Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
19 de Maio de 2020 Sáez Ponte

Irlanda está perto da reunificación

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2019-2020 "Da guerra comercial á Coivd19"
IAR 2019-2020

Neste confuso 2020 conflúen varios factores favorábeis para que Irlanda sexa un só Estado e supere, un século despois, a división imposta pola potencia colonial no 1921, cando se asinou o tratado que deu fin á súa guerra de independencia.

De entrada, existe un marco legal que o permite. O Acordo do Venres Santo de 1998, que rematou cun longo período de violencia, establece que a reunificación da illa dependerá exclusivamente do desexo dos irlandeses. Tamén autoriza ao Ulster, previo acordo do Parlamento de Stormont e sen necesidade de pedir permiso no Reino Unido, a someter a referendo a súa  incorporación á República de Irlanda.

Tras décadas de vallas, arames de espiño e torres de metralladoras, o Acordo do 98 fixo desaparecer, dentro do espazo europeo de convivencia, a fronteira terrestre que afastaba ás dúas Irlandas. Máis agora volve a incerteza pola saída  do Reino Unido  da Unión Europea o próximo un de xaneiro, se a crise sanitaria e económica do covid-19 non consegue adialo. O tratado previo asinado por ambas partes establece que non se creará unha aduana entre o Ulster e a República de Irlanda. Pero sabemos que o demo está nos detalles e estes aínda deben ser fixados nunha negociación, que se prevé dura e incerta. Se non hai acordo claro neste asunto, aumentarán as probabilidades de que os habitantes de Irlanda do Norte desexen ficar na UE, integrándose cos do Sur. Non se pode esquecer que o Ulster votou maioritariamente contra o Brexit que agora lles impoñen desde Londres.

Nas eleccións celebradas no Eire o pasado 8 de febreiro o partido máis votado foi o Sinn Féin, formación nacionalista creada no 1905, que rexeita a división de Irlanda e foi o ”brazo político” do IRA Provisional, que practicou un cruel terrorismo entre 1966 e 1998.  Na nova situación influíu moito o voto da xuventude e o crecente rexeite dos cidadáns ás dúas formacións (Fine Gael e Fiana Fàil) que teñen ocupado historicamente o poder en Dublín. A pesares do progreso económico da República de Irlanda, os votantes parecen pensar que eses partidos esqueceron en exceso os problemas sociais que ten a República, como a falla de vivenda ou a elevada taxa de desemprego da mocidade.

O Sinn Féin ten agora unha representación importante no Parlamento do Eire e está dirixido por xente nova, desconectada do terrorismo dos “anos de chumbo”. Liderado por Mary Lou McDonald aspira a estar no goberno e incluso a encabezalo. Participa tamén no sistema de poder compartido do Ulster, onde conta con varios ministerios e ten 7 deputados no Parlamento de Westminster. É unha situación inédita que amosa a artificialidade da división de Irlanda. Non coñezo outros casos no que o mesmo partido (non dous diferentes que levan o mesmo nome) teña representación a todos os niveis en dous Estados soberanos diferentes.

A base principal da complexidade que vemos na política irlandesa radica na conexión entre a relixión e a identidade nacional.  Como aínda pasa por exemplo en Polonia, a República de Irlanda é un Estado con tradición confesional. A creación do Ulster xustificouse no seu momento pola maioría protestante implantada na zona. Por iso eles sentíanse máis perto da Gran Bretaña que do Eire. Por certo, a maioría dos protestantes que foron concentrados alí polos británicos eran de procedencia escocesa, o que tamén vencella o posíbel proceso de independencia de Escocia coa reunificación irlandesa.

As divisións por motivos relixiosos están na tradición do imperio británico. O caso máis coñecido, e que segue a provocar brotes violentos, foi a partición da India, cando se independizou no 1947, en dous países con diferente predominio relixioso (hinduísmo, islamismo) pero que teñen fronteiras artificiais: a India e Paquistán. Porén, as enxeñerías sociais deste tipo respostan a condicións que poden ir cambiando e perdendo peso social. É o que está a ocorrer en Irlanda, onde o desenvolvemento económico, o maior nivel cultural, a integración europea e o fin da violencia erosionan devagar, pero de feito sostido, o sentimento relixioso.

A República de Irlanda é agora menos católica. Nada mellor para probalo que os cambios lexislativos producidos nos últimos anos, a pesares da forte oposición da Igrexa. No 2015, mediante referendo, aprobouse (60,5% a favor) o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. En decembro do 2018, tras unha nova consulta popular que autorizou (co respaldo do 66.4%) un cambio constitucional, o Parlamento de Dublín aprobou a despenalización do aborto, que agora fica á vontade da muller durante as doce primeiras semanas de embarazo. Un último exemplo é a modificación lexislativa, realizada o ano pasado, para reducir os requisitos esixidos para divorciarse. A nova lei foi aceptada en referendo polo 82% dos votantes, un forte contraste co ocorrido coa primeira lei de divorcio en 1995, que foi aprobada por unha diferencia de só 9.000 votos (50,2 % fronte a 49,8%).

Grazas a cambios tan fondos, os protestantes do Norte xa non ven ao Sur tan católico, o que fomenta unha mellor relación entre todos, reforzada polo libre movemento de persoas e mercadorías e polo éxito económico da República irlandesa, que antes víase como pobre e agora provoca a envexa dos que facían fachenda de ricos.

Por último, hai outro dato sociolóxico moi significativo. A pesares de que as diferenzas entre católicos e protestantes son cada vez menores, esa segue sendo a razón última da partición da illa. Iso está tamén a cambiar. No 2019, por primeira vez desde a independencia do Eire, o número de irlandeses do norte maiores de 16 anos que se declaran católicos ven de superar aos que din ser protestantes. Desde o 2019 o Ulster é maioritariamente católico.

Ogallá os nosos veciños irlandeses podan aproveitar os ventos políticos favorábeis para xuntarse baixo un teito común menos nesgado, máis moderno, aberto e integrado, e onde se esqueza para sempre a violencia. O día que o logren, uniremos as nosas gaitas ás súas para celebralo xuntos, porque Irlanda ten un lugar especial no corazón dos galegos. (Enviado ao IGADI o 4/3/20).

Esta peza é parte do IGADI Annual Report 2019-2020, podes descarregalo aquí. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais