Miserias e abundancias do G-20

Diríase que a sétima reunión do G-20 celebrada en Los Cabos, México, deixounos novamente case como estabamos. Foi, unha vez mais, a escenificación da impotencia ante unha crise financeira e económica que ameaza con estenderse ao conxunto do sistema internacional. Paradoxalmente, mais que o poder, o G-20 concreta a real dilución de responsabilidades ante a crise e a conformación das economías emerxentes como financiadoras das operacións de auxilio comandadas por institucións como o FMI ou o BM , aínda conducidas polo núcleo duro da economía mundial.

Apartados xeográficos Outros
Palabras chave crise G-20 FMI Banco Mundial
Idiomas Galego

Diríase que a sétima reunión do G-20 celebrada en Los Cabos, México, deixounos novamente case como estabamos. Foi, unha vez mais, a escenificación da impotencia ante unha crise financeira e económica que ameaza con estenderse ao conxunto do sistema internacional. Paradoxalmente, mais que o poder, o G-20 concreta a real dilución de responsabilidades ante a crise e a conformación das economías emerxentes como financiadoras das operacións de auxilio comandadas por institucións como o FMI ou o BM , aínda conducidas polo núcleo duro da economía mundial.

Digo paradoxalmente porque o G-20 reúne aos dous terzos da poboación mundial, o 80 por cento do PIB e é fonte das tres cuartas partes do comercio global. Non hai outro lugar no mundo con maior concentración de recursos para solucionar a crise. Non obstante, catro anos despois de iniciada, o desemprego afecta a 200 millóns de persoas, dos que 75 millóns son menores de 24 anos, mentres 1.500 millóns, segundo fontes da OIT, sobreviven en condicións precarias e coa ameaza de perder o seu traballo. Mentres, o G-20, cumio tras cumio, ofrece conclusións que non pasan da mera evidencia e fai dubidar da súa capacidade para transformar tanto peso relevante económico, político e militar nun mecanismo nun rumbo que transcenda os vellos designios daquel G-7 que aspiraba a consolidar o seu dominio sobre a economía e a sociedade planetarias.

Mais alá das acusacións, dos bloques internos dentro do grupo e das conxunturas político-electorais de cada país que marcan os contidos e os ritmos da axenda, seguimos navegando en promesas e en  vagas declaracións. A única excepción foi a decisión de capitalizar o FMI con 456.000 millóns de dólares máis. Todos os países, incluídos aqueles como España en crise severa, farán as súas achegas extraordinarias e “voluntarias” para fortalecer o sistema financeiro mundial, pero sen garantías de que este novo e desigual esforzo contribúa a promover o crecemento. As principais economías emerxentes tamén arrimarán o ombreiro, pero xa alertaron de que o desembolso só será efectivo cando o novo reparto de poder aprobado en 2010 sexa unha realidade.

Sen folla de ruta clara, a obsesión co incremento das dotacións deixa non obstante viva a dúbida sobre a capacidade do G-20 para dispoñer medidas que impidan a reiteración de prácticas pouco ortodoxas ou a conformación dunha nova arquitectura financeira mundial que sitúe este poder ao servizo da sociedade global e non á inversa. Todo o máis sinala os contornos dun peculiar colexio de contribuíntes para mellor gloria dun sistema esgotado que non rende contas ante ninguén. En vez de camiñar cara a súa superación, trátase de afortalalo, evitando abordar ata a súa mais mínima e elemental reforma.