Globalización e Cultura da Autonomía: 40 anos de relacións Galicia-Cabo Verde.

Este venres 24 de marzo o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto N. Feijoo, recibirá en Santiago de Compostela en visita institucional ao Presidente da República de Cabo Verde, Jorge Carlos Fonseca. Servirá a visita para escenificar en Galicia a sinatura do Memorando de Entendemento Galicia-Cabo Verde (a partir de agora MOU, polo acrónimo en inglés[i]) que hai un ano asinaron en Praia (capital de Cabo Verde) o Vicepresidente A. Rueda e a anterior[ii] Ministra caboverdiana de Turismo, inversións e desenvolvemento empresarial, Leonesa Fuertes.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Este venres 24 de marzo o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto N. Feijoo, recibirá en Santiago de Compostela en visita institucional ao Presidente da República de Cabo Verde, Jorge Carlos Fonseca. Servirá a visita para escenificar en Galicia a sinatura do Memorando de Entendemento Galicia-Cabo Verde (a partir de agora MOU, polo acrónimo en inglés[i]) que hai un ano asinaron en Praia (capital de Cabo Verde) o Vicepresidente A. Rueda e a anterior[ii] Ministra caboverdiana de Turismo, inversións e desenvolvemento empresarial, Leonesa Fuertes.

O MOU entre os dous países é un documento básico, común no ámbito actual das relacións internacionais e moi representativo do concepto de paradiplomacia[iii]. Os MOU son unha ferramenta típica dos nosos tempos, de globalización e diplomacia aberta[iv], para enmarcar institucionalmente os vínculos e as liñas de traballo conxunto entre dous territorios: as relacións económicas, de cooperación, culturais, migratorias… O MOU Galicia-Cabo Verde é un acordo moi xeral, de 4 páxinas, centrado no turismo, o medio ambiente, a educación e a industria pesqueira; e no que moi particularmente cítase directamente a participación do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). A concepción do MOU a pesar dos numerosísimos vínculos entre Galicia e Cabo Verde non foi participativo, o que o fixo pasar completamente desapercibido no último ano.

Sen embargo as relación de Galicia con Cabo Verde agochan nas hemerotecas e debaixo das alfombras destas unha historia de corenta anos, de moita densidade con vínculos intensos entre os dous países, que comeza coa chegada dos primeiros migrantes caboverdianos á Mariña lucense a partir de 1977[v] e a chegada do galego Francisco Canabal a Cabo Verde; coma empresario do sector turístico a mediados dos anos oitenta (moitos anos despois nomeado Cónsul honorífico de Cabo Verde no Estado español no ano 2008, en tempos do goberno bipartito en Galicia). Mentres tanto, a paradiplomacia undergound do reintegracionismo galego arredor das negociacións para o Acordo Ortográfico (1986 Río de Janeiro, 1990, Lisboa) creou unha cadea de vínculos e complicidades con Cabo Verde e os Países Aficanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP) que se reproducen ata os nosos días por medio de entidades coma a Academia Galega de Lingua Portuguesa ou o Grupo Galabra.

Xa no 1997, con Manuel Fraga coma Presidente da Xunta créase impulsado desde o Igadi e o poder local, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que desde o ano 2001 ten en Cabo Verde o seu país prioritario de actuación. Desta maneira o Fondo Galego é o actor pioneiro da nosa paradiplomacia oficial no arquipélago africano e na aposta estratéxica polo espazo lusófono, institucionalizado na cultura autonómica co Libro Branco da Acción Exterior de Galicia no ano 2004.

Son estes os fíos iniciais que bautizan e catalizan as relacións bilaterais contemporáneas Galicia-Cabo Verde, pero hai moito máis... Desde os anos 90, a industria marítimo-pesqueira galega comeza devagar a súa relación coas autoridades, empresarios e portos caboverdianos, primeiramente coa creación da Fundación Expomar (2002) no Porto de Burela e a solidificación de vínculos comerciais, que nos últimos cinco anos acabaron por consolidarse[vi], tamén coa cooperación marítimo-pesqueira que o Goberno Feijoo impulsa desde o Cetmar ou o Campus do Mar desde o 2009... Finalmente cómpre subliñar tamén o papel histórico na complicidade e intensidade dos vínculos galego-caboverdianos doutros axentes coma o CEIDA (Centro de Educación e Desenvolvemento Ambiental) a Universidade galega desde todos os seus campus, ou de distintos axentes culturais, coma paradigmaticamente o Festival Cantos na Maré ou a Asociación Galega de investigadores e investigadoras en comunicación (AGACOM).

Nos próximo meses sacaremos á luz a investigación “Unha Historia para o S.XXI: Cabo Verde, África e a CPLP” que iniciamos a finais de 2012, no momento en que o Igadi ten que saír da Illa de San Simón trala eliminación unilateral da Xunta da Fundación que xestionaba as actividades no recinto.

O retrato completo serviranos para presentar a historia bilateral con Cabo Verde e as súas conexións e potencialidades de triangulación, do económico ao cultural, con África e a CPLP (Comunidade e Países de Lingua Oficia Portuguesa), mais tamén para presentar os intereses de Galicia na globalización e as súas tensións en relación á internacionalización económica e a promoción dos Dereitos Humanos universais. Todo isto enmarcado tamén polo subtexto que ofrece a Lei Paz Andrade, que nacendo coma iniciativa cidadá desde o movemento social reintegracionista no momento en que iniciamos a investigación, acabouse por converter en Lei e facilitar a entrada do Consello da Cultura de Galicia coma observador consultivo na CPLP.

Así as cousas as relacións de Galicia con Cabo Verde exemplifican paradigmaticamente o percurso de Galicia na globalización, poñendo en contacto factores históricos, económicos, culturais, linguísticos, migratorios, político-institucionais… A súa vez o relato destes corenta anos debuxa as particularidades, etapas, os intereses e as contradicións da nosa cultura autonómica, entre a reivindicación dunha nacionalidade histórica cun posicionamento global de seu e a práctica dunha comunidade autónoma ordinaria; cun eficaz (intelixente, ma non troppo) discurso de internacionalización económica.

Tanto para a elaboración do MOU como para a visita do Presidente da República de Cabo Verde non se contou nin co Fondo Galego nin coa grande maioría de actores galegos con presenza en Cabo Verde. Oxalá que máis cedo que tarde o goberno galego volva a liña de traballo conxunto co Fondo Galego, onde ademais ten moitos interlocutores, decenas de concellos socios gobernados polo PP que participan activamente na asociación. O noso seguirá a ser un traballo aberto, rigoroso e incluínte, mais implicado e non cosmético na defensa dos Dereitos Humanos e a promoción da acción exterior de Galicia.

 


[i] Memorandum of Understanding.

 

[ii] No ano 2016 producíronse en Cabo Verde eleccións lexislativas, municipais e á Presidencia da República, implicando un cambio de ciclo radical do sistema político caboverdiano, dirixido polo PAICV nos últimos 15 anos, concentrándose agora todo o poder no partido de centro-dereita MPD. Site do goberno caboverdiano.

 

[iii] Falamos da acción internacional de axentes non estatais, xa sexan institucións oficiais, coma Concellos,

Autonomías ou Universidades, ou non oficiais, coma ONGD´s, asociacións culturais ou deportivas. Outras terminoloxías coma diplomacia pública ou cooperación descentralizada enfatizan o carácter aberto das novas relacións internacionais e o papel da sociedade civil nestas.

 

[iv] A diplomacia aberta ou diplomacia pública pon o acento na posibilidade de acción internacional da sociedade civil e de actores non estatais, (monopolizado até os anos 80 por unha visión estatocéntrica

das Relacións Internacionais), desde os lobbis empresariais ás redes de movementos sociais polos Dereitos Humanos.

 

[v] A historia da comunidade caboverdiana de Burela e  Mariña, do seu asociacionismo, da integración coma mito ou icono ou a emerxencia da cultura caboverdiana en Galica coa explosión musical de Batuko Tabanka  (a primeira aparición en Luar é do ano 2001), retrátase de maneira maxistral no traballo de Luzía Oca “Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relación de xénero e intervención social”

 

[vi] Tan só consultando as hemerotecas dixitais verase a intensidade da activdade da Consellería de Pesca en Cabo Verde. Enlazamos aquí unha nova sobre a última visita.