Unha análise de Sara Collazo Santaclara

Indíxenas en América Latina: Os tempos son chegados?

Os pobos indíxenas de América Latina foron protagonistas na sede das Nacións Unidas de Nova York a resultas da Conferencia Mundial sobre os Pobos Indíxenas celebrada os días 22 e 23 do mes pasado.

Alicia Bárcena, en representación da Comisión Económica para América Latina e Caribe (CEPAL) presentou o informe ``Los pueblos indígenas en América Latina: Avances en el último decenio y retos pendientes para la garantía de sus derechos´´. O documento describe algúns dos avances económicos e sociais dos pobos indíxenas e as deficiencias que a pesar destes progresos seguen martirizando a estas comunidades.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Os pobos indíxenas de América Latina foron protagonistas na sede das Nacións Unidas de Nova York a resultas da Conferencia Mundial sobre os Pobos Indíxenas celebrada os días 22 e 23 do mes pasado.

Alicia Bárcena, en representación da Comisión Económica para América Latina e Caribe (CEPAL) presentou o informe ``Los pueblos indígenas en América Latina: Avances en el último decenio y retos pendientes para la garantía de sus derechos´´. O documento describe algúns dos avances económicos e sociais dos pobos indíxenas e as deficiencias que a pesar destes progresos seguen martirizando a estas comunidades.

Os datos detallados do informe, referidos a 2010, revelan que os indíxenas conforman o 8,3% da poboación total, é dicir, arredor de 45 millóns de persoas distribuídas en máis de 800 pobos diferentes. Segundo o informe, México alberga o maior número de poboación indíxena no interior das súas fronteiras, con 17 millóns de persoas, seguido por Perú, con 7 millóns.  Sen embargo, o país con maior proporción de poboación indíxena é Bolivia, cun 62,2%.

Estas porcentaxes son suficiente motivo para reconsiderar a importancia coa que a cuestión indíxena debe ser tratada no plano institucional nacional e internacional.

O documento presentado pola CEPAL informa dos avances significativos en termos de saúde, educación e participación política dos pobos indíxenas, pero dá conta das fendas que aínda condicionan a este segmento da poboación.

En termos de saúde pódese apreciar un descenso da mortalidade infantil. A mortalidade de menores de cinco anos reduciuse en nove países: Costa Rica, México, Brasil, Venezuela, Ecuador, Panamá, Guatemala, Perú e Bolivia. Na última década proliferaron diversos enfoques sobre a xestión dos servizos de saúde, dende a lexislación para o recoñecemento da saúde como dereito individual, ata a concepción da saúde como dereito colectivo.  Aínda así, é importante destacar que os programas das políticas públicas en relación coa mellora da accesibilidade dos servizos de saúde para a poboación indíxena son escasos.

No caso do ámbito educativo, as taxas de asistencia escolar aumentaron en tódolos niveis. Os plans de políticas públicas para o sector educativo aumentaron, sobre todo en México, Bolivia, Ecuador e Brasil. Estes países lideran a listaxe con maior número de programas e políticas públicas destinadas a educación e saúde da poboación indíxena.

A pesar destes lixeiros avances, as comunidades indíxenas seguen sendo vítimas da exclusión, discriminación e explotación. Os desequilibrios sociais e económicos seguen presentando un tamaño considerable e preocupante.

A pesar da redución da mortalidade infantil, por exemplo, esta segue sendo máis elevada que a rexistrada entre a poboación non indíxena. En Panamá e Perú, a taxa de mortalidade infantil en pobos indíxenas triplica a taxa da comunidade non indíxena.

No ámbito educativo, a CEPAL asegura que, en xeral, en tódolos países estudados, o 80% da poboación indíxena asiste á escola, pero as desigualdades e diferenzas pola súa condición étnica son amplas. Cando chegan aos 18 anos, os mozos indíxenas distáncianse do sistema educativo. A asistencia á escola en persoas destas idades non supera o 40%.  Este dato pode ter especial relación coas cifras que revelan un aumento dos conflitos violentos en relación co control dos recursos naturais e o territorio indíxena. A CEPAL asegura que estes conflitos teñen lugar en contextos de exclusión política, discriminación social e marxinación económica.

Chile é o país que alberga o maior número de conflitos violentos por causa da industria extractiva. Este tipo de litixios impiden o desenvolvemento e o empoderamento dos pobos indíxenas, xa que privan a gran parte da poboación dun ambiente favorable para o seu desenvolvemento persoal.

Todos estes datos suxiren un interrogante sobre a poboación indíxena de América Latina. As melloras non laminan substancialmente as desigualdades que levan séculos azoutando a estas comunidades, pero, en qué punto nos encontramos? No comezo dun avance significativo ou nun momento puntual de mellora consecuencia dun auxe político de carácter progresista na rexión?

Pódese afirmar que o impacto da acción dos gobernos de carácter progresista á hora de alentar melloras en materia social para os pobos indíxenas é positivo. A conciencia política sobre a cuestión indíxena aumenta a medida que a participación política e electoral destes pobos aumenta tamén.  A pesar da ineficiencia institucional dalgúns gobernos e a insuficiencia de mecanismos de representación e participación política para a poboación indíxena, as mobilizacións sociais e a identificación destas persoas como indíxenas constitúen dous fenómenos que poden chegar a sentar as bases dos definitivos avances nesta materia. A construción dunha cultura política indíxena é un proceso clave para a consolidación dun movemento político capaz de pular polo recoñecemento das diversas identidades e o empoderamento da sociedade indíxena. Este proceso debe de estar protagonizado pola expresión política dos indíxenas, é dicir, a sociedade latinoamericana xunto cos seus correspondentes gobernos, deben facilitar esa expresión. Neste aspecto, hai unha clara diferenza entre países como Bolivia ou México, e outros como Chile, Uruguai, Ecuador o Arxentina.

Os primeiros manifestan unha clara tendencia de mellora dos mecanismos de participación indíxena na esfera política. A recente reelección de Evo Morales é un claro exemplo desta tendencia. Os segundos, pola contra, centran as súa atención en priorizar as políticas económicas fronte ás políticas sociais. Estes gobernos levan a cabo unha política indixenista baseada primordialmente no asistencialismo, no paternalismo e nun proteccionismo que en termos prácticos non logra mitigar a explotación e a marxinación.