Cincuenta anos da Revolución Cultural chinesa

Moito por saber

Cúmprese medio século do inicio da Revolución Cultural Chinesa (1966-1976). O seu “bautizo” ten como referencia o editorial do Diario do Exército Popular de Liberación (EPL) do 18 de abril de 1966 que instaba a levantar “o gran estandarte vermello do pensamento de Mao Zedong” e a participar activamente na “Gran Revolución Cultural Proletaria”. Unhas semanas máis tarde, o Buró Político do Partido Comunista de China (PCCh) aprobaba a Circular do 16 de Maio e o Renmin Ribao, diario oficial do Partido, sumábase ao slogan do Exército Vermello comandado por Lin Biao. Faltaban apenas unhas semanas para crear os destacamentos dos Gardas vermellos que poñerían patas para arriba, consecutivamente, o Partido, o Estado, a economía, a educación, a cultura e a sociedade chinesas. 

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Cúmprese medio século do inicio da Revolución Cultural Chinesa (1966-1976). O seu “bautizo” ten como referencia o editorial do Diario do Exército Popular de Liberación (EPL) do 18 de abril de 1966 que instaba a levantar “o gran estandarte vermello do pensamento de Mao Zedong” e a participar activamente na “Gran Revolución Cultural Proletaria”. Unhas semanas máis tarde, o Buró Político do Partido Comunista de China (PCCh) aprobaba a Circular do 16 de Maio e o Renmin Ribao, diario oficial do Partido, sumábase ao slogan do Exército Vermello comandado por Lin Biao. Faltaban apenas unhas semanas para crear os destacamentos dos Gardas vermellos que poñerían patas para arriba, consecutivamente, o Partido, o Estado, a economía, a educación, a cultura e a sociedade chinesas. 

Os “dez anos de disturbios”, así bautizados oficialmente polo PCCh, permitiron a Mao Zedong recuperar o poder, do que fora desprazado tralo fracaso do Gran Salto Adiante (1959-1961), aplicando unha violencia extrema contra os “seguidores da vía capitalista” que traizoaran os “ideais revolucionarios” do Partido. O tándem Mao-Lin Biao -artífice do coñecido Libro Vermello- funcionou ata a caída en desgraza deste último (1970), agravada tralo errado golpe de Estado (1971) que desembocou nunha morte de dubidosa verosimilitude e insuficientemente aclarada. 

O PCCh pechou en 1991 o seu ditame da Revolución Cultural: unha extralimitación da loita de clases que confundiu “aos nosos cos inimigos”, un golpe esquerdista contra o que cualificaban de restauración burguesa en cernes baixo os auspicios de Liu Shaoqi e Deng Xiaoping, entre outros. 

Mao, conta o prosoviético Wang Ming, un dos líderes do PCCh ata a Longa Marcha (1934), asañouse sen piedade con boa parte dos principais dirixentes do Partido e do país. Case o 80 por cento dos membros do Comité Central foron vítimas en diversos grados dunha violenta represión que en non poucos casos conduciu á morte. No IX Congreso (1969) só foron reelixidos o 32 por cento do total de máximos dirixentes. 

Segundo a versión oficial, as intencións de Mao orientábanse a “previr a restauración do capitalismo, manter a pureza do Partido e explorar un camiño socialista propio de China”. Paradoxalmente, hoxendía, o secretario xeral do PCCh, Xi Jinping, alude expresa e reiteradamente aos dous últimos aspectos como acenos do seu mandato. E na vida política, como entón, o recurso aos personaxes e peripecias históricas de anteriores dinastías regresa a primeira páxina para aludir a procesos e conflitos que perviven no momento político presente. Tal é o caso do ensaio publicado recentemente na web da Comisión Central de Control Disciplinario que preside Wang Qishan, brazo dereito de Xi, no que se volve a mirada á China imperial para alertar sobre os perigos da adulación e salientar as bondades dun asesoramento honesto no que podería interpretarse como unha velada crítica respecto ao rumbo tomado polo PCCh en materia ideolóxica e o proceder do propio Xi. 

O culto á personalidade, centrado na figura de Mao, conduciu naquel período á “teoría do cume” de Lin Biao (as palabras de Mao eran instrucións supremas). Hoxe parece rexurdir cando a aceptación da crítica mingua ata nos ámbitos internos dun PCCh que pasou a consideralas “indebidas”. A débil capacidade mostrada para encaixar as opinións discrepantes maniféstase na esixencia dunha lealdade sen matices ao liderado (endeusado?) que ameaza con impoñer a uniformidade absoluta no pensamento entre os cadros e militantes.

Por outra banda, a concentración do poder máximo puidese asemellarse á “colocación dun individuo por riba da organización” propio daquela época. E a obsesión por ser o “núcleo” da actual xeración de líderes, rubricada a cada paso coa publicación dos discursos e comentarios de Xi ou as ameazas de romper con tradicións instituídas no liderado para evitar a reiteración de episodios de loita fratricida (como a designación cruzada de sucesores ou a rotación cada dous mandatos) levan a algúns a revivir -e advertir- sobre os perigos do rumbo actual.

Mao dixo que nesta revolución houbo un trinta por cento de erros e un setenta por certo de acertos. Deng converteu ese resumo no balance do maoísmo procurando extraer importantes leccións para o futuro político do PCCh e de China: o valor da experimentación e o rexeitamento do dogmatismo, a necesidade permanente de adaptación, o consenso como antídoto fronte ás desbordantes loitas de poder, consolidación dunha institucionalidade que facilite as transicións…

Aínda que non pode dicirse nin moito menos que China estea ao bordo dunha nova revolución cultural, o rexurdir de certo neo-maoísmo e o hipotético afastamento do liderado do consenso non ofrecen bos augurios. As reformas socioeconómicas en curso poden socavar as bases tradicionais do control do PCCh e iso podería conducir a un afán de fortalecemento da autoridade por vías complementarias de orde ideolóxica e política.

Neste contexto, non cabo esperar conmemoracións neste aniversario. O PCCh quere pasar de longo sobre unha etapa que lle avergoña e faille perder a cara ante a propia sociedade e o mundo. Pero o futuro de China ten unha débeda pendente con ese pasado e esixe o pleno restablecemento da memoria e a verdade históricas. Queda moito por saber.