”Micro-estados” en México?

Non é un segredo que en moitas rexións de México atópase unha correlación plausible, ou tolerancia tácita, entre crime organizado e institucións. Nin é un fenómeno novedoso, nin é algo que non sexa recoñecido polo propio Estado, o cal vese forzado a investir inxentes cantidades de recursos na loita contra esta realidade. Neste “panorama”, e ante os cambios acaecidos da conxuntura actual, comezaron a xurdir experimentos sociais e “políticos” en áreas especialmente atinxidas pola violencia ou o abandono institucional, que buscan unha “desconexión” co Estado, nunha sorte de autogoberno ou “micro-estado” dentro do territorio mexicano.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave México micro-estados
Idiomas Galego

Non é un segredo que en moitas rexións de México atópase unha correlación plausible, ou tolerancia tácita, entre crime organizado e institucións. Nin é un fenómeno novedoso, nin é algo que non sexa recoñecido polo propio Estado, o cal vese forzado a investir inxentes cantidades de recursos na loita contra esta realidade. Neste “panorama”, e ante os cambios acaecidos da conxuntura actual, comezaron a xurdir experimentos sociais e “políticos” en áreas especialmente atinxidas pola violencia ou o abandono institucional, que buscan unha “desconexión” co Estado, nunha sorte de autogoberno ou “micro-estado” dentro do territorio mexicano.

Se ben xa existían situacións similares, especialmente significativas no caso de Chiapas e as comunidades zapatistas, cobra relevancia a proliferación destes espazos coma telón de fondo do crecente auxe da violencia no país. En áreas sensibles como Tancítaro (estado de Michoacán), en Monterrey (estado de Nuevo León) ou en Cidade Nezahualcóyotl (México D.F.), atopamos os ensaios máis relevantes deste modelo alternativo á administración central. 

Cabe sinalar con énfase que México non é un “Estado fracasado” nin está preto de selo, nin moito menos, pois as capacidades macro das institucións teñen a suficiente forza como para reverter dita situación, polo que se aprecia certa “tolerancia” ante a realidade imperante. Sen embargo ditos experimentos non fan senón poñer sobre a mesa a realidade agochada trala problemática do crime organizado, unha conivencia e corrupción sistémica que leva ao extremo o cansazo social.

Da autoxestión á separación do Estado

Ao albor do paulatino aumento da violencia(1), diversos municipios sucumbiron asolados pola vaga de enfrontamentos fratricidas entre grupos criminais e diversas forzas de seguridade. Non é o caso de Tancítaro, un aparente oasis de calma e paz nunha das rexións máis violentas do país.

O experimento partiu dende a elite económica local, grandes produtores do frutífero negocio do aguacate(2), e co beneplácito dun espectro social desencantado coas institucións. Dende os últimos catro anos reformulouse a administración local, agora controlada de forma tácita pola “Junta Local de Sanidad Vegetal”, o sistema de seguridade, en mans de paramilitares contratados, e expulsouse do municipio ás redes mafiosas que imperaban.

Se ben é certo que a nova orde parece colectar óptimos resultados a nivel de seguridade, atópase lonxe de ser unha utopía. Pese a que a simple vista a imaxe atopada sexa dun municipio funcional, tranquilo e próspero, non se conseguiron articular servizos sociais básicos e a promoción de consellos cidadás, como expresión democrática das vontades sociais, parece estancarse e verse carente de efectividade. A nivel oficial, a máxima autoridade civil é o alcalde, sen embargo atopamos que é unha figura afín e predeterminada pola “Junta”.

O monopolio da forza recae no corpo paramilitar contratado, establecido e baixo control do citado grupo de poder.  Do mesmo xeito, o sistema de xudicial terminou por recaer en mans deste estamento de seguridade privada, apreciándose certa arbitrariedade e poucas garantías na súa aplicación. 

A realidade é que a estrutura resultante non dista moito das establecidas en zonas controladas polos carteis do narcotráfico, a nivel organizativo. Termina por substituírse un sistema corrupto e permisivo con outro de natureza “caciquil”, cunha imposición de forza que responde, en primeira instancia, a uns intereses determinados polo eixo de poder establecido.

A experiencia adquirida de modelos similares, en especial dos derivados da consolidación de “autodefensas”, mostra que terminando por consolidarse “neocaciquismos que alimentan un proceso de fisiones faccionales (dando lugar a procesos de fragmentación del poder local y nuevos ciclos de violencia)”(3)

A experiencia de Monterrey (Nuevo León) dista notablemente do modelo antes sinalado, e dicir, da imposición “pola forza” dunha nova orde de administración. Cabe tamén resaltar que o escenario socioeconómico que atopamos é totalmente contraposto, cunha rexión de gran poder adquisitivo e sede dunha elite económica de nivel macro. Do mesmo xeito, a relación de poder non mudou substancialmente, manténdose a cúspide política imperante a través dun acordo mutuo coa elite anteriormente citada. A transformación e a “desconexión” co Estado daríase a partires da substitución múltiple da estrutura institucional.

Ante a crecente presión do crime organizado, aumento da violencia e dos intentos de extorsión, a cúspide empresarial acordou financiar a reforma do sistema de seguridade e administrativo, buscando erradicar os nexos existentes entre estes e o crime organizado. O pacto xurdiría de mans do grupo de directores executivos das grandes empresas situadas na zona, o denominado “Grupo Monterrey”, e o noutrora gobernador do estado, Rodrigo Medina.

Deste xeito impulsouse unha reforma transversal, principalmente de capas altas e baixas da administración. Contratáronse consultores privados de seguridade e dereito, elaboráronse plans estratéxicos de seguridade urbana e reformulose o eido lexislativo, especialmente no referente a leis sobre asalto e secuestro. Foron despedidos preto da metade do persoal funcionario, especialmente o adscrito á policía federal, e creouse a denominada “Forza Civil”(4) co fin de restablecer a orde e articular puntos de conexión coa comunidade local, para establecer lazos de colaboración e confianza.

Dunha forma tácita, o eido empresarial foi penetrando na organización da estrutura institucional, supervisando o seu funcionamento e financiando reformas que mitigasen a crecente problemática da zona, aínda que sempre baixo a perspectiva das súas prioridades e intereses. O experimento pareceu colectar bos resultados, un aumento da seguridade e a redución da criminalidade, actitude renovada da confianza nas forzas de seguridade e institucións, así coma unha colaboración mais activa entre sociedade e administración.

Sen embargo, dito éxito resultou efémero ao non consolidarse ante o cambio político emerxente (cambio de gobernador) e ante a multiplicidade de forzas e intereses existentes, cada cal ao servizo de entidades diferentes (Estado, Gobernadoría, municipio etc.). A nova administración baixo o mandato de Jaime Rodríguez non renovou a alianza tácita e colocou a persoal de confianza nos sectores e postos chave. A delincuencia, abusos policiais e inxerencia do crime organizado, principalmente nas zonas máis deprimidas, volve a ser a tónica diaria.

Finalmente atopamos o caso de Neza (Cidade Nezahualcóyotl), área tradicionalmente aflixida pola delincuencia de bandas ou pandillas, violencia e precariedade. A súa experiencia resulta innovadora, partindo de que estableceu (mediante as urnas) un sistema político independente e alleo á lóxica tradicional partidista mexicana (PRI e PAN). Dende esta perspectiva tiveron a capacidade de hixienizar as institucións e ao persoal relativo (inclusive ao funcionariado federal), dende a policía municipal á administración propiamente dita, dotando de maior peso e autonomía ás institucións municipais e salvagardando ao municipio da confrontación de poderes e clientelismo anteriormente descrito.

Do mesmo xeito, o groso da seguridade recae nunha policía municipal sometida a constante escrutinio, mesmo coa sinalización vía GPS de cada oficial e o seu control por un amplo grupo de Asuntos Internos, evitando os frecuentes abusos e reforzando a confianza social na forza policial. Do mesmo xeito, o peso doutros corpos, como os estatais ou nacionais, é residual e minimiza a interferencia nas dinámicas e políticas de seguridade desenvolvidas polo municipio.

Pero quizais o punto máis característico e interesante deste experimento sexa a construción dunha identidade colectiva local, erixida coma muro de contención contra as redes clientelares, a corrupción e a violencia sistémica que atopamos a poucos quilómetros. Este acertado fomento da cohesión social, evitando a cada vez máis característica “alienación” das comunidades urbanas, sustentaríase nun ambicioso proceso de dinamización cultural e inversión social (frecuentes actos e cerimonias públicas, concursos, competicións deportivas, programas de becas, etc.) que parece acadar óptimos resultados, ao menos polo de agora.

Síntoma e enfermidade

O aumento das experiencias ou intentos de autoxestión está inexorablemente ligado ao aumento da violencia, á inxerencia do crime organizado e ao cansazo dunha sociedade que non atopa respostas no Estado. Sen embargo, este só e o síntoma dunha enfermidade maior: a corrupción transversal e clientelismo dunhas institucións que levan décadas contaminadas.

O qué debía ser parte da solución consolidouse como eixo da problemática, pois é o que da cabida e permite a penetración dos actores armados non estatais na estrutura socioeconómica do país, co que isto supón en termos de inestabilidade e violencia.

A doenza dunhas institucións viciadas, ao albor dun sistema partidista enraizado na propia idiosincrasia do aparato estatal, termina por lastrar as posibilidades dun país de enorme potencial pero que non termina de superar a figura de “emerxente”. Un reto pírrico que debe afrontar o goberno federal coa maior celeridade posible, cuxa incapacidade ata o de agora tradúcese na emerxencia de fenómenos de autoxestión coma os descritos.

 

Citas:

(1) No ano 2017 rexistráronse 29.168 homicidios en territorio mexicano, a cifra máis alta dos últimos 20 anos, segundo os datos do Sistema Nacional de Seguridade Pública.

(2) Calcúlase que nesta zona expórtanse diariamente aguacates por valor de un millón de dólares.

(3) GUERRA MANZO, ENRIQUE: “Las autodefensas de Michoacán. Movimiento social, paramilitarismo y neocaciquismos” Política y Cultura, n.44, ISSN 0188-7742. México, 2015. pp. 10

(4) Con altos incentivos económicos e recrutados dende todo o territorio mexicano.