personalidade en todos os ámbitos.

En Europa, nos pobos e nas sociedades europeas, Galicia ten un aliado natural sempre e cando a propia sociedade galega sexa quen de non darse as costas a si mesma practicando unha autodestrución que sacrificaría aquelas ideas e ideais que os galeguistas, onte e hoxe, aspiran a situar como expresión dun ecosistema a conservar e desenvolver como obriga para coa humanidade.

Xulio Ríos é Presidente de Honra do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

Bibliografía sumaria

Castro, Plácido (2017), Un Galego en Irlanda, Fundación Plácido Castro.

Estévez, Xosé (2019), O GALEUZCA e Plácido Castro, XX Conferencia Anual Plácido Castro. Accesible en: http://www.fundacionplacidocastro.com/conferencia-anual/20a-conferencia-anual-placido-castro-o-galeuzca-e-placido-castro

Franco Grande, Xosé Luís e Ríos, Xulio (editores) (2015), Ramón Lugrís, Sempre Galicia, Sempre Europa, Colección Texturas Internacionais, IGADI.

Ríos, Xulio (1992), Galicia e a Sociedade das Nacións, Galaxia, Vigo.

Ríos, Xulio (1997), Plácido Castro, colección Galegos na Historia, Ir Indo, Vigo.

Ríos, Xulio (2002, Unha escolma xornalística de Plácido R. Castro, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña

Ríos, Xulio (2004), Lois Tobío, colección Galegos na Historia, Ir Indo, Vigo.

Ríos, Xulio (2018), Plácido Castro e o universalismo galeguista, XIX Conferencia Anual Plácido Castro. Accesible en: http://www.fundacionplacidocastro.com/conferencia-anual/19a-conferencia-anual-placido-castro-placido-castro-e-o-universalismo-galeguista

Tobío, Lois (1994), As Décadas de T.L., Ediciós do Castro, Sada, A Coruña.

VVAA (2009), O europeísmo en Ramón Piñeiro, Texturas Internacionais, IGADI.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais