Distribuir

Distribuir contido
ECO 22 de Setembro de 2013 Ríos

Macau mírase en Hong Kong

Macau acudiu ás urnas o pasado 15 de setembro para renovar a súa Asemblea Lexislativa. Unha das demandas das diversas listas durante a campaña foi a reivindicación do sufraxio universal, tanto para a elección dos deputados como do Xefe do Executivo deste territorio que en 1999 pasou a formar parte de China como rexión autónoma. Nesta Asemblea, 14 deputados puideron ser elixidos directamente por voto proporcional e 19 de forma indirecta. Destes últimos, sete son nomeados polo xefe executivo e os 12 restantes por organizacións sociais.

A forma de elección é un dos temas que xera maior debate en Macau, constatándose un crecemento substancial dos partidarios do sufraxio universal, especialmente no caso da Asemblea. Pero o goberno central só aceitou recentemente modificar a metodoloxía para elixir algúns representantes, incluídos os deputados que Macau envía a Beijing. A implementación do sufraxio universal, a diferenza de Hong Kong, non figura na axenda oficial nin a curto nin a medio prazo. Tampouco na Lei Básica do ex enclave portugués, igualmente a diferenza de Hong Kong,  hai referencias a esta cuestión. A introdución do sufraxio universal esixiría a modificación desa norma, que é competencia de Beijing.

Os comicios de 2013 trouxeron algunhas novidades importantes. Non o é a reiteración de prácticas fraudulentas como a compra de votos, xantares gratuítos e outras semellantes, con fronteiras ás veces difíciles de delimitar en función das singularidades do contexto social de Asia-Pacífico, pero, segundo algúns, peor que nas eleccións anteriores establecendo unha relación directa entre os votos obtidos e os recursos investidos. Houbo gañadores como a candidatura de Nova Esperança e, sobre todo, a Associação dos Cidadãos Unidos de Macau. E houbo perdedores, os Liberais da Nova Macau e, moi especialmente, a União Promotora para o Progresso, en primeiro lugar en 2009, e agora en terceira posición. Esta formación actúa como representante do partido comunista en Macau.

Macau segue a ser unha peza singular no contexto mundial pola súa demostrada capacidade para a coexistencia de múltiples culturas e civilizacións sen o menor ápice de crispación ou conflito. O portugués segue intacto nos firmes das súas rúas, no nomenclátor urbán, nos seus edificios, na súa gastronomía. Ao seu atractivo turístico únese a súa condición de capital mundial do xogo. O portugués é usado a nivel familiar por unhas 10.000 persoas.

O continente aposta por unha relación comercial intensa con Macau con vistas a reforzar a integración bilateral, asentándoa como unha plataforma de negocios rexional e centro de entretemento. O segundo piar desa estratexia é o aproveitamento de Macau como intermediario económico e comercial entre China e os países de expresión portuguesa. Esa porta é a que Galicia podería aproveitar.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais