O Parlamento de Westminster aprobou en marzo de 2009 a tranferencia das competencias en policía e a xustiza para as autoridades de Belfast. Na foto, o edificio do parlamento norteirlandes.

Irlanda do Norte: a policía e a xustiza

Nos últimos días do mes de xaneiro intensificáronse os contactos e negociacións arredor da devolución das competencias en materia de xustiza e policía de Westminster, sede das institucións políticas centrais do Reino Unido, para Stormont, localidade de Belfast que acolle o executivo e parlamento norteirlandeses.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

O Parlamento de Westminster aprobou en marzo de 2009 a tranferencia das competencias en policía e a xustiza para as autoridades de Belfast. Na foto, o edificio do parlamento norteirlandes.  Nos últimos días do mes de xaneiro intensificáronse os contactos e negociacións arredor da devolución das competencias en materia de xustiza e policía de Westminster, sede das institucións políticas centrais do Reino Unido, para Stormont, localidade de Belfast que acolle o executivo e parlamento norteirlandeses. O asunto, que puidera parecer a primeira vista importante mais non transcendental, estase a converter, no momento da escrita destas liñas, nunha seria ameaza á estabilidade institucional da Irlanda do Norte, cuxas posibles consecuencias no medio prazo haberán de medir con moita cautela todas as partes, pero moi especificamente os dous partidos maioritarios da Irlanda do Norte, o Sinn Féin e máis o Democratic Unionist Party (DUP), que como é sabido gobernan conxuntamente desde maio de 2007. 

A devolución das competencias de xustiza e policía, aprobada polas dúas cámaras lexislativas de Londres en marzo de 2009, implica dúas institucións fundamentais para calquera país democrático, pero aínda máis nun contexto de conflito ou post-conflito. No caso norteirlandés, ningunha das dúas é percibida como neutral polos nacionalistas, que ven nelas prolongacións do adversario/inimigo político, con demasiada frecuencia e descaro cómplices da causa unionista, mesmo nas súas máis crueis expresións. A devolución da xestión destas dúas institucións a Stormont abriría novas posibilidades para superar a súa falta de lexitimidade e, deste modo, contribuiría de modo inestimable á consolidación da paz. 

O Sinn Féin ten os deberes feitos, e ben. En xaneiro de 2007, pouco despois de asinado o Acordo de San Andrés, en que se incluía esta transferencia de competencias, nun congreso celebrado en Dublín e por ampla maioría, aprobaba recoñecer, por vez primeira na súa historia, a autoridade da policía e xustiza norteirlandesas. Como se pode imaxinar, a decisión non resultaba fácil e terá sido vista por boa parte da súa base na Irlanda do Norte como unha concesión de calado e, en moitos casos, dificilmente comprensible. Espérase agora unha reciprocidade da parte unionista que, ademais, parece máis difícil conforme as eleccións de Londres se achegan. Unha vitoria, máis que probable, dos conservadores en Westminster aumentará os problemas ou mesmo podería imposibilitar a concreción da transferencia. 

O DUP, debilitado polo escándalo que rodea o xefe do Executivo de Stormont, Peter Robinson, e máis a súa muller, e por un goberno de coalición no que o seu socio parece ser quen está a tirar maior rédito, mesmo comezando a gañar algunha simpatía entre parte dos unionistas votantes do DUP, ve na negociación unha oportunidade para recuperar terreo perdido. Introduce un elemento que ten pouco ou nada que ver coa transferencia de competencias en materia policial e xudicial: a supresión da Comisión de Desfiles, cuxa función é controlar os percorridos das marchas oranxistas, a fin de evitar conflito nas rúas e exacerbación de inimizades entre católicos nacionalistas e protestantes unionistas. 

Neste escenario, o Sinn Féin ameazou a finais de xaneiro con deixar o goberno de coalición se non se chega a un acordo para a transferencia. De isto ocorrer, unha consecuencia probable sería unha convocatoria electoral anticipada. Parecera que polo menos unha parte do DUP ten pouco interese en chegar a un acordo, na medida en que o partido iniciou contactos para preparar unha alianza electoral con outros partidos unionistas. Sería profundamente irresponsable antepor os cálculos electorais á consolidación das institucións autónomas e a paz norteirlandesas.