Medallas sen Política

Teño o meu propio parecer a propósito da concesión da medalla de ouro de Galicia ao ex presidente portugués Cavaco Silva pero con independencia diso o que chama a atención do xesto das autoridades galegas cara Portugal é a insistencia unha vez mais no simbolismo sen que isto teña unha correspondencia coa dotación dunha axenda construtiva. Ata unha persoa tan pouco sospeitosa de hipercriticismo como o secretario xeral do Eixo Atlántico, Vázquez Mao, recoñecíao non hai moito neste mesmo dixital ao comentar os resultados do último cumio hispano-luso. Por certo que o Eixo xa se adiantara á propia Xunta ao lle outorgar a Cavaco unha medalla de ouro hai un par de anos.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Teño o meu propio parecer a propósito da concesión da medalla de ouro de Galicia ao ex presidente portugués Cavaco Silva pero con independencia diso o que chama a atención do xesto das autoridades galegas cara Portugal é a insistencia unha vez mais no simbolismo sen que isto teña unha correspondencia coa dotación dunha axenda construtiva. Ata unha persoa tan pouco sospeitosa de hipercriticismo como o secretario xeral do Eixo Atlántico, Vázquez Mao, recoñecíao non hai moito neste mesmo dixital ao comentar os resultados do último cumio hispano-luso. Por certo que o Eixo xa se adiantara á propia Xunta ao lle outorgar a Cavaco unha medalla de ouro hai un par de anos.

E non se trata só da percepción do retroceso experimentado no relacionamento xeral con Portugal, apenas salvado institucionalmente pola cooperación no eido local, da perda de peso especifico de Galicia nas relacións ibéricas como resultado dunha notoria deixación de funcións senón da clamorosa ausencia dunha folla de ruta integral que tanto aborde os problemas actuais como afronte os problemas de fondo nas relacións bilaterais, entre eles, a baixa identificación de Galicia como tal en Portugal e polos portugueses. Paradoxalmente, Cataluña, consideran moitos portugueses, ten aínda mais visibilidade específica ca nós no país veciño a pesares dos importantes elementos de proximidade e os esforzos da sociedade civil galega para superar esta eiva.

E non só perdemos peso, tamén horizonte. A nosa máxima autoridade foise hai pouco a China a vender, entre outros, a “ruta da camelia”; pero quizais o que debería ter primado é reivindicar o papel da fachada atlántica na estratexia da Franxa e a Ruta que promoven desde Beijing. Días atrás visitou Lisboa o número tres chinés, Zhang Dejiang, con este tema na axenda. Montepío debera tratar este asunto coa Moncloa, a poder ser con mellor fortuna que o da AP-9 –quizais sexa lamentable para cultivar unha determinada imaxe ter que dar a vara pero non queda outra cando un ostenta certa representación- e a sabendas de que o corredor mediterráneo é a prioridade de España tralos investimentos chineses nesa infraestrutura, nomeadamente en Valencia, Alxeciras e Barcelona. Pero hai portos chineses interesados nos portos galegos e non contamos cunha estratexia, nin sequera de lobby, ao respecto. Poida que un hipotético beneficio inversor chinés no porto de Sines deixe a Galicia fóra de xogo e sen oportunidades para os seus portos se non habilitamos a tempo as sinerxías adecuadas.

A falta dunha posta ao día, a aproximación superficial aos temas vendida como eficiencia na xestión por uns medios acalados, poden resultar moi caras se persistimos na atonía e na ambigüidade e non facemos valer as nosas vantaxes comparativas, fenómeno ben perceptible ata o presente.

Galicia como país, non só as administracións, debe repensar a súa relación con Portugal a partir dunha axenda ambiciosa que teña en conta as tendencias globais.  A retórica está ben para as medallas pero para progresar precisamos acompañala de políticas coherentes. Que hoxe non hai.