Distribuir

Distribuir contido
Tempos Novos 2 de Decembro de 2019 Ríos

Hong Kong: ¿a protesta interminable?

descarga.jpg

Na segunda feira mundial de importacións de China, celebrada en Xangái a primeiros de novembro, o presidente Xi Jinping coidou de expresar publicamente o seu firme apoio á Xefa Executiva da Rexión Administrativa Especial de Hong Kong, Carrie Lam, quen afronta desde xuño deste ano continuas protestas, en moitos casos violentas, contra a súa xestión. O simbólico xesto de Xi, no que foi o primeiro encontro entre ambos dirixentes nos últimos cinco meses, foi interpretado como a expresión dun claro voto de confianza do Partido Comunista na capacidade das autoridades locais para recuperar a estabilidade e como un desmentido contundente das filtracións de días antes no xornal Financial Times, quen avanzaba a primicia dunha inminente dimisión da líder hongkonesa. Para Beijing, non chegou ese momento.

Como é ben sabido, as protestas en Hong Kong, ás veces multitudinarias, xurdiron contra a proposta de alteración da lei de extradición, que permitiría ao goberno e aos tribunais da rexión a extradición de sospeitosos de crimes para xurisdicións sen acordos previos, como é o caso de China continental. Se ben a proposta foi finalmente retirada, as manifestacións xeneralizáronse cunha axenda reivindicativa máis ampla. O que agora se reivindica é a implementación do sufraxio universal no territorio, unha investigación independente da violencia policial e a liberación dos detidos durante as protestas. As protestas non teñen visos de concluír, se ben a participación de manifestantes foi decaendo progresivamente en paralelo á súa radicalización.

Hong Kong, colonia británica dende as guerras do Opio, regresou a soberanía chinesa en 1997 baixo a fórmula “un país dous sistemas”, concibida por Deng Xiaoping para ser garante dunha ampla autonomía na ex colonia británica, de xeito que o seu modo de vida e as súas institucións puideran seguir funcionando con normalidade descartando un transvase automático do sistema continental. Isto estaba garantido por medio século. Non obstante, nos últimos tempos, diversos episodios alentaron a controversia sobre unha hipotética erosión sistemática e progresiva da autonomía do territorio a instancias das autoridades centrais. En paralelo, a significación económica de Hong Kong minguou nestes anos de forma significativa en beneficio de prazas como a veciña Shenzhen ou Xangái e os grandes proxectos de infraestrutura e xeoeconómicos de Beijing promoven unha dilución imparable nunha área máis extensa, o que chaman o Plan da Gran Baía.

As dificultades políticas do goberno central en Hong Kong foron unha constante dende 1997, enfrontando unha poboación comprometida coa salvagarda a toda costa dunhas  liberdades que, pese aos seus límites, son aínda incomparablemente maiores ás existentes no continente. Co sistema institucional baixo o seu control, a táctica de “apreta-afrouxa” non permitiu a Beijing gañar en influencia sedutora nestes anos. Das súas políticas preferenciais beneficiáronse boa parte das elites pero non así a inmensa maioría da poboación. Precisamente, unha das razóns que explican a eclosión do descontento é a falta de atención ás necesidades sociais dun territorio que acumula un alto nivel de pobreza (unha de cada cinco persoas) e debe facer fronte a problemas crónicos como a vivenda. A afluencia de cidadáns continentais a Hong Kong provocou igualmente actitudes de rexeite na poboación local por mor dos seus impactos en áreas sensibles como a inmobiliaria pero tamén en servizos como a educación ou a saúde, complicando o acceso aos mesmos da comunidade hongkonesa. Por outra banda, tamén fracasaron os intentos de propiciar avances no sufraxio universal cunha reforma limitada como a de 2014.

O balance, pois, de 22 anos de retrocesión de Hong Kong a China indica que o camiño de volta ten sido convulso no eido socio-político. A estratexia de seducir ao territorio con beneficios de diverso tipo orientados a manter a adhesión das elites por riba da xente do común, alén doutros factores, non reforzou en absoluto o sentimento de pertenza a China. Mentres desde Beijing invócase a adhesión ao nacionalismo como norma común que sustenta a revitalización do país, o desapego e a autoidentificación local semella gañar terreo.

Beijing dobrará o envite

Por fortuna, as autoridades centrais foron quen de evitar o recurso a medidas extraordinarias para acalar as protestas. A sombra do traslado de forzas militares do continente planeou durante semanas, na véspera das conmemoracións do 70º aniversario da fundación da República Popular Chinesa. Pese á virulencia do acontecido tampouco houbo que rexistrar perdas irreparables. Un escenario dantesco tería consecuencias moi graves para China nun momento tamén delicado por outras razóns como a guerra comercial e estratéxica cos EUA ou a propia moderación do crecemento económico.

Ás autoridades locais e centrais custoulles aceptar a retirada da iniciativa lexislativa que estaba no cerne das protestas. Foi unha vitoria para os manifestantes. Aínda así, non cabe esperar do Partido Comunista unha reorientación estratéxica senón unha ofensiva en diversas frontes que augura unha longa pugna en Hong Kong.

Neste escenario inmediato está fora de lugar calquera hipótese independentista. Recentemente, as autoridades vetaron novamente a candidatos a favor da autodeterminación que se promoveran ás eleccións distritais do 24 de novembro. A represión contra estes movementos, por outra banda con moito eco nos medios occidentais pero escaso apoio interno, farase a cada paso máis intensa e selectiva.

No inmediato, Beijing estuda a introdución dunha serie de medidas que inclúen cambios no sistema educativo do territorio co propósito de “mellorar a conciencia nacional e o patriotismo” da xente nova; igualmente, no eido da seguridade, con especial énfase na adopción de respostas contra a “interferencia estranxeira”. Ambos os dous elementos, a educación e a seguridade, téñense evidenciado como grandes frustracións de China desde a recuperación da soberanía sobre Hong Kong. En 2003, tivo que dar marcha atrás a unha modificación do artigo 23 da Lei Básica, e en 2012, as protestas tamén obrigaron ao goberno a desdicirse dun plan de estudos de “educación moral e nacional” que alentaba o patriotismo chinés. É previsible, sobre todo, que se inste a prohibición de organizacións e entidades estranxeiras que realicen actividades políticas na rexión. Esta medida é unha prioridade, habida conta que tanto os EUA como Reino Unido e outros países occidentais foron acusados de actuar como “man negra” detrás dos disturbios. Tamén prevé prohibir que órganos políticos de Hong Kong establezan lazos con organizacións políticas estranxeiras.

No cuarto pleno do Comité Central do PCCh celebrado a finais de outubro, unha das conclusións alertou sobre a importancia de defender e mellorar a fórmula “un país, dous sistemas”, sinalando igualmente a protección da estabilidade e a defensa da seguridade nacional como liñas vermellas infranqueables. En paralelo, destacouse a importancia dun liderado centralizado máis forte que pode derivar nun afrouxamento efectivo da autonomía hongkonesa. Velaí as principais guías para o futuro inmediato. Foi moi claro Shen Chunyao, líder dos comités que no Parlamento chinés supervisan as leis básicas de Hong Kong e Macau ao sinalar a necesidade de “defender Un País como prioridade debendo ficar por baixo os Dous Sistemas”….

Cambio na cultura política

Se ben Carrie Lam recibiu moitas críticas pola súa xestión da crise e a incapacidade para reaccionar a tempo, o problema para Beijing non é tanto mudar de rostro como as medidas a aplicar nun contexto en que as maiores críticas están dirixidas á propia concepción sistémica. Mais alá de quizais calmar momentaneamente as protestas, a recuperación da confianza perdida pasa por priorizar as demandas locais, mantendo o difícil equilibrio da lealdade a Beijing sen ignorar os intereses da poboación de Hong Kong.

O que está por ver é se a persistencia das protestas orixinou un cambio na cultura política da ex colonia no sentido de abrir unha fenda irreversible coa ideoloxía e a política continental. A magnitude deste distanciamento está por calibrar e a súa evolución vai depender das políticas que conformen a axenda do PCCh para encarar este problema.

De Macau a Taiwán

Xi Jinping debe visitar Macau en decembro deste ano para participar nas conmemoracións do 20 aniversario da devolución. Na excolonia portuguesa, o  exemplo “bo” de “un país, dous sistemas” seguiuse con natural curiosidade a evolución da crise hongkonesa. Pese a ser dous casos distintos, numerosas veces chamaron a atención sobre a importancia da prevención incidindo no fomento das políticas sociais, con especial énfase na vivenda, un problema que ambas as dúas rexións comparten.

Moito mais problemático é o caso de Taiwán. Nas eleccións lexislativas e presidenciais de xaneiro de 2020, o soberanismo taiwanés pode tirar amplo proveito político do panorama de Hong Kong. O descontento pon na picota a China continental e serve a Tsai Ing-wen para mobilizar o seu electorado e debilitar as expectativas dos nacionalistas panchineses do Kuomintang.

Pola contra, o principal eco no continente resúmese no fortalecemento do sentimento nacionalista e de condena dos “privilexios” outorgados a Hong Kong. Os tempos políticos a un lado e outro profundan o seu divorcio.  

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais