Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
REVISTA TEMPOS NOVOS 20 de Xullo de 2020 Sáez Ponte

Hai cen anos que desapareceu a Galicia centroeuropea

A Galicia polaca?

Houbo unha Galicia en Centroeuropa que desapareceu como consecuencia do tratado de Versalles (11-11-1918). Este rematou coa Primeira Guerra Mundial e tamén co que quedaba do Imperio Austrohúngaro, no que había unha provincia chamada Galicia. Non tiña relación directa coa nosa Galicia pero, aínda así, coido que é interesante lembrar o centenario do seu fin. De entrada, porque aínda fican fíos soltos da historia que alí se viviu e resulta útil saber algo sobre ela.

Hoxe viaxamos cada vez máis e un pódese atopar con pegadas daquela Galicia que compre distinguir das nosas. Quizais en Nova York, onde emigraron decenas de miles de xudeus “galegos”, ou no espazo que cubría aquela provincia dependente de Viena. Se un se atopa, por exemplo, cun pequeno hotel na Ucraína que leva por nome Galicia, non debe deducir que a emigración galega chegara tan lonxe.

Primeiro aclaremos o do nome. O elixido por Austria para aquela parte dos seus dominios foi Galicia, non Galitzia como aparece decote. A foto que acompaña estas liñas amosa a fachada do museo xudeu de Cracovia, que se chama directamente así: Galicia. É unha institución dedicada a lembrar a importante presenza desa minoría na vella provincia e as matanzas que despois sufriron nos campos nazis de exterminio.

Non son historiador nin afeccionado a remexer moito na complicada existencia dos eidos onde conflúen Leste e Oeste do noso continente. O meu interese por aquela experiencia política tan afastada naceu dunha casualidade. Hai uns poucos anos, na crítica de libros dun exemplar de “The Economist” sorprendeume que analizaran un  título que me petou nos ollos: “The Idea of Galicia”. Polo que dicían, resultaba claro que era un traballo sobre a “outra” Galicia. O autor, Larry Wolff, é de orixe xudeu e profesor de historia da Universidade de Nova York. Esta obra é a miña referencia principal sobre o que estou a escribir e as citas que fago son traducións realizadas por min dos textos en inglés.

A Galicia centroeuropea xurdiu da primeira división de Polonia en 1772. Aparentemente, á emperatriz austrohúngara María Theresa dáballe noxo participar sen máis en aquel festín de repartirse un país con Alemaña e Rusia, así que recorreu a unha vella reivindicación da monarquía húngara para xustificar o seu dereito histórico a recibir eses novos territorios e evitar a palabra “partición”. Na Idade Media existira un principado co nome de Halych, que se dicía Galicia en latín, na Ucraína occidental e sobre o que os reis de Hungría reclamaran dereitos históricos.

Cando o profesor Wolff fala do nome finalmente elixido para designar a nova provincia imperial di: “Ao principios do século, os Habsburgo tiveran o vello reino de Galicia no norte de España, que fora tomado polos Borbóns na Guerra de Sucesión, ao mesmo tempo que toda España. O nome por tanto estaba dispoñíbel para eles en 1772 e servía de forma latina do antigo principado de Halych…”. Segundo este autor, a nosa Galicia inspirou en certa medida o bautizo da parente centroeuropea, que respondía a unha idea, unha invención para facer pasar unha pura anexión por unha lexítima recuperación de hipotéticos dereitos históricos.

A Galicia que se creaba como provincia do imperio austrohúngaro era un coello sacado do chapeu dun mago. De feito, o territorio que ocupou superaba en moito (78.500 km2) o do vello principado de Halych e, tamén, o da nosa Galicia. O invento non resultou tan mal -seguro que lles axudou a suxestiva “marca” elixida- e aguantou case 150 anos. Un período suficiente para crear unha especie de nova identidade complexa na zona e deixar pegada na memoria dos seus habitantes e dos seus descendentes.

Non vou entrar na difícil vida que aquela Galicia tivo, demasiado complexa para a dimensión dun artigo coma este. Foi unha rexión máis ben pobre e atrasada, afastada do mar e do Danubio, cunha base fundamentalmente rural na que tiñan gran peso moitas comarcas da cordilleira dos Cárpatos, accidentadas e pouco produtivas. A maior riqueza que posuía eran os campos de petróleo descubertos a mediados do XIX, que non puideron aproveitar  ben.

A situación da gran masa de campesiños era case medieval e permítenos lembrar a orixe dunha palabra que hoxe está por todas partes: robot. A palabra, que ven do checo “robota” e significa traballo forzado, servía para describir a situación daqueles paisanos “galegos”, que viñan obrigados por unha imposición de servidume a traballar gratis moitas xornadas, incluso meses, para o señor de quen dependían.

A nosa parente política centroeuropea estaba  ademais na divisoria entre a Europa oriental e occidental, un espazo onde houbo moitas guerras. Realmente cando un se mete na súa historia é fácil que lle veña á cabeza a frase que Woody Alen dí ao saír dun concerto (“Misterioso asesinato en Manhattan”): “cando escoito a Wagner máis de media hora éntranme ganas de invadir Polonia”.

A situación da Galicia austrohúngara era complexa desde o principio da “idea” imperial, porque cubría territorios polacos e ucraínos e a poboación (algo máis de 8 millón no censo de 1910) reflexaba esas dous nacionalidades case a partes iguais. Cada unha tiña a súa capital (Cracovia e Lviv), o seu idioma propio e practicaba variantes diferentes da relixión católica: a oficial e a da igrexa católica grega. Había tamén unha notábel minoría xudía (872.000 persoas) e unha pequena parte de poboación de orixe xermánica, especialmente relevante por incluír  a case todos os funcionarios imperiais. Editábanse nas súas cidades publicacións en polaco, ucraíno, alemán e yiddish. Foi o primeiro lugar do mundo en producir publicacións periódicas na lingua dos xudeus.

O invento aquel sufría conflitos de varias orixes que se mesturaban: tensións entre minorías étnicas e culturais, incluídas as derivadas dos intentos de construír novos estados (Polonia e Ucraína) sobre as distintas identidades nacionais, entre servos e señores, e entre os imperios dominantes. A vida foi tan difícil e presentou tales horrores que mesmo está na orixe doutra palabra que empregamos de forma habitual: masoquismo.  O termo ven do nome dun escritor “galego” que se chamou   Leopold von Sacher-Masoch, fillo dun oficial da policía imperial na capital de Galicia (Lviv) que presenciou todo tipo de torturas e violencias na súa nenez, ás que lles debeu coller afección e influíron na súa temática literaria posterior.

Temos ademais a testemuña doutro moi coñecido “galego”, o director de cine Billy Wilder, de orixe xudía, que naceu e viviu os seus primeiros anos na parte polaca de Galicia e logo emigrou a Nova  York coa súa familia. O obituario que lle fixo o “New York Times”, cando morreu en 2002, reflexa ben a experiencia vital deste xenial cineasta. Primeiro, o diario explica o de Galicia: “… naceu o 22 de xuño de 1906 en Sucha, unha vila de Galicia, unha provincia austrohúngara que agora é parte de Polonia” despois conta que a familia da nai tiña un hotel de vacacións e engade: “ Recordando a súa nenez nun gran hotel, el remarcaba: Aprendín moitas cousas sobre a natureza humana, ningunha favorábel” O omnipresente humor do gran Wilder.

Na vida da Galicia “inventada” houbo tamén períodos de crecemento e de boa convivencia que deron pé a que moitos daqueles galegos se identificaran como tales e que os seus descendentes aínda a recorden con certo cariño. As malas experiencias vividas víronse superadas, despois da desaparición de Galicia, polos horrores que sufriron na invasión nazi e na ocupación soviética. Por iso, a lembranza nostálxica da vella provincia serve, xa no século XXI, para reivindicar, por exemplo, o carácter occidental e europeo da parte Oeste de Ucraína, fronte a presión de Rusia que ocupa parte do Leste do país.

Pola súa banda, os centos de miles de xudeus que abandonaron aquela parte de Centroeuropa para instalarse nos Estados Unidos mantiveron a súa condición de “galegos” e conservaron tradicións propias, que os distinguen dos outros grupos de xudeus emigrados da Europa do leste.

Aos galegos atlánticos pode sernos interesante analizar aquela experiencia histórica tan complexa, que axuda a entender algunhas das raíces dos procesos de retroceso democrático que sofren os países da zona; un tema, por desgraza, moi actual. Ademais pode servir para deseñar viaxes orixinais a lugares ricos en monumentos, paisaxes e diferencias culturais, que tiveron unha conexión, polo menos semántica, con nós.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais