Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 6 de Setembro de 2022 Ríos

Mar rizado en Taiwán

tempos_novos_no304-1-225x300.jpg

A través da resposta chinesa en forma de grandes manobras militares pero igualmente de decisións políticas, diplomáticas e económicas, puidemos apreciar os graves efectos da recente visita da presidenta do Congreso dos EUA, Nancy Pelosi, á illa de Formosa, así bautizada polos portugueses en 1590 en razón da súa beleza. As augas permanecerán axitadas durante bastante tempo e o difícil xogo xeoestratéxico que se está a desenvolver no estreito de Taiwán ameaza con se converter nun dos grandes conflitos no século XXI. Nesta ocasión, dende a perspectiva das autoridades chinesas, a decisión de repudiar a visita da terceira figura mais relevante na xerarquía institucional estadounidense a Taipéi, manifestada de forma insistente nas semanas e días previos, acadou o nivel coñecido como “wu wei yan zhi bu yu”, o máis elevado en termos de advertencia precisamente para remarcar que se trata dunha liña vermella.

Taiwán, como é coñecido, ou a República de China (o seu nome oficial), é un estado de facto, pero non de dereito. É recoñecido como tal por un número reducido de países (14 fronte a 181, que recoñecen a República Popular), que diminuíu ao longo dos anos. Porén, hoxe en día, máis que o feito do recoñecemento formal, o decisivo é o apoio prestado por algúns países, especialmente os EUA ou Xapón, e outros próximos, tamén asomando a cabeza en Europa (Lituania, Chequia…), que atopan neste diferendo con  Beijing un puntal de nerviosismo que, a contrario sensu, esperta a inquedanza nas autoridades do Partido Comunista (PCCh).

Algúns remontan a historia contemporánea do problema de Taiwán á guerra civil chinesa, que deixou o futuro de Taiwán un tanto no aire. A República Chinesa de Chiang Kai-shek tomou o control da illa en 1945, tras a derrota de Xapón na Segunda Guerra Mundial. Pero a súa vixencia no continente rematou en 1949 e o derrotado Kuomintang (KMT) trasladou alí as súas tropas, mantendo a ficción de representar a súa continuidade. Mao, coa fronte de Corea aberta, non acabou aquí a guerra civil mentres Washington convertía a Taiwán nun portaavións insomerxible, como dixera o xeneral Douglas MacArthur. E non foi ata os anos 80 cando os taiwaneses foron liberados do sistema ditatorial.

Pero para o PCCh, a cuestión de Taiwán vai máis aló e é importante telo en conta para comprender plenamente o contexto. É un tema histórico-político que está ligado á “humillación nacional”, cando tivo que ceder a illa a Xapón polo Tratado de Shimonoseki (1895) como consecuencia doutra guerra perdida. Cando os presidentes estadounidense e chinés, Joe Biden e Xi Jinping, conversaron virtualmente por última vez, o pasado 28 de xullo, o segundo apelou ao contexto histórico como xustificación principal do seu enfoque, antes de engadir que “aqueles que xogan con lume acabarán por se queimar”.

"Taiwán non é negociable"

Taiwán é o tema máis sensible nas relacións entre China e os Estados Unidos. O PCCh pode negociar sobre chips, aranceis, en case todo, pero dificilmente o fará sobre Taiwán, un interese que considera central. Pasaron sete anos entre a viaxe de Nixon (1972) e o recoñecemento diplomático (1979) e ese atraso ten unha explicación: o desacordo sobre Taiwán. O principio de “unha soa China” é a viga principal que sostén unha relación bilateral tan complexa. Washington recoñeceu entón que só hai unha China no mundo e que Taiwán forma parte dela, admitindo a lexitimidade da aspiración da reunificación, que debe ser pacífica. A Casa Branca reservou a "ambigüidade estratéxica" para decidir como actuar en caso de querer levala a cabo pola forza, deixando sen determinar o nivel de apoio que se prestará:¿só armas como ata agora ou tamén efectivos militares?. Pola súa banda, China aprobou en 2005 unha lei antisecesión que contempla o dereito a recorrer á forza para impedir a independencia de iure.

Cunha China no curral occidental, Taiwán non tería importancia xeopolítica; cunha China rival, todo o contrario: a súa localización estratéxica, a súa importancia económica, a relevancia tecnolóxica, etc. aumentan o seu valor. Cada día está máis claro que ten todo o potencial para se converter no catalizador da gran contenda do século XXI que poida dirimir a continuidade ou non da hexemonía global estadounidense. E nese sentido, a comparación con Ucraína é recorrente. Ben podería acabar sendo unha das claves de decantación da actual incipiente guerra fría.

Unha illa que se afasta do continente

Na illa, o panorama político actual é desfavorable para o PCCh. Desde 2016, gobernan os independentistas do Minjindang. Aínda que Taiwán  está politicamente dividida practicamente en dous bloques en función da relación coa China continental, o certo é que os nacionalistas ou “azuis”, hoxe teñen poucas posibilidades de recuperar o poder (en novembro hai eleccións locais e as presidenciais e lexislativas deben agardar a 2024). Canto máis se perpetúe o secesionismo en Taipéi, menos probable é que China poida confiar nun camiño pacífico cara á reunificación, a súa principal opción.

Esta realidade, por outra banda, evoluciona a contra reloxo: en pouco máis dun par de décadas cumpriranse 100 anos dende que Beijing perdeu o control da illa (superado se nos remontamos á crise do século XIX). Isto explica que o actual líder chinés Xi Jinping instara a apurar un rumbo institucional para o reencontro, algo quizais posible co seu antigo rival, o KMT, pero imposible co secesionismo. Nin sequera se falan.

A viaxe de Pelosi a Taiwán converteuse en emblemática. Para China, é unha expresión da "conivencia" entre os independentistas e os máis rancios belicistas estadounidenses que queren xogar a “carta de Taiwán” para conter a súa emerxencia. Algúns, como o republicano ex Secretario de Estado M. Pompeo, xa pediron o recoñecemento diplomático da illa. Para Taiwán, expresa a decisión de Estados Unidos de permanecer ao seu lado, ofrecendo un impulso moi importante ao seu distanciamento do continente. Pero o PCCh, advirte: úsanvos, abandonáronvos en 1979 e volverano a facer se lles convén aos seus intereses nacionais que, por suposto, están moi por riba de calquera valor moral supostamente superior, por mais que agora se louve a súa “democracia vibrante”. Confiar todo –ou case- ao seu apoio, venda de armas incluída, é unha política en extremo arriscado e o seu hipotético fracaso será pagado polos propios taiwaneses. É mesmo suicida, de se confirmar o peor escenario. Se negocias, quizais poidas conseguir concesións; se es derrotado, imporanche as condicións.

Prevención de conflitos

Estados Unidos entraría en guerra coa China por Taiwán? Malia algunhas declaracións recentes do presidente Joe Biden que suxiren unha resposta afirmativa, o certo é que a ambigüidade non se disipou por completo. Para os EUA, Taiwán pode derivar nunha trampa de credibilidade se promete máis do que pode ou está disposto a cumprir. Non só Taiwán está observando, senón moitos países de Asia que igualmente teñen reservas sobre a crecente influencia e poder de China ou teñen litixios territoriais ou marítimos con ela.

Pero o presidente Xi Jinping, en vésperas dun congreso do PCCh que debe revalidar o seu terceiro mandato, non pode mirar para outro lado. O que pasou como consecuencia da visita de Pelosi podería traducirse nun endurecemento a futuro da posición de China.

Agora, a reticencia de Taiwán á reunificación débese a un dilema: a elección entre a identidade chinesa ou a identidade democrática. E tamén é o medo ao incumprimento das garantías. O principio “un país, dous sistemas”, ideado precisamente para resolver esta cuestión, ateigado de moitas promesas xenerosas do Pequeno Temoneiro Deng Xiaoping, hoxe xa non é que pareza insuficiente senón que moitos o consideran baleiro tras os adxectivos patrióticos de moda en Hong Kong.

Calmar conflitos ou escalar? Alguén lembra a prevención? Coa que está a caer nun mundo asolado por mil crises e traxedias, un pouco de "sentidiño" non estaría de máis. Para todos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais