Incerta retirada de Afganistán

A retirada de Afganistán das tropas estranxeiras, segundo Obama dixo, empezaría en xullo deste ano. Pero o certo é que non é doado ter unha idea clara de cando vai ter lugar esa retirada, en que condicións se vai facer e menos aínda de como se fará, se é que se fai. ¿Retiraranse as tropas pero permanecerán as bases?

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

A retirada de Afganistán das tropas estranxeiras, segundo Obama dixo, empezaría en xullo deste ano. Pero o certo é que non é doado ter unha idea clara de cando vai ter lugar esa retirada, en que condicións se vai facer e menos aínda de como se fará, se é que se fai. ¿Retiraranse as tropas pero permanecerán as bases?

A cuestión adquire cada día máis complexidade, maiormente polas distintas mensaxes que uns e outros transmiten.  Obama fala de retirada, pero o xeneral Petraeus sentenciou que a retirada se irá facendo “a un ritmo determinado polas circunstancias”. ¿Sabe alguén que quere dicir tal cousa?

Un feito de moita entidade, contrario á idea de retirada, é que o exército dos EE UU segue construíndo bases a un ritmo frenético. E non tan só  megabases como as que construíu no Iraq, senón, ademais, os chamados postos avanzados espallados por todo o territorio afgán  e que van dunha capacidade para entre 500 e 1000 soldados ata outras que poden dar acubillo a unidades superiores a un Equipo de Brigada de Combate, equipadas con todas as comodidades imaxinables.

Mentres Obama fala de retirada, o exército segue construíndo bases (“campos duradeiros”, expresión que se emprega para eludir a de bases permanentes). Hai algo que non cadra: promesas e feitos concretos non van parellos. E todo suxire que a colonización do país vai seguir cunha presenza militar que a garanta.

Que ninguén se chame a engano: esa estratexia non ten nada de nova e xa fora debuxada en 1997 por Zbigniew Brzezinski no seu libro “O gran taboleiro mundial”, imprescindible para coñecer os alicerces da política exterior americana e as razóns de canto se move dende o sur de Portugal ata o Estreito de Bering e dende Laponia a Malasia, rexión onde se atopa a maior concentración enerxética do mundo. A retirada de Afganistán das tropas estranxeiras, pois, semella por agora máis ben incerta.