Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
24 de Decembro de 2021 VV.AA.

"Migrantas: A nova diáspora galega contada por mulleres" de María Alonso. Recensión por Gabriela Rivera Rodríguez

Capa de

"Los momentos conflictivos o de conmoción social demuestran ser los más propicios para dejar tras de sí una literatura con valor de registro o de constancia de la verdad vivida"

Alfredo Alzugarat, Trincheras de papel

En Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres, María Alonso Alonso presenta unha compilación de entrevistas a doce mulleres galegas que, por motivos laborais ou persoais, marcharon de Galicia sen voo de retorno e propón, a partir das súas testemuñas, un xiro ao tradicional discurso sobre as migracións. Aínda que a autora reúne a voz dunha ducia de mulleres, asistimos na obra a unha décimo terceira voz, a da propia María, que a pesar de non ter un apartado reservado con nome e apelidos dentro do libro, está presente nel dende o principio ata o fin, xa sexa dende a dirección das preguntas cara a temas que lle interesa abordar, coma a partir da narración da súa vida en Escocia anos atrás. Deste xeito, aínda que no libro asistimos ao discurso de doce mulleres, estas poden percibirse como alter ego da propia autora, pois xa dende a elección das entrevistadas podemos apreciar un claro paralelismo entre elas e a compiladora. Así, estas mozas de entre trinta e corenta anos, universitarias, funcionan como un espello no que a autora ve reflectida a súa experiencia, xa que a través da narración das peripecias vitais destas migrantas coñecemos máis en profundidade a posición da escritora, quen emprega cada resposta recibida como un pretexto para narrarnos as súas vivencias.

Unha historiadora da arte en Edimburgo, unha enfermeira en Berlín, unha xornalista en Dublín, entre outras, comparten as súas reflexións sobre o desarraigo, a maternidade, o feito de “parir en lingua estranxeira”, a posibilidade (ou non) de volver a Galicia como consecuencia da actual emerxencia sanitaria, así como sobre a identidade e a construción dun fogar, situado cada vez máis nun non-lugar, nunha terra sen mapa (en palabras de Ángel Rama) a medio camiño entre o lugar onde se orixinou a vida e o destino elixido para continuala. É interesante tamén a abordaxe nesta obra do concepto “migrante”, posto que moitas destas mulleres non se identifican co termo ou, ao menos, afirman non ter reparado nel ata o momento da entrevista, xa que describen a súa viaxe máis como unha aventura que como un proceso migratorio. Este dato, a priori anecdótico, revela un gran salto na idea de emigración neste contexto, a cal dista da concepción traumática de antano, pois leva consigo a certeza de ter sempre unha elección, así como un refuxio no caso de que a realidade se tornase insoportable. Neste novo discurso, a idea recorrente de morriña ven desprazada polo obxectivo de acadar un traballo "do seu", fío condutor que acompaña os diálogos entre estas mulleres cunha elevada preparación académica, converténdose nun leitmotiv, sobre todo nos discursos da autora, a cal volve constantemente a este concepto en todas as entrevistas para denunciar o éxodo de persoas cualificadas cara ó estranxeiro, coa perda de capital humano que isto supón.

Por último, consideramos oportuno destacar a forma na que estes desprazamentos están descritos na contraportada do libro, segundo a cal estas mulleres "marcharon forzadas por unha crise". Consideramos, non obstante, que esta situación se atopa atenuada no interior, xa que, aínda que o condicionamento económico é clave en varias das testemuñas, esta marcha forzada non é percibida como tal polas mulleres entrevistadas, xa que todas elas son conscientes da súa situación de privilexio, sobre todo a partir da seguridade de ter un fogar na terra de orixe, unha sorte de Ítaca chuviosa á que volver despois da longa viaxe. En varias ocasións, esta partida descríbese como o camiño que atoparon estas emigrantes para independizarse e ampliar os seus horizontes profesionais e persoais, polo que asistimos a un novo concepto de migración, así como de diáspora, no que a cuestión económica se sitúa como unha das causas do cambio xeográfico, pero non a única, síntoma da mellora nas condicións iniciais destas mulleres con respecto ás das súas predecesoras anos atrás.

En definitiva, Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres ofrécenos unha dobre lectura. Por unha parte, asistimos ao autorretrato da escritora, no que narra o proceso de transmutación que supuxo para ela marchar fóra de Galicia. Por outra banda, o parangón da súa experiencia coa doutras mulleres dota a este texto dun valor testemuñal que busca, a partir de experiencias concretas, construír unha nova imaxe, poliédrica, da migración, unha migración privilexiada dentro dun suposto “primeiro mundo” no que cada vez hai máis consciencia de ser “de ningún lado del todo” y “de todos lados un poco”, citando ao cantautor uruguaio Jorge Drexler, quen ao igual que Alonso, abordou este tema dende as máis diversas perspectivas. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais