Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 20 de Febreiro de 2017 VV.AA.

Haití: a crise humanitaria esquecida

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.
haiti.jpg

Na marxe oeste da denominada illa de “La Española” atopamos unha dramática confluencia de fenómenos que colocan a Haití nunha situación de risco humanitario sen parangón. Tralo terremoto de xaneiro de 2010, que causou máis de 300.000 mortos, as xa de por si débiles institucións haitianas así como as súas infraestruturas quedaron reducidas a escombros, mentres epidemias como a do cólera estendíanse de forma imparable. Inmersos no proceso de reconstrución, subxugados pola funesta situación socioeconómica e política do país máis pobre de América (preto do 70% de desemprego e co 60% da poboación en risco de pobreza extrema) e coa problemática das enfermidades infecciosas(1) sen resolver, un novo golpe da natureza, o furacán Matthew, derrubaba as poucas esperanzas dunha sociedade desesperada e esquecida.

Como consecuencia desta profunda crise, cunha terra desolada e sen acceso a elementos tan básicos como a auga potable, sufriuse un notable incremento da migración haitiana cara diversos destinos da xeografía americana. Se ben non resultaba un fenómeno novo, o empuxe sufrido desde 2010 e as súas repercusións, que levaron a un cambio nas políticas de acollida favorecendo as deportacións nos últimos tres años, agravan a asfixiante situación que se vive en territorio haitiano.

Migración e retorno forzado

A tradición migratoria de máis dun século de existencia, principalmente laboral con destino na industria agrícola, viuse modificada drasticamente polo drama humanitario xurdido nos últimos anos, aumentando os fluxos e diversificando o tránsito cara novas rexións.

Con preto de un millón de desprazados, ante a falta de recursos básicos e impulsada pola promulgación de marcos lexislativos favorables á admisión destes migrantes, a presión migratoria aumentou de forma salientable cara tres principais áreas:

-      República Dominicana: tradicional destino pola acentuada diferenza socioeconómica, resultando un reclamo laboral para o sector menos capacitado e con posibilidades mais limitadas. Orientados cara o mundo agrícola, construción e hostaleiro, a xa consolidada comunidade haitiana(2) medrou notablemente no primeiro lustro de 2010,  representando preto do 10% da poboación da República Dominicana segundo a Enquisa Nacional de Estatística- ENI 2012.

 

-      EUA: consolidada nas rexións da costa Leste, conforma a comunidade haitiana máis numerosa (preto dun millón de migrantes) e ten as súas raíces nun fluxo constante entre os anos 1970 e 1990 (Boat People). Tralo terremoto de 2010, promulgáronse unha serie de axudas  para facilitar o refuxio deste colectivo, en forma de autorización temporal por motivos humanitarios para migrantes sen visado.

-      Brasil: atraídos pola bonanza económica e a demanda de man de obra do sector agrícola, unha parte importante dos haitianos desprazados comezaron a reorientarse cara este destino: entre 2010 e 2012 calcúlanse máis de 20.000 asentados no país. Nos últimos anos, ante as dificultades económicas e sociais acontecidas, gran parte deste colectivo viuse obrigado a encarar a ruta dos EUA, rexistrándose grandes grupos de haitianos en Baixa California, á espera de cruzar a fronteira.

A conxuntura mais o menos favorable para recepción destes desprazados axiña sufriu un drástico cambio. Como se dunha coordinación de políticas se tratase, comezaron a promulgarse leis claramente restritivas, canceláronse os programas de visados e  reactiváronse as deportacións de forma simultánea dende diversos Estados.

Exemplo disto atopámolo na política de acollida estadounidense onde, en setembro de 2016, o executivo do ex presidente Barack Obama revocou as autorizacións temporais e deseñou un programa de deportacións dado o notable incremento de haitianos procedentes de Brasil. Este cambio de políticas repentino tivo como efecto un aumento da presión migratoria en México, onde se atopan varados un amplo número de haitianos á espera dunha solución que non é claro que vaia a chegar.

Situación máis dramática atopámola na República Dominicana, onde o Tribunal Constitucional ratificou en 2013 a Lei 168-13 relativa ao Plan Nacional de Regularización de Estranxeiros(3), polo cal os individuos nacidos fóra do paíis que non regularizasen a súa situación no prazo establecido (xuño 2015) serían deportados(4), incluíndo aos nacidos no propio país pero de orixe haitiana que non estivesen inscritos como cidadáns dominicanos.

Dito plan, contrario á lexislación internacional, aplicouse con carácter retroactivo ata 1929 e afecta a un dramático número de haitianos ou descendentes destes (nos últimos meses van 50.000 deportados e 68.000 retornados “voluntarios”, segundo a Organización Internacional para as Migracións OIM). A situación destes dominicanos de orixe haitiana é especialmente delicada, dado que en moitos casos convértense en individuos apátridas, “deixando a ducias de miles de persoas nun limbo xurídico absoluto e desesperado(5) .

Cómpre resaltar as dificultades existentes para tramitar a regularización imposta polo goberno dominicano no prazo establecido, inclusive para residentes asentados dende fai décadas e con contratos de traballo vixentes. A falta de asesoramento legal, diversas trabas administrativas, coaccións, analfabetismo e a  dificultade do idioma definen o escaso acceso ao proceso de regularización.

Conxuntura funesta

O repentino ingreso de máis de 150.000 migrantes procedentes da República Dominicana e EUA nun país carente de recursos, cun precario proceso de reconstrución e azoutado por epidemias, resulta canto menos fatídico. Como consecuencia inmediata, a día de hoxe atopamos milleiros de familias (50.000 persoas segundo a OIM) asentadas en campamentos humanitarios improvisados, sen acceso a recursos sanitarios mínimos e faltos de elementos básicos como auga ou luz. Esta caótica situación viuse agravada polo paso do furacán Matthew e o rebrote da epidemia do cólera, deixando en situación de vulnerabilidade extrema a unha porcentaxe notoria da poboación haitiana.

A maiores, a grave crise política en Haití que se prolonga dende 2015, con acusacións e impugnacións de resultados electorais, paralizou de feito o desenrolo de programas e medidas públicas de atención minimamente efectivos. Durante preto de ano e medio, o país viuse abocado á inacción dunha clase política estéril, mentres a sociedade haitiana continuaba condenada ao desarraigo e a miseria.

Coa recente investidura de Jovenel Moise (49 anos) como novo presidente de Haití fai escasamente un mes, comeza unha etapa política na que deberá facer fronte, ademais dos retos explicados anteriormente, a unha corrupción sistémica, debilidades estruturais no sistema educativo e xudicial e a altos índices de inseguridade, só parcialmente mitigados pola presenza dos continxentes de “cascos azuis” da ONU. 

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

Citas bibliográficas:

(1) Especialmente grave o relativo ao VIH e ao cólera, este último froito dun vertido de residuos fecais nun curso fluvial por parte do continxente nepalí das Nacións Unidas desprazado na zona para a Estabilización de Haití (MINUSTAH) Ver en: http://www.efe.com/efe/america/sociedad/la-onu-se-disculpa-por-el-colera-en-haiti-y-los-abusos-cometidos-cascos-azules/20000013-3045438

(2) Dentro da “comunidade haitiana” inclúense os individuos dominicanos con ascendencia haitiana.

(3) https://presidencia.gob.do/haitianossinpapeles/docs/Sentencia-TC-0168-13-C.pdf

(4) Deportacións arbitrarias por parte dos corpos de seguridade, durante a noite e baseadas na carencia de documentos acreditativos no momento da detención, aínda que constaran deles ou de contratos de traballo. Do mesmo xeito, moitos dos retornos “voluntarios” están auspiciados por ameazas e coaccións por parte das autoridades estatais.

(5) AMNISTÍA INTERNACIONAL “Haití/República Dominicana: las temerarias deportaciones dejan a miles de personas en el limbo”. Xuño 2016 https://www.amnesty.org/es/latest/news/2016/06/haiti-dominican-republic-reckless-deportations-leaving-thousands-in-limbo/

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais