Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 23 de Abril de 2021 Ríos

Illas cruzadas

descarga.jpg

En Cuba, o relevo no liderado do PCC abre unha nova etapa, irreversible, entre o continuísmo, a exploración e o cambio xeracional. A cuestión central para os próximos anos é a supervivencia sistémica, a capacidade de preservación ou non da singularidade que fixo da illa caribeña un referente para toda América Latina e parte do mundo. En Taiwán, no outro extremo, tamén a supervivencia, neste caso o statu quo a través do Estreito, está en xogo, ameazado polo incremento das tensións entre os EUA e a China, inmersos nunha dinámica ascendente de acción-reacción. Con seguridade, as dúas illas darán moito que falar ao longo da presente década.

O punto de arranque de ambos os dous “problemas” ten que ver cunha revolución. En Cuba abriu a espita dunha transformación profunda, fincada na defensa dun proxecto alternativo e emancipador que contra vento e marea segue aí, á espreita do que digan agora as novas xeracións. En Taiwán, foron os estertores da revolución chinesa que levaron para a illa as hostes derrotadas por Mao e nela fecundaron un dos milagres económicos máis destacados das últimas décadas.

Coa terceira parte da extensión e o dobre de poboación, Taiwán tamén triplica o PIB per cápita de Cuba, afirmándose como unha das economías máis dinámicas de Asia e do mundo. O desempeño de posicións neurálxicas na cadea global de subministros (67 por cento de taxa de participación), por exemplo, nun produto tan vital hoxe como os semicondutores, contrasta coa posición periférica de Cuba, cuxo autosostemento forzado lembra  as prédicas maoístas do século pasado.  As dificultades económicas de Cuba contrastan coa bonanza taiwanesa que en 2020, con pandemia e todo, logrou medrar máis que a propia China continental. O PIB de Cuba retrocedeu un 11 por cento.

Pese ás súas diferenzas sistémicas, a teima pola soberanía é un importante elo común. Na Habana éo todo. Ou case. Un exemplo de dignidade fronte ao imperio que alardea de democracia e dereitos humanos mentres tenta dobregar e someter pola forza calquera discrepancia que estime “ameazante”. En Taipéi, o soberanismo no poder renega de calquera posibilidade de reunificación coa China continental, tal como lle urxe o PCCh, e revólvese para converter o seu status soberano de facto nunha realidade internacionalmente recoñecida ao abeiro do seu éxito alternativo seguindo un guión diferente, tanto no económico como no político. Extraviados, os nacionalistas do Kuomintang que soñaban con reconquistar algún día o continente hoxe exploran outros camiños en medio de profundas divisións. Oito de cada dez taiwaneses queren seguir como están.

Os EUA pintan bastos nos dous casos. No cubano, teimando no acoso sistemático do proceso aberto pola revolución aplicando, entre outros, un embargo que se remonta xa a 60 anos, implacable, fracasado pero inda así sen perspectivas de levantamento.  Washington tamén traza boa parte do destino de Taiwán, onde atopa un verdadeiro talismán para incomodar a China, as súas aspiracións á reunificación, a “normalizar” a súa historia e a liderar o mundo do século XXI. Coas costas presuntamente gardadas ao lle asegurar lucrativas vendas de armamento vaise nutrindo a espiral de tensión mentres avións e barcos de guerra continentais advirten que a China esnaquizada sen piedade polos imperios occidentais é cousa do pasado. Nun caso, Washington tenta afogar a soberanía; noutro, enxálzaa. O que importa é o interese do imperio.

Por distintas razóns, en diferentes ámbitos e ante variados públicos, ambas illas gozan de prestixio e ata liderado no mundo; sen embargo, as hipotecas que pesan sobre o seu futuro inmediato advirten dun potencial de impacto crítico na sociedade internacional que nesta década podería eclosionar.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais