Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
30 de Xuño de 2020 VV.AA.

Inmigración e comercio tralo Brexit: os interrogantes reabertos pola pandemia global

Por Miguel Rodríguez Fernández e Duarte Romero Varela (Presentadores do podcast Té con Gotas). Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade".
Nós No Mundo 2019-2020

A crise do coronavirus revelou unha realidade moi incómoda para unha parte da opinión pública británica: se o país segue funcionando é grazas á man de obra inmigrante. Mentres que as oficinas se baleiran, sectores con moita dependencia de man de obra foránea, traballan a máxima capacidade. Un 17%1 do persoal do comercio naceu fóra do Reino Unido, unha porcentaxe aínda maior nos sectores da saúde (20%), do transporte (26%) ou dos coidados e o traballo social (18%).

E se esta é unha realidade incómoda para unha parte da opinión pública, é porque a cuestión migratoria tivo un rol central no debate político dos últimos anos. Nos meses previos ao referendo de saída da UE, as enquisas2 indicaban que a inmigración era considerada como o principal problema que afrontaba o Reino Unido. Non foi casual que a campaña do Brexit xirase en parte en torno a retomar o control sobre as fronteiras. De feito, un terzo dos que votaron a prol de saír, fixérono para poder pór couto á chegada de traballadores de fóra3.

Aínda que desde o ano 2016 a preocupación pola inmigración foi decaendo, unha das principais prioridades do novo goberno de Boris Johnson foi desenvolver un sistema de control de fronteiras que respondese ás demandas do seu electorado. En febreiro de 2020, a ministra de interior, Priti Patel, anunciou as liñas mestras dun sistema de inmigración por puntos que se aplicará cando rematen as negociación comerciais coa Unión Europea.

A idea principal desta política é penalizar a inmigración non cualificada e simplificar o acceso a visados de persoal de fóra da UE. Para isto, establecen uns requisitos mínimos obrigatorios que inclúen unha oferta de traballo, un bo nivel de inglés e unha formación equivalente ao bacharelato. A partir de aí, cada solicitante ten que ir cumprindo outros requisitos que lles dan puntos. Isto pode ser ter un salario alto, unha formación doutoral, ou traballar nun sector no que hai particular demanda.

Esta política encaixa moi ben coa opinión pública maioritaria no Reino Unido, que ve con bos ollos a chegada de inmigrantes con formación superior. Segundo unha enquisa de YouGov do ano 20184, un 71% da poboación é partidaria de manter os mesmos niveis de inmigración ou mesmo aumentalos para aqueles traballadores cun nivel de educación alto que busquen traballos ben pagados. Pola contra, un 57% quere deter ou reducir a chegada de xente con pouca formación para postos con salarios baixos.

Pero a gran contradición da opinión pública e do goberno británicos é que a dependencia da man de obra inmigrante non é só en sectores que requiren unha alta cualificación. A crise do coronavirus puxo sobre a mesa que moitos traballos clave, normalmente desprezados por seren de baixa cualificación, están ocupados por xente que non naceu no Reino Unido, pero que cumpre unha función social fundamental cando hai unha crise.

Reino Unido global no mundo post COVID-19

Os tempos do coronavirus non só poñen en cuestión a nova política migratoria do Reino Unido, senón a oportunidade do propio Brexit. A narrativa dos partidarios de saír da UE baseábase tamén en denunciar os corsés que o mercado común impuña ao Reino Unido á hora de prosperar comercialmente nun mundo aberto. A nova ‘Global Britain’ (‘Gran Bretaña global en galego’) sacaría partido do comercio cos exsocios europeos mais tamén das vantaxes de novos acordos feitos a medida con nacións doutros continentes.

O repregue sen precedentes á esfera nacional que está a desatar o coronavirus non semella o mellor contexto para esta estratexia. Os peches fronteirizos reaparecen por medio mundo, gobernos de todo signo confiscan material sanitario inicialmente destinado á exportación e nacións tan próximas como Portugal reabren desde as súas institucións o debate sobre a relocalización de industrias consideradas esenciais. O pouso que deixe no comercio mundial esta desglobalización temporal porá máis ou menos atrancos nas rodas do Reino Unido na súa nova etapa como verso solto.

A xestión deste futuro incerto estará na man dun partido conservador que goza de maioría absoluta no Parlamento mais que tamén atravesa unha crise de identidade.

Algunhas das figuras de máis peso no actual Goberno de Boris Johnson, como o ministro de exteriores, Dominic Raab, a ministra de Comercio Internacional, Elizabeth Truss, e Priti Patel foron autores en 2012 de Britannia Unchained (Britannia sen cadeas en galego), un libro-manifesto que reclamaba regresar ás esencias do Thatcherismo, promovendo máis libre mercado e reducindo o peso do Estado. A súa práctica de Goberno até agora, porén, dista moito de semellarse ao clásico manual liberal.

A maioría absoluta colleitada polos tories no Parlamento sustentouse nun conservadorismo de novo cuño que abandeirou dúas promesas: levar a cabo o Brexit e rachar con case unha década de austeridade conservadora. Johnson prometeu aumentar o gasto público en case 3.000 millóns de libras ao ano, dotar de máis financiamento ao servizo público de sanidade e á Policía, e embarcarse en infraestruturas multimillonarias, como o tren de alta velocidade entre Londres e o norte de Inglaterra.

O parón do Coronavirus non fixo máis que engadir gasolina á fogueira do gasto público, co Goberno prometendo gastar “todo o que sexa necesario” para paliar o golpe. O seu plan de emerxencia inicial era dos máis ambiciosos de Europa: o Goberno prometeu pagar o 80% dos seus ingresos a asalariados e autónomos afectados pola pandemia, abrir unha onerosa liña de créditos ás empresas, moratorias sobre o pago de hipotecas e alugueiros e mesmo entrar no accionariado de compañías estratéxicas, como British Airways, para garantir o control do capital británico.

A falta de coñecer canto tempo durarán as medidas excepcionais para conter o coronavirus, todos os indicadores apuntan a que o mundo avanza cara unha recesión global. Nesta conxuntura, o Reino Unido terá que afrontar o reto de repensar a súa política migratoria, despois dunha crise que evidenciou a dependencia dos traballadores estranxeiros, especialmente dos pouco cualificados. Ademais, as potenciais vantaxes do Reino Unido como un axente libre no mercado global, poden verse cuestionadas se a saída desta crise pasa por un repregue cara os estados ou rexións supranacionais.

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.

FONTES

[1] https://migrationobservatory.ox.ac.uk/resources/briefings/migrants-in-the-uk-labour-market-an-overview/

[2] https://www.ipsos.com/ipsos-mori/en-uk/ipsos-mori-issues-index-january-2020

https://www.gov.uk/government/publications/the-uks-points-based-immigration-system-policy-statement/the-uks-points-based-immigration-system-policy-statement

[3] https://lordashcroftpolls.com/2016/06/how-the-united-kingdom-voted-and-why/

[4] https://yougov.co.uk/topics/politics/articles-reports/2018/04/27/where-public-stands-immigration

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais