Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 24 de Agosto de 2013 Figueiras

India, ou o goberno das cebolas

Non lonxe están os tempos nos que o apoio aos gobernantes se trocaba por billetes guindados dende o alto dunha balconada. Afondamos un pouco máis na requintada pseudo-democracia. Outro exemplo particular de populismo a bo prezo, sen proxecto de futuro, alén da teima de alcanzar ou permanecer no poder.

Nos países onde os recursos materiais e intelectuais escasean,  e mesmo na denominada democracia mais grande do planeta, o goberno podería depender de variables tan significativas como o prezo da gasolina, do gas ou das... cebolas! Non importa tanto a priori a taxa de desemprego, os índices de desenvolvemento humano, a calidade da educación, a mortalidade infantil, os accidentes por atropelo masivo nos camiños de ferro... Que números son eses comparados co prezo ineludible dun quilo de cebolas no tenderete do mercado da esquina?
 
O famoso tubérculo que a moitos fai chorar e a outros padecer de flatulencia, é unha variable determinante para a elección dun goberno nun país tan pequeno como India. Este ingrediente é o compoñente principal non só de moitos e variados pratos hindús, sikhs e doutras comunidades. É tamén o fundamento dos limitados programas electorais con vistas ás elección lexislativas  á asemblea de Nova Delhi de novembro. É por iso, nos pequenos detalles, no prezo das cebolas, onde se avalía a correcta xestión do goberno, nun país con mais de 1.200 millóns de habitantes. E quen sabe  cantos cidadáns, enfermos famentos e analfabetos. As cifras non son aquí, tan precisas.
 
Tan indispensable é este produto de primeira necesidade na cociña indiana que  a subida dos prezos soe causar cambios nas cores de goberno. En 1998 custoulle as eleccións xerais ao Bharatiya Janata Party (BJP), o partido nacionalista hindú de dereitas. Aprendida a lección, as xentes do BJP decidiron abrir puntos de venda (outlets) onde venden as cebolas a un terzo do seu valor de mercado (25 rupias o quilo en lugar das 80 rupias quilo, valor de mercado). De paso denuncian a acentuada subida dos prezos, e piden a dimisión do ministro de alienación e subministro civil, Haroon Yusuf.
 
Outros partidos, como o Aam Aadmi Party, un partido que se declara transversal e pragmático (sen ideoloxía definida), tamén imitaron a estratexia e comezaron a vender da mesma forma cebolas a prezos baratos en algunhas localidades.
 
Pero o goberno, decidiu contraatacar. A alcaldesa de Delhi, Sheila Dikshit (Indian National Congress o partido de centro-esquerda actualmente no poder), acusou ao resto de partidos de populismo, e comezou a facer o mesmo que os demais. O goberno de Delhi abriu interesadamente centros de distribución onde vende cebolas a 45 rupias e 50 rupias en varios lugares da cidade. Non obstante a ministra afirma que non venden como “partidos políticos” senón como goberno que atende ás necesidades da xente. Tal vez é por iso que venden entre 20 e 25 rupias máis caro que os demais.
 
Como resultado da batalla das cebolas, o prezo deste produto descendeu vinte rupias nos últimos días. Todo un éxito cando nas ultimas semanas se falaba de falla de subministro, e por tanto, de incremento de prezos. Chegouse mesmo a considerar unha emerxencia nacional facilitando os trámites de importacións de cebolas de países veciños.
 
Mágoa que as atencións do goberno e dos partidos da oposición se concreten só neste produto básico. Un mercadeo obsceno e insolente coa fame e as necesidades da xente humilde. Non son poucos os ámbitos de actuación nos que a acción gobernamental é necesaria, e precisa da mesma rapidez. Unha rápida visual pola capital déixanos un paisaxe desolador de enfermos e famentos sen teito, espallados polas rúas (gran parte deles son nenos ou adolescentes), corrupción en tódolos estamentos da administración, fuxida de capitais, e unha sociedade que traizoou o soño de Nehru na busca dunha sociedade máis igualitaria e xusta.
 
 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais