Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
Tempos Novos 1 de Xullo de 2020 Ríos

George Floyd e a “Primavera Afroamericana” nos EUA

tempos_novos_278_xullo2020.jpg

A morte de George Floyd desencadeou todo un feixe de protestas a gran escala en moitas cidades dos EUA que se veñen prolongando durante semanas. “Big Floyd”  foi vítima do oficial Derek Chauvin, de 44 anos, con 18 denuncias nas súas costas polo uso excesivo da violencia no exercicio das súas funcións en 19 anos de carreira profesional. Chauvin aplicoulle unha técnica de inmobilización aprendida dos marines. En oito minutos e corenta e seis segundos, a presión sobre o seu pescozo deveu en asfixia. O acontecido colmou o vaso da paciencia da comunidade afroamericana e serviu de catalizador do desamparo e da carraxe contra a violencia policial. Pero tamén, no contexto da propagación descontrolada da pandemia, abriu a espita da primeira gran protesta cívica contra Donald Trump a cinco meses da convocatoria electoral na que aspira a repetir mandato.

En cousa de semanas, os milleiros de manifestantes pasaron de asaltar supermercados a derrubar estatuas de xenerais confederados mentres xente famosa como a co-creadora de Friends, Marta Kauffman, expresaba o seu pesar pola falta de diversidade racial na serie de televisión, ou HBO Max retiraba temporalmente Gone With the Wind, clásico do cinema estadounidense sobre a épica da Guerra Civil. O debate sobre o racismo estrutural na sociedade estadounidense abriuse en canal. Ata os mandos do Pentágono víronse na obriga de aviñéronse a discutir o cambio de nome de 10 instalacións do Exército dos EUA. Sen dúbida, estes xestos non afectarán ao núcleo da profunda desigualdade racial existente nos EUA pero son evidencias do efecto expansivo do malestar reinante. Os EUA, que tanta presa urxen a outros, precisaron un século para a prohibición da segregación racial despois da abolición da escravitude no país. E pasou mais de medio século xa dende a grave crise dos anos 60 cando en 2020 semella que a historia se repite. A xenealoxía da violencia policial contra os afroamericanos é simple pois nos remite a unha sociedade nacida do pecado orixinal do escravismo.

Durante anos, a Administración dos EUA alentou as “primaveras” e as “revolucións de cor” en varios países como instrumentos para reordenar poderes e rexións en función dos seus intereses xeopolíticos. Da África do Norte ao estranxeiro próximo da periferia rusa ata mais recentemente Hong Kong, esa política ten como sostén principal o argumento da promoción da democracia e da liberdade. Non obstante, cando un sector importante da súa propia poboación ergue a protesta con demandas semellantes, o presidente Donald Trump, cualificando de “canallas” ou “escoura” aos que protestan, non dubida en invocar mesmo a lei de insurrección de 1807 que permite o despregamento dos militares para facer cumprir a “lei e a orde” por parte da poboación civil. O senador republicano e ultraconservador Tom Cotton, quen sempre saíu en defensa dos manifestantes de Hong Kong, poñamos por caso, apelou neste caso ao uso das forzas de elite de resposta rápida, incluída a División Aerotransportada, para reprimir aos “terroristas”. Outro que tal baila, o senador Marco Rubio cualificaba aos manifestantes como “instigadores políticos profesionais”. E o ex director da CIA e secretario de Estado, Mike Pompeo, prefería mirar para outro lado e gabar o alto nivel da liberdade relixiosa no seu país….

¿Estamos ante unha “primavera afroamericana” nos EUA? Unha enquisa que se deu a coñecer o 8 de xuño e realizada a instancias do Wall Street Journal e a NBC sinalaba que o 80 por cento dos estadounidenses cría que o país estaba fora de control e non só por estas protestas senón tamén pola magnitude dos efectos dunha pandemia que facía aflorar a gravidade da ruptura social e o deterioro  da protección dos dereitos e intereses dos grupos máis vulnerables. Por riba, o illamento internacional e a perda de poder brando pechaban a ecuación Trump.

Sabido é que os problemas raciais están profundamente enraizados nos EUA. Malia os progresos realizados nos últimos séculos na defensa dos dereitos humanos básicos da poboación negra e doutros grupos minoritarios, o espectro da discriminación racial é un feito contrastado. O propio ex presidente Obama recoñecía estes días que a desigualdade e a opresión racial seguen moi presentes na sociedade estadounidense. Oito anos dun presidente negro na Casa Branca non habían permitir resolver unha cuestión tan problemática. Nun estudo realizado en 2019 polo Pew Research Center, unha maioría dos adultos aseguraba que a policía e o sistema xudicial tratan aos negros de maneira menos xusta ca os brancos. Ademais, a discriminación racial e o acceso limitado a unha educación de calidade e a traballos ben remunerados considéranse as principais razóns de que os negros teñan mais dificultades que os brancos para saír adiante.

George Floyd e a Covid-19

A pandemia da Covid-19 empeorou substancialmente a vida dos afroamericanos e agravou as tensións raciais. Segundo datos recollidos polo instituto APM Research Lab, os afroamericanos están morrendo nunha proporción de 50,3 por cada 100.000 persoas, en comparanza co 20,7 dos brancos. A pandemia está orixinando unha traxedia na que uns 2 millóns de persoas resultaron infectadas polo virus e máis de 110.000 faleceron a causa desta enfermidade. Os negros, se ben só representan o 13 por cento da poboación, representan desproporcionadamente perto do 25 por cento de todas as mortes relacionadas coa Covid-19 e nalgunhas cidades superan o 75 por cento.

A converxencia destas dúas crises revela problemas de longa data como a polarización entre ricos e pobres, a discriminación racial e a inadecuada protección dos dereitos e intereses dos grupos vulnerables. A extrema inequidade que caracteriza o capitalismo estadounidense quedou ao descuberto da maneira mais dramática. E a alta taxa de desemprego provocada pola pandemia augura unha crise de supervivencia para moitos sectores. Despois de 10 semanas de corentena, máis de 44,7 millóns de persoas pasaron a engrosar as listaxes do paro. Segundo fontes sindicais, un 42 por cento non se recuperarán despois da pandemia. O propio George Floyd foi un de tantos millóns de desempregados vítimas desta crise primeiro e da represión policial despois.

Aínda que os EUA é o pais máis rico do mundo, uns 2,6 millóns de persoas morren cada ano por causas relacionadas coa pobreza. Nas últimas décadas, os programas que alivian as disparidades económicas foron reducidos ou case desapareceron por completo. Antes de que a corentena entrara en vigor en marzo, había neste país uns 140 millóns de persoas de baixos ingresos e pobres. Nos últimos 50 anos, a fenda de riqueza medrou significativamente, de forma que as 400 persoas máis ricas dos EUA agora posúen mais riqueza que o 64 por cento da poboación máis pobre.

Este malestar, por fin, está a repercutir na popularidade de Trump. A cinco meses dos comicios presidenciais, semella en caída libre. Os intentos de deslexitimar o movemento e controlalo a través da desinformación masiva e a estigmatización con narrativas que etiquetan a quen protesta como terroristas ou violentos, semellan non ter éxito. Se o movemento resiste, o presidente mais desagregador da historia contemporánea dos EUA podería ter os días contados. 

Europa no espello estadounidense

As manifestacións masivas contra a violencia policial e o racismo non tardaron en atravesar o Atlántico. O caso Floyd, por exemplo, reactivou en Francia o tamén caso Adama Traoré. En paralelo, de Bristol a Bruxelas, as estatuas de escravistas ou colonialistas eran tiradas pola borda dos peiraos ou degradadas. As do rei belga Leopoldo II en Envers, Tervuren ou Ostende foron vandalizadas. Ata a de W. Churchill fronte ao parlamento británico debeu ser protexida. I é que no fondo, non é EUA ou Europa, é o capitalismo e o seu proceso de acumulación confrontado a un dos seus mecanismos mais criminais.

A onda de choque do Black Lives Matter xurdido do drama de Minneapolis chegou ao país galo en forma de esixencia dun esclarecemento e reparación a propósito da morte en 2016 do mozo Adama Taoré, de orixe malí que morreu na comisaría de Persan (Val-d'Oise) despois de ser arrestado pola policía. A súa morte, controvertida dende o primeiro momento, provocou protestas en contra da brutalidade policial en Francia.

O racismo de Estado que hoxe se observa nos EUA non admite comparanza coa situación de Francia ou outros países europeos. Non obstante, as demandas de afroamericanos e afroeuropeos converxen nunha acción política global a prol do respecto ás súas comunidades e a esixencia de políticas que procuren a satisfacción das súas necesidades mais elementais, dende o emprego ou a saúde ata a seguridade persoal.

Os casos de Floyd e Traoré poden exercer unha importante influencia na confirmación dun sentimento identitario que mute dende a solidariedade en virtude de episodios de conflito puntual ata se converter nunha acción política global das diferentes poboacións negras sen importar a súa ubicación territorial. A propia condena oficial do enésimo crime racial da policía estadounidense por parte do presidente da Unión Africana, Moussa Faki Mahamat, achega un pronunciamento político novidoso que non se debera pasar por alto.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais