“Hai moitos actores que non se senten representados no chavismo e apostaron por un voto de castigo”

Venezuela outorgou este domingo unha vitoria contundente á oposición ao chavismo, que 17 anos despois fíxose cunha maioría clara na Asemblea Nacional. A Mesa de la Unidad Democrática (MUD) obtivo cando menos 99 dos 167 escanos en xogo, por 46 do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) e a falta de asignar outros 22. Ten polo tanto maioría absoluta na cámara, o que levará a unha situación de cohabitación co poder do Presidente Nicolás Maduro. A oposición mesmo podería acadar un dominio de dous terzos (112 escanos), que lle permitiría modificar a Constitución. O mandato de Maduro remata en 2019, cando haberá novas eleccións presidenciais, pero a oposición podería neste caso propor un referendo revogatorio no ecuador da lexislatura, a finais de 2016 ou comezos de 2017. A vitoria da oposición en Venezuela enmárcase noutros procesos (triunfo de Macri en Arxentina, presión contra o Goberno de Dilma Rousseff no Brasil, eleccións en Perú en 2016...) nos que se pode identificar un xiro á dereita no continente. Falamos con Roberto Mansilla, analista do IGADI

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Venezuela outorgou este domingo unha vitoria contundente á oposición ao chavismo, que 17 anos despois fíxose cunha maioría clara na Asemblea Nacional. A Mesa de la Unidad Democrática (MUD) obtivo cando menos 99 dos 167 escanos en xogo, por 46 do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) e a falta de asignar outros 22. Ten polo tanto maioría absoluta na cámara, o que levará a unha situación de cohabitación co poder do Presidente Nicolás Maduro. A oposición mesmo podería acadar un dominio de dous terzos (112 escanos), que lle permitiría modificar a Constitución. O mandato de Maduro remata en 2019, cando haberá novas eleccións presidenciais, pero a oposición podería neste caso propor un referendo revogatorio no ecuador da lexislatura, a finais de 2016 ou comezos de 2017. A vitoria da oposición en Venezuela enmárcase noutros procesos (triunfo de Macri en Arxentina, presión contra o Goberno de Dilma Rousseff no Brasil, eleccións en Perú en 2016...) nos que se pode identificar un xiro á dereita no continente. Falamos con Roberto Mansilla, analista do IGADI

Como valoras o resultado? Por que o PSUV perdeu as eleccións de forma tan clara?

Por unha serie de factores diversos, entre os que ten que ver moito o voto de castigo. Curiosamente o propio chavismo chegou ao poder en 1998 tamén por un voto de castigo. Inflúe moito a crise económica, a inseguridade cidadá, a escaseza de alimentos... Hai problemas no liderado de Maduro, que non consegue transmitir nin por carisma nin por xestión a enorme mobilización popular que houbo nos tempos de Chávez na Presidencia. Problemas de corrupción, con determinadas elites que se enriqueceron neste tempo, ao calor do proceso político do chavismo. Escándalos que mesmo afectaron á familia de Maduro, con dous sobriños implicados nun caso de narcotráfico. Hai tamén un problema moi grande de representatividade política, que ten que ver coa reconstitución dos espazos políticos e con novos actores que están xurdindo na Venezuela actual, con moitos actores que non se senten representados dentro do chavismo e que neste caso decidiron apostar por un voto de castigo en favor da oposición, dunha oposición que cambiou de actores, cambiou de estratexia, e vese nunha situación na que subitamente e mesmo superando as súas propias expectativas, acadou unha maioría absoluta na Asemblea Nacional.

Que consecuencias inmediatas vai ter na política venezolana?

Agora hai un contexto absolutamente inédito, porque hai unha situación de cohabitación, entre un presidente chavista e unha asemblea na que a oposición vai lexislar con maioría absoluta. Hai unha especie de reeequilibrio de poderes, a Asemblea Nacional vai recuperar o seu poder decisivo como equilibrador de poderes. Que pode suceder a curto prazo? Hai que ter en conta que Maduro segue sendo presidente ata 2019, sempre que a oposición, cos escanos que faltan por asignar, acade unha maioría que lle permita levar a cabo unha serie de reformas constitucionais e abrir a posibilidade dun referendo revogatorio de Nicolás Maduro, que sería en todo caso a finais de 2016 ou a comezos de 2017, tomando en conta os prazos establecidos pola Constitución. Hai unha reconfiguración completa dos poderes públicos. A curto prazo o máis probable é que vexamos unha tensión cada vez maior entre unha Presidencia cada vez máis cuestionada no seu liderado e a Asemblea Nacional. Na oposición haberá que ver se a unidade que amosaron ante o chavismo nestas eleccións é só circunstancial ou se pode traducirse nunha maior efectividade na súa acción na Asemblea.

Ten a oposición un candidato claro para gañar as eleccións presidenciais?

O problema que ten a oposición é que non hai liderados visibles. Está claro que oficialmente o líder é Henrique Capriles Radonski, que gañou as eleccións primarias e se presentou dúas veces en eleccións presidenciais, perdendo ante Chávez e Maduro. Pero hai outros sectores que comezaron a emerxer na oposición nos últimos tempos, xunto con outros sectores máis radicais e máis de acción de rúa. Aí está o grupo liderado polo ex alcalde e actual preso político Leopoldo López e pola súa esposa Lilian Tintori, que está emerxendo como unha alternativa real e moi forte dentro da Mesa de Unidade Democrática. Podemos ver unha confrontación interna entre os dous sectores: o liderado por Capriles, máis moderado, e o outro, que esixe unha acción moito máis contundente contra o goberno de Maduro. O éxito de onte fará que de momento non afloren estas diferenzas, pero veremos o que pasa ao longo de 2016, cando se baralle a cuestión dun cambio constitucional.

O liderado de Maduro vai ser contestado dentro do chavismo? Ten capacidade de renovarse o movemento?

Moi probablemente, porque esta é unha derrota contundente para Maduro e para o número dous do Goberno, Diosdado Cabello. Estamos vendo xa no chavismo unha reconfiguración de liderados e de actores que buscan unha maior representatividade política. A finais de 2014 presentouse un ala disidente dentro do PSUV, que é a Marea Socialista, que agrupa unha serie de personalidades, algún deles deputado, que comezan a amosar unha posición máis crítica con respecto a Maduro e Cabello, e que tentan recuperar o verdadeiro legado de Chávez, tal e como eles o expresan. No contexto desta derrota, isto pode emerxer. Este sector, xunto con outras bases populares, que están organizadas de forma comunitaria, defenden a creación dun Estado comunal, a través dos consellos comunais.

Estamos vivindo unha reconfiguración na política do continente, un xiro á dereita. Como de profundo é este ciclo e que consecuencias pode ter?

Parece que hai un certo efecto dominó. O primeiro caso foi o de Arxentina, coa vitoria histórica de Mauricio Macri, unha nova cara dentro da dereita arxentina, e cun proceso semellante ao que acaba de suceder en Venezuela, co xurdimento de novos actores dentro da oposición, que emerxen nun contexto de crise económica en toda América Latina, que afectan aos gobernos de esquerda na rexión. O mesmo, en Brasil, coa posibilidade dun impeachment contra Dilma Rousseff, que ameaza con rematar co ciclo hexemónico do PT. Veremos tamén a posibilidade de que o fujimorismo e outros actores da dereita e reaccionarios poidan chegar ao poder en Perú en 2016. Todo isto é unha especie de cambio de movemento pendular a nivel rexional, e pode levar á fin doutros gobernos de esquerda, que accederon ao poder neste ciclo progresista que viviu América Latina nas últimas dúas décadas. Haberá que ver que pasa no Ecuador de Rafael Correa, que irá a eleccións presidenciais en 2017, en na Bolivia de Evo Morales. Aínda que alí a hexemonía da esquerda parece máis consolidada. Pero en todo caso parece que estamos asistindo a un ciclo político reaccionario.

Todo isto terá consecuencias nas relacións internacionais e nos distintos mecanismos de integración rexional. É moi posible que UNASUR, CELAC, mesmo MERCOSUR, cambien as súas estratexias, e busquen un reacomodo con Estados Unidos ou a Unión Europea. E isto tamén repercutirá na implicación doutros actores externos como China, que foi o principal socio económico de varios gobernos económicos de esquerda, principalmente Arxentina, Brasil e Venezuela, e que pode ver agora contrariado con este cambio de péndulo político