Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública 19 de Novembro de 2012 Mansilla Blanco

Israel, Gaza…e Obama

A actual crise de Gaza, a recente reelección presidencial de Barack Obama e a perspectiva de eleccións parlamentarias adiantadas en Israel para xaneiro de 2013, consideran unha serie de variables que poden definir a eventualidade dun inesperado cambio nas estratéxicas relacións entre Washington e Tel Aviv, tomando en conta as friccións existentes entre Obama e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu durante o período 2009-2012.
Mísiles israelís caen no territorio de Gaza no comezo das tensións entre Israel e Hamas

Un exemplo claro albíscase ante a renovación das accións militares israelís en Gaza, onde decenas de civís palestinos morreron tras diversos ataques “selectivos” israelís contra presuntas posicións do partido islamita palestino Hamas. O inmediato apoio de Obama ao que considerou como os “lexítimos dereitos” de Israel de defenderse trala activación de mísiles dende Gaza, presuntamente orquestrados por Hamas, deixa entrever diversas consideracións que están sucintamente explicadas polo proceso electoral estadounidense e polas próximas eleccións parlamentarias israelís.

Se ben a reelección de Obama, a actual crise de Gaza e a perspectiva de reelección de Netanyahu nos próximos comicios israelís son factores que determinan a posibilidade de cambios na relación entre EUA e Israel, existe un factor común e indirecto de preocupación tanto en Washington e Tel Aviv, sendo este decisivamente a potencialidade de convivir cun Irán potencialmente “nuclear” e o impacto que este escenario tería no mapa xeopolítico de Oriente Próximo.

Netanyahu marca o terreo

De forma inédita, Israel foi unha “estrela central” da recente campaña presidencial estadounidense. O candidato republicano Mitt Romney acusou constantemente a Obama de propiciar as tensións e o distanciamento con “aliados fieis” e “estratéxicos” para Washington como Israel. No fondo, o problema enfocábase na necesidade de conter a potencialidade nuclear iraniana, un aspecto que imprimiu á campaña de Romney esa inesperada preponderancia israelí.

O candidato republicano apostou decididamente por atacar a Teherán, apoiando sen miramentos as demandas dun Netanyahu quen, no propio momento das eleccións estadounidenses, non dubidou en anunciar novos asentamentos israelís en Cisxordania e Xerusalén Leste, unha vez o Colexio Electoral anunciara a reelección de Obama.

Polo tanto, a reelección de Obama e determinados cambios de prioridades na súa política exterior consideran a posibilidade de observar escenarios inéditos na relación entre EUA e Israel. Escenarios non necesariamente subscritos á posibilidade dun distanciamento, actualmente visible, tomando en conta a aparente falta de sintonía persoal e política entre Obama e Netanyahu, pero que tampouco explicarían a posibilidade dun maior achegamento entre ambos líderes, toda vez aumentan as perspectivas de reelección de Netanyahu e da preservación da súa alianza política co ultradereitista e actual ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman.

Para Netanyahu, os seus aliados políticos da dereita israelí e as Forzas Armadas, o momento luce oportuno para “marcar terreo” a través dun cerco inmediato a Hamas en Gaza e aos seus aliados rexionais, con principal acento do movemento islamita libanés Hizbulá e, indirectamente, cara Irán. Ó mesmo tempo, a crise de Gaza serviría a Netanyahu para restar preponderancia ao conflito en Siria, cada vez mais atomizado tomando en conta que o réxime de Bashar al Asad segue no poder e que Washington semella case definitivamente decidido a non intervir militarmente nese país árabe.

Tras anos de cru illamento contra a poboación civil en Gaza coa perspectiva de reducir por completo a preponderancia de Hamas, os recentes ataques israelís neste territorio palestino poden estar propiciando un escenario tendente a recrear unha conflitividade rexional que permita seguir mantendo a man o apoio estadounidense. Netanyahu calcula así que, ante a erosión das relacións de Israel con outrora aliados rexionais como Exipto e Turquía (ambos países con gobernos islamitas moderados e delicados pulsos cos seus respectivos estamentos militares), a conxuntura actual supón a posibilidade de “reverdecer” a alianza con Washington a través dun conflito rexional…ou ben a intención israelí de “marcar o terreo” de forma definitiva e unilateral.

Por tanto, o “camiño de Gaza” supón para Netanyahu o inicio dunha labiríntica travesía cuxo destino final semella ser Teherán. O escenario 2013 en Oriente Próximo pode estar mais enfocado en observar como será o desenlace dos procesos electorais que vivirán Israel en xaneiro e igualmente Irán, coas eleccións presidenciais previstas para xuño do próximo ano, e que moi probablemente porán fin á “era Ahmadineyad” en Teherán, sen que isto signifique cambio político algún no país persa.

Aquí focalízase a ecuación de Netanyahu, esperando ser reelixido nos comicios parlamentarios para afianzar aínda mais a presión contra Teherán, con o sen o apoio de Washington. Ó mesmo tempo, esta perspectiva igualmente denota unha evidente intención por agostar e desviar a atención dos acontecementos da “post-Primavera árabe”, actualmente paralizada pola inevitable reacción das elites no poder. Este factor igualmente determinaría ata qué punto Netanyahu lograría “romper” a sensación de illamento e distanciamento de Israel coa rexión.

Obama atado ao déficit público

A crise actual en Gaza e os acontecementos en Oriente Próximo obrigarían colocan igualmente a atención na decisión que tome Obama. Se ben non semella persuadido a abandonar ao seu aliado israelí, a visión estratéxica de Obama, cando menos secundada polo Pentágono e o Departamento de Estado, consiste en propiciar un retiro paulatino da presenza militar estadounidense no exterior, así como non “aventurarse” en novas intervencións militares, salvo o caso de Libia (2011) e moito menos nun escenario tan arriscado como Irán. Velaí as paulatinas retiradas militares de Iraq e Afganistán e á parálise e prudencia de Obama para non intervir en Siria.

Pero quizais sexan razóns mais ben económicas que xeopolíticas as que obrigarían a cambiar este curso. Esta visión moi probablemente estea motivada pola cada vez mais imperiosa necesidade de Obama e do Congreso de solucionar o problema do elevado déficit público estadounidense, o cal ameaza con provocar unha bancarrota nas contas públicas a curto prazo. A pesar das presións por parte dos “falcóns” e se ben os conflitos bélicos dalgún modo lograrían reactivar a capacidade de influencia do complexo militar-industrial estadounidense, unha eventual guerra contra Irán significaría un elevado custe económico para Obama así como para a economía mundial debido a que, entre outros aspectos, os prezos do petróleo se dispararían.

É de salientar que, segundo o estudo “Sanctions, Military Strikes and Other Potencial Actions against Iran” (“Sancións, Ataques Militares e outras Accións potenciais contra Irán”), elaborado pola Federación de Científicos Estadounidensese (Federation of American Scientists, FAS), unha eventual escalada conflitiva entre EUA e Irán podería xerar perdas de entre US$ 64.000 millóns e 1,7 billóns para a economía mundial nos primeiros tres meses de conflito, así como disparar os prezos do petróleo a US$ 250 o barril. Polo contrario, e seguindo con este estudo, a política de persuasión e disuasión impulsada por Obama cara Teherán, tomando medidas unilaterais destinadas a “enfrear” e buscar un entendemento, manifestarían beneficios económicos valorados en US$ 60 millóns para a economía mundial.

Por tanto, Obama esforzarase mais en alcanzar consensos e pactos  políticos nun Congreso dominado polos republicanos que en ocupar a súa atención en Israel e Oriente Próximo. Isto permitiría a Obama traballar con maior claridade os problemas económicos que tanto peso tiveron na campaña electoral e que monopolizarán a axenda política da Casa Branca para o próximo período.

Ante este contexto de case absoluta preocupación de Obama pola economía estadounidense, Netanyahu calcula con minuciosidade cales serán as súas cartas, moi probablemente aproveitando que a actual crise en Gaza pode supor un termómetro político decisivo para os seus intereses: ou ben a través desta crise tentará “recuperar” os lazos de relación con Washington (e particularmente con Obama); ou mais ben aproveitará a crise de Gaza para afianzar dunha vez o seu proxecto de “demarcación definitiva das fronteiras históricas de Israel”, como elemento de presión para consolidar a Israel no mapa rexional, independentemente de preservar o apoio estadounidense e da evolución dos acontecementos da “post-Primavera árabe”, que ameazan con illar aínda mais a Israel na rexión.

Neste contexto debe observarse como será a nova ecuación e de equilibrios entre EUA e Israel. O frontal e público apoio de Netanyahu a Romney e a posibilidade de reelección do actual primeiro ministro israelí nos comicios parlamentarios pautados para o próximo 22 de xaneiro de 2013 (curiosamente, dous días despois da toma de posesión de Obama para o seu segundo período presidencial) dirimirán esa nova ecuación entre Tel Aviv e Washington.

Sexa que sexa a persoa que ocupe a Secretaría de Estado estadounidense na nova administración de Obama, Israel seguirá sendo un aliado estratéxico pero, curiosamente, pode que xa non irrestritamente prioritario na axenda exterior estadounidense. Independentemente do que suceda en Gaza e ante a posibilidade dunha reelección de Netanyahu, resulta mais pertinente para Washington non arriscarse nunha nova intervención en Oriente Próximo, escenario que daría “carta branca” a Netanyahu para avanzar nos seus proxectos políticos.


Amigos para sempre?

Obama e diversos círculos de poder en Washington semellan persuadidos a considerar que Israel transita, case inexorablemente, polo sendeiro dun illamento rexional en Oriente Próximo. Resta por ver ata qué punto esta posibilidade afectará os intereses estratéxicos de Washington na rexión. Noutro contexto, unha postura mais decidida e firme de Obama contra o programa nuclear iraniano non semella estipular unha acción militar, cando menos directa, tal e como prometeu Romney e como espera Netanyahu.

Considerar que este eventual distanciamento de Washington persuadiría a cambios profundos nas elites e na sociedade israelí (que poden verse materializados nas próximas eleccións lexislativas dese país) corresponde aínda un escenario incerto e repleto de riscos. Obviamente, Washington non quere “perder” ao seu estratéxico aliado israelí como tampouco semella convencido de seguir respectando e defendendo unhas pautas de relación aparentemente inalterables e que, a todas luces, danan considerablemente a credibilidade de Washington no exterior. Un aspecto, a credibilidade, que Obama publicamente considera imprescindible recuperar.

Se ben a imaxe de Israel segue a ser popularmente aceptada en EUA, así como o lobby israelí segue a funcionar politicamente con eficacia en Washington, os cambios en Oriente Próximo e o custe (político, económico e ata moral) que significa para Washington manter esa inalterable relación con Israel, poden terminar pasando factura. Aparentemente, quen mais perdería nesta nova ecuación é Israel, para quen o apoio exterior estadounidense supón un aspecto primordial da súa seguridade nacional.

Este escenario de desconcerto e incertezas pode abrir a posibilidade de que un Israel politicamente cada vez mais dereitista e dominado polos “falcóns”, síntase persuadido a actuar pola súa conta, con especial incidencia en escenarios particularmente delicados como Palestina, Siria e Irán. Dificilmente calquera administración en Washington terá a capacidade de deter os asentamentos israelís nos territorios palestinos, pero o problema semella ser mais ben interno que externo: os cambios demográficos nas sociedades israelí e palestina e a preservación dun estado de conflitos cos seus veciños, moi probablemente terminarán erosionando a lexitimidade israelí.

Existe a sensación de que, con Obama na presidencia, estaríamos asistindo a unha serie de cambios demográficos e políticos que definirán o mapa político estadounidense para as próximas décadas, tanto como obsérvase o seu paulatino declive como potencia hexemónica global. Pero indirectamente, pode que esta perspectiva aínda en cernes igualmente modifique, de forma insospeitada, as tradicionais pautas de relación entre EUA e Israel. A actual crise de Gaza pode explicar esta e outras variables.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais