Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 26 de Agosto de 2015 Ríos

Inmigrantes, refuxiados… persoas !

Milleiros de persoas procedentes de países en conflito (Siria, Iraq, Afganistán, Libia, etc.) amoréanse nalgunha das paradisíacas illas gregas buscando unha ruta que lles permita culminar a súa longa camiñada de miles de quilómetros. Segundo ACNUR, ata 3.000 persoas chegarán diariamente nos próximos días. Só en Serbia, a axencia de refuxiados da ONU trata de responder ás necesidades de máis de 10.000 refuxiados. Acollidos unhas veces con precariedade e outras con belixerancia, a indignidade e os garrotes policiais danse a man no recibimento europeo antes de embarcar  desesperadamente nuns trens que evocan, inevitablemente, infaustas lembranzas.

De Grecia a Macedonia, e de aí a Serbia camiño de Hungría e despois rumbo á “verdadeira” Europa, a de Alemaña, Francia, Reino Unido ou os países nórdicos. As autoridades húngaras, coñecidas polas súas tendencias dereitistas, xa o deixaron ben claro: en 2012 recibiron 2.000 refuxiados e no que vai de ano xa contabilizaron 60.000… Non serán recibidos con compracencia. Pero non é só a ultradereita. O primeiro ministro británico David Cameron aludiu desde Vietnam á “praga de xente” que ansía cruzar o Eurotúnel desde Calais para xustificar unha morea de medidas represivas que fai palidecer ata a Farage, o líder ultra británico.

A ACNUR, desbordada, denuncia as condicións nas que son acollidas estas persoas, mulleres e homes de todas as idades que viaxan cos seus fillos, algúns deles de meses, malvivindo sen asistencia médica e contados alimentos en numerosos casos. Ata na Francia de Hollande, o Eliseo porfía en facelo cada día peor para que ninguén se anime a quedar e siga camiño cara outros lares.

Europa, a ruín

Como chegamos a isto? O que está acontecendo coas crises migratorias deste verán vai camiño de acadr unha magnitude humanitaria superior ao acontecido nos Balcáns nos anos 90. Sen embargo, Europa prima na súa resposta a insolidariedade e a represión.

Europa ten unha parte importante de responsabilidade no que está a suceder. En primeiro lugar, pola participación activa nas políticas occidentais aplicadas en moitos destes países co obxectivo de promover gobernos afíns aos seus intereses xeopolíticos. A onda expansiva chega agora dobremente, en forma de terrorismo islamita, con Al-Qaeda e o Daesh, e os miles de refuxiados que foxen das guerras de nunca acabar en estados desfeitos. As campañas bélicas de Afganistán, Iraq, Libia ou Siria, en diversas formas e intensidades, pasan factura. Habilitáronse recursos extraordinarios para satisfacer os gastos militares. Néganse agora para atender a quen os padecen en primeira persoa.

Na actual situación inflúe o secuestro de Europa por uns poderes económicos sen mais ideoloxía que o mercado. Se antes, cando necesitaban man de obra inmigrante para desbaratar o mercado laboral continental, desfacíanse en eloxios ao valor do multiculturalismo, agora erguen fronteiras e consumen os días observando a curva de resultados da economía.

A presenza de dirixentes que non están á altura dos desafíos do tempo presente é evidente. Que non quedan europeístas en Bruxelas inflúe igualmente no actual estado de cousas. Merkel, Cameron, Hollande… son meros mandados desa Troika que semella podelo todo non só no eido da economía senón tamén da política. A chanceler a duras penas e só tras serlle reclamado, ousa condenar as accións dos radicais de extrema dereita que incendian a centos os centros de refuxiados. A ultradereita medra e gaña peso e influencia nos parlamentos e nas sociedades de todo o vello continente mentres avívase a alarma da opinión pública fronte a esta “invasión” de miserables.

En nome da defensa da democracia e dos dereitos humanos, Europa argumentou no seu día mil e unha escusas para xustificar as súas políticas de forza; agora precísanse respostas comprometidas cunha xestión fronteiriza humanitaria aquí e coa paz e o desenvolvemento nos seus países de orixe, as únicas eficientes para resolver este drama. Pero moito me temo que no seu extravío, esta Europa perdeu xa ata o sentido da humanidade.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais