Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
30 de Xuño de 2020 González Palau

Galicia e a lusofonía na década dos 20

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade"
Nós No Mundo 2019-2020

No ano 2019 cumpríronse cinco anos da aprobación por unanimidade no Parlamento da Lei de aproveitamentos dos vínculos co portugués e a lusofonía, realmente coñecida coma Lei Paz Andrade (2014). A Lei, filla dunha iniciativa cidadá impulsada polo movemento reintegracionista, acabou por levar o nome da Iniciativa e do ensaísta e empresario, Valentín Paz Andrade, na coincidencia co seu día das Letras de 2012 e a súa visión do potencial económico internacional da lingua galega.

Nestes cinco anos a Lei abriu unha nova etapa na historia da autonomía e a súa dimensión global, motivando distintas iniciativas de relieve, entre outras, os protocolos co Instituto Camoes para a facilitación da incorporación do portugués no ensino de Galicia, o proxecto Arritmar de música e poesía galego-portuguesa, as coproducións entre a CRTVG e a Radio Televisión Portuguesa, ou a incorporación do Consello da Cultura de Galicia e da Academia Galega da Lingua Portuguesa como observadores consultivos da CPLP…

Pola contra, a introdución do portugués no sistema de ensino público está a ser obxectivamente lenta e a promoción das ligazóns coa lusofonía fica nun desexo aberto sen canais concretos que camiñar, sen dar unha programación mínima e contidos reais e sistemáticos que incidan na realidade. Coa Lei Paz Andrade acontece así coma co resto da nosa acción exterior, atópase fragmentada e sen fíos de comunicación coordinados no mínimo na Xunta e coa sociedade.

Outra dos espazos baleiros nas iniciativas arredor da Lei Paz Andrade ten que ver coa Casa da Lusofonía, que o Concello de Compostela reclamara ao Ministerio de Exteriores español para a cidade nunha Declaración Institucional unánime o 18 de outubro de 2018. Motivado polo propio colapso electoral no Estado durante o 2019 e a propia diletancia coa posibilidade de incorporar Galicia ou España á CPLP, a situación continúa en stand by e as dependencias físicas ofrecidas polo Concello baleiras.

A Casa da Lusofonía, e facer de Compostela o centro das relación cos países de lingua portuguesa con Galicia, un espazo estratéxico que conte co respaldo do Estado, será un tema no que na Xunta (goberne quen goberne) ten unha estupenda oportunidade para facer unha reflexión pedagóxica no conxunto do estado, poñendo o perfil internacional de Galicia en valor, tamén na nosa categoría de nacionalidade histórica e os nosos especiais vínculos con Portugal.

Galicia na CPLP?

E se a Casa da Lusofonía sería ese espazo desde onde crear unha ponte permanente coa lusofonía en Galicia, a participación formal dentro da CPLP sería outro dos eixos desde onde sistematizar o desenvolvemento da Lei. Aínda que con avances, a nosa participación na CPLP segue a estas alturas no misterio.

Cómpre destacar que o 9 de outubro de 2018, o Parlamento galego aprobara por unanimidade no Debate do Estado da Autonomía, por iniciativa do BNG, a solicitude da entrada de Galicia na CPLP. A resolución unánime do Parlamento fundamentouse, catalizouse desde a Lei Paz Andrade. Neste sentido o 2019 foi un ano de clarificación, que agardaban concrecións neste 2020. Primeiro co anuncio  o pasado 11 de outubro de 2019, nun acto organizado pola Academia Galega da Lingua Portuguesa na USC, da Directora Xeral da CPLP (Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa) de que España comunicara verbalmente a vontade de adherir á CPLP como observador asociado.

O anuncio representaba o final dun camiño (por agora) do que desde o mapa da península ibérica, poderiamos falar de séculos, mais en concreto e acoutando no calendario, unha andaina que iniciara no ano 1986 coa participación da Comisión Galega do Acordo Ortográfico nas reunións para o Acordo de Unificación da Lingua Portuguesa, en Brasilia (1986) e Lisboa (1990), antecedentes fundamentais para a creación da CPLP en 1996. Participación galega no Acordo Ortográfico que, cómpre significar, se realizou na altura coa aprobación do Ministerio de Asuntos Exteriores da España e coñecemento das autoridades galegas, e a colaboración proactiva do goberno brasileiro (no primeiro caso) e do goberno portugués no segundo, como pode comprobarse na documentación dispoñíbel.

Previamente á oficialización do estado das cousas por parte da Xunta de Galicia o Ministerio de Asuntos Exteriores presentaba a solicitude formal ao Secretariado Executivo da CPLP en decembro de 2019. Se todo se tivese producido con normalidade, España entraría neste verán de 2020 na CPLP como observador asociado, ao mesmo tempo que outros estados que presentaron a súa solicitude, como é o caso da Rusia, na Cimeira de Luanda, prevista inicialmente para xullo de 2020. Sen embargo xa a comezos de marzo de 2020 diante da emerxencia mundial da pandemia da Covid19, Angola (o estado receptor da Presidencia da CPLP para os próximos dous anos), anunciou unha recolocación no cronograma da Cimeira para setembro, e posteriormente, a 19 de maio comunicou publicamente a necesidade de suspender até o verán de 2021 o cambio na Presidencia, solicitándolle a Cabo Verde que alongase un ano máis a súa Presidencia. Con todas estas mudanzas ollamos con nostalxia o comezo do ano Carvalho Calero 2020, co intercambio de “Obrigados” entre o deputado Néstor Rego e o Presidente do Goberno de España Pedro Sánchez durante a investidura de comezos de ano.

Así as cousas, coa proposta da entrada do Estado español, a participación directa de Galicia na CPLP como Comunidade Autónoma fica agora na incerteza total, á falta de coñecer os plans de incorporación de España á CPLP nos diversos aspectos que deberá recoller o documento de adhesión. Nese sentido a oficialización a comezos de xaneiro de 2020 por parte da Xunta de Galicia non aclarou nada.  Nese plan agardamos un papel relevante e explicitamente recoñecido para Galicia, principalmente e desde o máis puro formalismo, porque a solicitude de entrada de España prodúcese despois das xestións que o Goberno galego realizou en Lisboa coa mediación da AGLP, e do traslado da resolución do Parlamento galego ao Ministerio de Asuntos Exteriores do Reino.

Na Galicia dos anos 20 alén das evidentes sinerxías e complementariedades a nivel lingüístico e sociocultural, coidar estratexicamente as relacións desde Galicia coa CPLP e territorios de lingua oficial portuguesa, terá que ser un piar do noso modelo de desenvolvemento do futuro. Falamos do ámbito económico e comercial, mais tamén de ámbitos estratéxicos para Galicia onde temos complementariedades por explotar co espazo xeopolítico da lusofonía: o pesqueiro, o académico, a industria cultural ou turístico, por significar algúns. De Portugal ao Brasil ou Macau, pasando polos PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa) temos, coma galegas e galegos no mundo, unha vantaxe comparativa recoñecible.

Por agora ficamos na incerteza arredor da propia vida institucional da CPLP,  a incorporación de España como estado asociado e o papel de Galicia nesa participación.

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais