Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
22 de Xullo de 2020 Schreinmoser

“Limpeza cultural” e tráfico ilícito: o patrimonio cultural e a seguridade internacional

A UNESCO nace no 1945 co obxectivo de contribuír á paz e á seguridade no mundo mediante a educación, a ciencia, a cultura...

Nos últimos anos, a importancia do patrimonio cultural material e inmaterial mundial para a seguridade internacional fíxose cada vez máis evidente. Entre o 2013 e o 2017, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas, responsable do mantemento da paz e a seguridade internacionais, ocupouse da protección dos bens culturais en catro resolucións. 

A resolución 2347, aprobada en marzo do 2017, é a primeira que se adica exclusivamente a esta cuestión e “condena a destrución ilícita do patrimonio cultural (...), así como o saqueo e o contrabando de bens culturais procedentes de xacementos arqueolóxicos, museos, bibliotecas, arquivos e outros lugares, no contexto dos conflitos armados, en particular por parte de grupos terroristas”. A resolución céntrase especialmente na importancia do saqueo organizado e tráfico ilícito de bens culturais para a financiación do terrorismo global. O Consello de Seguridade observa con preocupación que as organizacións terroristas “están xerando ingresos da súa participación directa ou indirecta na escavación ilegal e o saqueo e contrabando de bens culturais (...), que se están utilizando para apoiar as súas actividades de recrutamento e fortalecer a súa capacidade operacional para organizar e perpetrar atentados terroristas.”

Este nexo entre o comercio ilegal de antigüidades e a financiación do terrorismo empezou a chamar a atención da opinión pública mundial e da comunidade internacional polas escavacións e o saqueo sistemático levados a cabo polo chamado Estado Islámico nos territorios ocupados de Siria e Iraq. De feito, o comercio de antigüidades desenvolveu un papel central na estrutura financeira da organización terrorista islamita. O alcance económico exacto é difícil de determinar, mais as estimacións supoñen un volume de negocios anual de varias decenas de millóns de dólares. As antigüidades, roubadas de museos sirios e iraquís ou procedentes das escavacións levadas a cabo polo Estado Islámico, foron sacadas do país e introducidas no mercado negro internacional por bandas de contrabandistas organizadas, perdéndose así incontábeis pezas. Os danos ós pobos sirio e iraquí e á súa cultura e identidade colectiva son incalculábeis. Mais o Estado Islámico non é o único autor deste crime cultural, posto que outras organizacións tamén se dedican ó tráfico ilícito de bens culturais, que alcanza na actualidade unha escala sen precedentes. Dende moitas zonas en conflito en todo o mundo, os actores violentos non estatais e as bandas do crime organizado están involucradas no contrabando de antigüidades para financiar as súas actividades. Así pois, o comercio ilícito de bens culturais forma parte das correntes financeiras ilícitas globais que contribúen á continuación dos conflitos armados a nivel global.

Porén, a financiación das organizacións terroristas e os conflitos armados non é o único vínculo entre o patrimonio cultural e a seguridade internacional. En moitos conflitos recentes, o propio patrimonio cultural material e inmaterial convértese tamén en vítima de ataques deliberados. Isto non é nada novo en si mesmo: a devastación da antiga Cartago polos conquistadores romanos ou o bombardeo da Abadía de Monte Cassino polas tropas estadounidenses durante a campaña italiana na Segunda Guerra Mundial son só dous exemplos históricos de como os sitios culturais sempre foron vítimas da violencia nos conflitos armados, ben por retribución ou por consideracións estratéxicas. Non obstante, a UNESCO observa que “nos últimos decenios a cultura está cada vez máis no fronte dos conflitos, sendo o extremismo violento unha importante forza impulsora”. Debido á súa grande importancia simbólica para a identidade colectiva, a destrución deliberada de sitios culturais convértese nunha arma de guerra.  Xunto coa negación de actividades e dereitos culturais, estes ataques constitúen unha forma de “limpeza cultural”, que ten por obxectivo borrar o pasado e contribuír así á reescritura dunha historia alternativa. Desta maneira, a limpeza cultural contribúe ás estratexias de limpeza étnica, que buscan crear unha zona etnicamente homoxénea mediante o uso da violencia ou a intimidación para expulsar ás persoas doutro grupo étnico ou relixioso desa zona. Sobre a base desta homoxeneidade étnica e cultural, os perpetradores establecen a súa visión sectaria do mundo e o seu control político.  Así, nos novos conflitos de identidade, os ataques a individuos pola súa afiliación étnica, relixiosa ou cultural e a profanación e a destrución do patrimonio cultural van da man, sendo o Estado Islámico un dos mellores exemplos destas prácticas na actualidade. Nas zonas baixo o seu control, non só se cometeron violacións xeneralizadas dos dereitos humanos, cualificábeis incluso de xenocidio no caso do pobo iézidi, senón que tamén se destruíron sistematicamente sitios e monumentos culturais, como a antiga cidade de Palmira, deixando constancia dos seus actos nas redes sociais. Isto contribúe á desintegración da estrutura social das sociedades afectadas, reforza a polarización do conflito e dificulta a reconstrución dunha sociedade civil despois da fin dos combates.

En moitos conflitos actuais, a destrución deliberada do patrimonio cultural convertiuse nunha estratexia de guerra que aplican os actores violentos para levar a cabo os seus obxectivos políticos. Na actualidade, posto que o patrimonio cultural e a diversidade cultural están na primeira liña dos conflitos armados, a súa protección non só debe ser un imperativo cultural senón tamén de seguridade. É evidente que, ante o inmenso sufrimento humano que se produce en conflitos como os de Iemen o Siria, a protección de edificios ou costumes parece pouco urxente. Porén, para poder aportar unha solución sostible a eses conflitos, é necesario ter debidamente en conta o papel do patrimonio cultural na súa financiación e nas estratexias de violencia. En palabras da UNESCO: “A protección do patrimonio e a diversidade cultural durante os conflitos semella fundamental hoxe en día, non só para mitigar a vulnerabilidade, senón tamén para romper un ciclo de violencia no que os ataques contra a cultura contribúen a promover aínda máis o odio, o sectarismo e a fragmentación da sociedade, alimentando a inestabilidade e o conflito continuos.”

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais