Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 2 de Setembro de 2015 Ríos

Lexislar ou decretar?

O consenso político é un valor clave en calquera sociedade democrática e debera establecerse en asuntos clave, é dicir, aqueles considerados “política de Estado”. Un deles é a acción exterior, precisamente para dotala de continuidade e estabilidade. O Partido Popular, como no Estado, dispón de maioría absoluta no Parlamento de Galicia, o cal permítelle aventurar vitorias sen marxe de dúbida, no peor dos casos. Ven isto a conto do des-propósito de regular a acción exterior de Galicia mediante un Decreto que mais semella orientado a deixar constancia fronte a Génova e o Palacio de Santa Cruz dunha xenuflexión en toda regra afastada da debida lealdade institucional que a dotarse, por fin, dunha normativa propiamente autonómica que cubra este oco nas nosas políticas públicas. Cabe lembrar que, en 2003, por lei, regulamentouse a cooperación ao desenvolvemento, como explicar agora que un decreto regule toda a nosa acción exterior? Só para evitar o debate en Galicia e, sobre todo, para conxurar os cellos pregados alén do Padornelo?.

Hai moitas cousas que se poderían mellorar no proxecto, pero a cuestión de fondo é o afán descapitalizador da actual Xunta da nosa autonomía e da nosa bagaxe histórica neste eido. A regulación avanzada carece de ambición e lembra a caracterización crítica do Estado autonómico como unha mera descentralización burocrática. O Parlamento debe desempeñar unha función clave neste aspecto como igualmente débese recoñecer o papel substancial da sociedade civil e da diplomacia pública á hora de participar desa consideración de Galicia como unha autonomía no mundo. Que a lei catalá (2014) neste aspecto siga un rumbo determinado non significa que aquí teñamos que operar necesariamente á contra e a cegas para evitar equívocos nin prexudicar a carreira política de ninguén. Debemos engarzar as circunstancias concretas da política peninsular coa diagnose do noso papel nunha sociedade internacional en extremo fluída e que hai tempo volatilizou determinados corsés diluíndo conceptos e regras que ata hai pouco semellaban concibidos para durar eternamente.

Galicia precisa dunha acción exterior todo o prudente e austera que se queira pero creativa, comprometida, participativa e atenta aos nosos intereses colectivos e sectoriais. Debe ser froito dunha alianza. Non vale colar o asunto pola parte de atrás nin renunciar ao desenvolvemento dunha diplomacia cultural, económica, social, capaz, ao propio tempo, de expresar a debida fidelidade á orde vixente, influíndo en positivo na súa adecuación paulatina aos novos tempos. Podemos ser expresión dunha certa maneira de facer as cousas, pero sen restarlle a importancia debida. Nin no fondo. Nin na forma. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais