Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 13 de Agosto de 2015 Mansilla Blanco

“Grexit” no Caribe

puerto_rico.jpg

Destaca a escasa atención informativa reflectida sobre a crise financeira e económica que vive Porto Rico, moi similar ao que acontece con Grecia co respecto á Unión Europea. Destaca, igualmente, a dobre vara de medir que utiliza Washington, moi atento ao que sucede en Atenas no cometido de instar a Bruxelas a flexibilizar os termos dun rescate financeiro que evite a saída grega da zona euro, toda vez mantén unha distante indolencia sobre a crise portorriqueña, negándose a adiantar ese mesmo rescate cara a illa caribeña. O problema resulta mais complexo en termos de soberanía e estatuto político: pola súa condición de “Estado Libre Asociado”, Porto Rico non pode ampararse de beneficios de rescate financeiro directo por parte da lexislación estadounidense, a diferenza doutras instancias políticas e administrativas (estados, municipios, condados, etc) existentes en EUA. Do mesmo xeito, a illa caribeña vese igualmente imposibilitada de acudir a organismos internacionais para solicitar axuda financeira, simplemente polo feito de non ser un Estado independente.

A finais de xuño, o gobernador da illa caribeña, Alejandro García Padilla, informou que as autoridades portorriqueñas non poden pagar os US$ 73.000 de débeda pública, declarándose en bancarrota financeira. Dende a perspectiva histórica, a creba portorriqueña corresponde ao maior default anunciado por unha entidade política e administrativa pertencente á lexislación estadounidense.

En vez de atender directamente unha crise suscitada por unha débeda pública impagable nunha entidade (Porto Rico) que está baixo lexislación estadounidense, o presidente Barack Obama preferiu mais ben concentrarse nos intrínsecos e complexos factores xeopolíticos que encarnan unha eventual saída grega da zona euro.

Os efectos da bancarrota financeira portorriqueña obsérvanse claramente na súa sociedade. A illa posúe un 40% de poboación laboral, da que aproximadamente un 25% traballa na administración pública, cuxo financiamento abarca dous terzos do orzamento público enviado por Washington. Pero é na política social onde se atopan as principais incongruencias.

Anualmente, Washington destina miles de millóns de dólares para manter un estado de benestar na illa que, ironicamente, ten mais ben propiciado unha forte dependencia subsidiaria, agora dramaticamente alterada polas políticas de austeridade impulsadas dende Washington, especialmente en materia de educación e sanidade, así como pola redución dos beneficios fiscais outorgados por Washington a empresas con investimentos na illa.

Se ben os portorriqueños benefícianse da potestade legal que lles permite facilidades para obter a cidadanía estadounidense, este aspecto cobra un arma de dobre fío dentro da actual crise financeira na illa. Aproximadamente un 45% dos portorriqueños viven en situación de pobreza, un factor que inflúe nos seus elevados índices de emigración, principalmente cara EUA. Con claroscuros, a situación de Porto Rico co respecto a EUA por mor desta crise económica e financeira non deixa de ter irónicos paralelismos coa situación grega co respecto a UE.

Está por ver se a crise portorriqueña e as súas eventuais consecuencias de default financeiro finalmente definan un exemplo sintomático da anacrónica relación que mantén a illa caribeña con Washington. Por tomar un exemplo: se ben están exentos de pagar os impostos federais, aínda que contribúen a pagar a Seguridade Social federal e reciben de Washington fondos e subsidios directos, os portorriqueños non poden votar nas eleccións presidenciais estadounidenses. O seu estatuto de Estado Libre Asociado lles imposibilita, entre outras cousas, a pedir un rescate financeiro ou depreciar a súa moeda. En caso de concretarse a súa bancarrota financeira, o goberno portorriqueño pode verse inmerso nunha vaga de demandas xudiciais por parte dos seus acredores estadounidenses, argumento de “inconstitucionalidade” da medida.

Con este marco, resulta oportuno reflexionar sobre unha eventual discusión, coherente e equitativa, sobre o estatuto político de Porto Rico. A existencia dun lobby político portorriqueño en Washington, principalmente liderado por emigrantes portorriqueños que posúen a nacionalidade estadounidense, pode aquí cobrar un peso político en chave electoral, particularmente dentro do cada vez mais decisivo voto latino nas eleccións presidenciais estadounidenses. Se ben Washington mantén a súa atención hemisférica concentrada na apertura con Cuba, pode que a crise financeira e social de Porto Rico cobre unha importancia inesperada de cara ao contexto electoral presidencial estadounidense 2016.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais