Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 29 de Outubro de 2014 VV.AA.

México: Luces e sombras da cuestión indíxena

Unha análise de Sara Collazo Santaclara (USC)

México concentra case 17 millóns de persoas indíxenas que representan o 15,1% da poboación do país e ‘posúen’ unha quinta parte do territorio nacional. Caracterízase pola pluralidade de identidades e por ser un dos Estados con maior diversidade e riqueza lingüística do mundo. Sen embargo, é un dos sete países coas cifras máis elevadas de desigualdade de América Latina, que xustamente se concentra nestes pobos e nas comunidades campesiñas e rurais. O dato alarmante é a porcentaxe da poboación indíxena que vive en condicións de pobreza extrema, un 38%, unha cifra catro veces maior ca da poboación non indíxena, a cal rolda o 9%.

Estes son indicadores demográficos e culturais dos que se desprende un claro deber obxectivo de atención e conciliación entre os poderes do Estado e os diferentes pobos e comunidades para lograr un avance sostible da sociedade no seu conxunto.

Enrique Peña Nieto, o actual presidente, parece ser consciente desta situación e non ten reparos en recoñecer a grandísima preocupación que lle inspira esta realidade. Durante a celebración da Comisión Mundial de Pueblos Indígenas (CMPI) en Nova York, o pasado setembro,  mostrouse comprensivo e alentador coas comunidades indíxenas do seu país. ‘Los jóvenes indígenas tienen que tener los derechos, los medios, el apoyo para participar en su sociedad.’ Non obstante, o sorprendente é a escasísima representación dos pobos indíxenas mexicanos na propia sala. Catro das mulleres indíxenas que estiveron na conferencia criticaron a escasísima representación destas comunidades, apuntando que case todos os invitados eran funcionarios de alto nivel dos gobernos.

A razón deste dobre discurso do executivo mexicano devén dos intereses en xogo que inflúe no signo das decisións adoptadas, as intencións manifestas e ocultas e os obxectivos finais destes procesos.

As últimas publicacións da Presidencia de México en referencia aos pobos indíxenas subliñan que a asignación do gasto público federal céntrase nos municipios de poboación indíxena menos desenvolvidos. Sen embargo, non existen claras evidencias de que sexan estas persoas as beneficiadas por estes recursos. O escepticismo é absoluto á hora de analizar a eficiencia e a eficacia dos recursos públicos destinados a estas zonas.

A pesar da relevancia que ten o debate sobre a cuestión indíxena a nivel internacional, os mecanismos para reducir as grandes desigualdades sociais e económicas non se terminan de xerar en México.

Un alto desenvolvemento económico é unha oportunidade excepcional para alentar a inclusión e cohesión social da sociedade mexicana,  e latinoamericana, pero para que sexa posible  precísanse unhas directrices transversais que faciliten a satisfacción das necesidades estruturais do organigrama social.

Os  pobos indíxenas creen no recoñecemento da diversidade cultural como dereito público e colectivo; que o Estado ten a obriga de lograr a coexistencia das súas formas de goberno, linguas, valores, identidades culturais, con dereitos plenos. Teñen a certeza de que a súa permanencia como comunidades está garantida en condicións de maior equidade socio-política e con mellores níveis de saúde, educación, vivenda, ingresos e emprego.

            En efecto, na súa Constitución, recoñécese a composición multicultural da nación, establécese a definición legal dos seus dereitos, a libre determinación e autonomía dos mesmos, e o dereito de exercelos no marco legal definido polo texto constitucional. A inclusión destes termos foi produto dunha morea de protestas e reclamos sociais da poboación campesiña na década dos noventa e do labor das diferentes organizacións e institucións de defensa dos pobos indíxenas en todo o país.

O movemento Zapatista, a piques de cumprir os 15 anos de existencia, mantén viva a súa causa, unha reivindicación constante, ano tras ano. E motivos non lle faltan. A pesar dos significativos avances rexistrados en materia legal, as asimetrías persisten e, na práctica, a violencia social e a explotación do territorio dos asentamentos indíxenas seguen sendo o pan de cada día. A loita legal é tan só unha cara da cuestión, pero esta non debe representalo todo. Sen mecanismos alternativos e presión social que pulen pola transformación práctica, de nada vale o texto legal por ambicioso que sexa.

Cómpre entón satisfacer as expectativas indíxenas respecto ao alcance dos seus dereitos. O goberno mexicano debería dar pasos adiante a través de significativas reformas estruturais que faciliten o empoderamento deste segmento da poboación. A importancia cuantitativa da cuestión indíxena neste país é evidente e os cambios deben de enfocar esta problemática con especial rigor; non obstante, non debera descoidarse a dimensión cualitativa, xa que é a que incorpora os cambios substanciais con visión de futuro no referido á cohesión e inclusión social. O desenvolvemento e a democracia serán de baixa calidade e insostibles sen a participación e a inclusión dos indíxenas nos mecanismos de representación e nos procesos de toma de decisións.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais