Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
PRAZA.GAL 15 de Decembro de 2020 Iglesias Míguez

Mongolia, imperio de area

Parlamento mongol. Fotografía de Moncho Iglesias Míguez

Entre tótems de pedra que enarboran bandeiras de cor azul, xamáns hipnotizados por unha mestura de vodka e espíritos errantes, cabalos salvaxes extintos no resto do mundo, templos e monxes budistas unidos nunha fe sincretista única, mandas de ovellas e iacs en pastos próximos ás casas nómades dos seus donos, crece un deserto de xentes que acubillaron imperios. Alicerce da globalización e da indignación, o seu vasto territorio faino un dos países menos densamente poboados do mundo e os coidados á súa poboación que sexa un dos menos atacados pola covid-19. Mongolia é un lugar que leva séculos habitado por diversas culturas e que persiste na súa idiosincrasia. Unha realidade que choca cos obxectivos nacionais de China, que vén por iso de provocar un conflito coincidindo coa volta dos rapaces e das rapazas á escola: unha autoridade local promulgou unha norma que impón o ensino en mandarín en detrimento do mongol na rexión mongola da China.

Mongolia, imperio de area, auga, montañas e proverbios  mantén as raíces dun pobo que se estendeu por gran parte do mundo, malia os séculos transcorridos despois dese esplendor como potencia terrestre. Dende a China do mar Amarelo ata Armenia, o imperio mongol conseguiu establecer contactos entre poboacións moi distantes e ser así pioneiro en intercambios e trazados de liñas de comunicación. Grazas a eses intercambios e viaxes conservan as leis da hospitalidade, nas que o té, fervido en leite e manteiga, e salgado, está sempre presente.
Malia a enorme extensión illada do resto do mundo, este arquipélago de terra rodeado de area por todos lados, soubo exportarse noutrora e conservar, a día de hoxe, ideas e costumes que chegaron a asentar en todas as latitudes. De feito, grazas ás rutas establecidas polos mongois, o compás, o papel e a pólvora chegaron a Europa, e con eles o «hurra!», un grito de guerra propio. Foi quizais ese berro o que lles deu a fama de ariscos e que provocou que se esquecesen outras calidades que cruzaron fronteiras que logo formaron parte do seu imperio.

O continuo peregrinar mongol serviu para que, grazas ás conquistas e a un excelente servizo postal, se estendese o uso de mapas e calendarios,  que se creasen colexios de primaria, que se espallase o cristianismo en China e o budismo en Persia, que comezase a usarse o papel-moeda e as barallas de cartas, e que entrasen palabras como café, iogur, asasino ou algoritmo nas linguas latinas. Alén diso, Genghis Kan, icona do imperio e da memoria actual do seu pobo, logrou abolir o secuestro de mulleres, declarou a lexitimidade de calquera cativo e promulgou unha lei que prohibía a venda da muller en casamento. Mais non todo o que promulgou o imperio mongol chegou a asentar no mundo e así quedaron fóra as ideas a prol dun alfabeto universal, a aceptación da liberdade relixiosa ou a regularización da secularidade política.

Desa Mongolia globalizadora aínda quedan pegadas no país actual. Roubar animais, incluso os perdidos, segue a ser unha grande ofensa, e a caza continúa a estar regulada, o cal permite unha repartición equitativa de beneficios. Dese imperio aínda se conserva o nomadismo, que permanece como forma habitual de vida, incluso en boa parte de Ulán Bator, a capital, onde só certas luces de neon e algún centro comercial achegan o lugar a outras esferas máis propias do actual mundo globalizado.

En Ulán Bator concéntrase a metade da poboación total do país, estimada en pouco máis de tres millóns. A máis de mil metros de altura, atravesada por un río, construída coa mestura de edificios de corte comunista e enormes tendas de campaña, ghers, e rodeada de mosteiros e templos, a capital mongola renace a diario das pegadas budistas que a pariron.

Ulán Bator naceu como berce dun mosteiro que devagar gañou fama non só pola situación estratéxica, na ruta do té, entre San Petersburgo e Pequín, senón tamén por ser a residencia de Zanabazar. Urga, tal e como se coñecía a actual capital mongola en 1639, estaba na beira do río Tuul, nun val arroupado por catro montañas, e que era o lar do Miguel Anxo asiático, Zanabazar. Este líder espiritual do budismo tibetano mongol fundou escolas de arte e innovou en campos tan diversos como a astronomía, a lingua e a medicina. Alén disto, creou o que máis tarde sería o símbolo nacional: o soyombo.

O soyombo é a insignia da independencia mongola e o emblema da nación. É o primeiro símbolo dun alfabeto xa en desuso e que combina a identidade histórica e cultural do seu pobo. A lingua de lume da cabeza encarna o florecemento da súa xente no pasado, presente e futuro. O sol e a lúa, baixo o lume, representan o ceo eterno e a indestrutibilidade do país. O triángulo, cabeza de lanza, vale de protección contra o inimigo. O rectángulo fai referencia á honestidade e lealdade. O yin-yan remite a dous peixes, macho e femia, que nunca pechan os ollos e que amais diso teñen unha gran descendencia. Os rectángulos verticais son o muro que simboliza a fortaleza dun pobo unido á terra. En conxunto, o soyombo exemplifica o pobo mongol, que florecerá como o lume, brillará como o sol e a lúa, será recto como unha lanza e seguro como unha armadura, permanecerá alerta e cheo coma os peixes, e forte como un muro de ferro.

Até chegar ao nome actual, que significa heroe vermello, en honor a Sukhe Bator, que logrou vencer ao exército chinés, a capital mongola mudou de nome e de localización en máis de vinte ocasións. A comezos do século xx, nesta cidade de mosteiros mesturábanse as casas de estilo chinés coas rusas, que pouco a pouco foron dominando a urbe. A instauración do socialismo e o financiamento soviético provocou un cambio importante na arquitectura, mais tamén na vida social e cultural, pois chegou o ferrocarril, abríronse novos museos, cines e teatros, e destruíronse os símbolos relixiosos, revitalizados a partir da década de 1990.

En 1990 orixináronse en Ulán Bator as manifestacións que provocaron a revolución democrática do país. A praza Skhbaatar foi o escenario dunhas manifestacións aínda presentes tanto no imaxinario da poboación como no da propia cidade. No centro da praza sitúase a estatua de Damdin Skhbaatar, no lugar exacto onde ouriñara o seu cabalo, en 1921, durante unha reunión do exército vermello. Na beira sur está a avenida da Paz, que atravesa a urbe, e na norte o edificio do parlamento mongol, cunha gran estatua de Gengis Khan na parte superior da escaleira de entrada.

Na Mongolia de 1990 convocáronse as primeiras eleccións democráticas e comezou un período de revitalización das súas tradicións. Os mosteiros volveron encherse de monxes e os que quedaran desfeitos reconstruíronse, como o de Ganda, no que hai unha estatua de 25 metros dun budista iluminado, ou o de Amarbayasgalant, onde está a estatua pedestre de Buda máis alta de Asia, con case 25 metros de altura. Neses anos finais do século xx reapareceu o xamanismo como culto e nos cruces de camiños plantáronse ovoos. Estes son túmulos feitos de paus e pedras que adoitan colocarse nos pasos entre camiños e nas montañas e onde se acumulan ofrendas en forma de doces, cartos, leite ou vodka.

Mongolia repítese a si mesma na súa vasta extensión. A area do deserto confúndese co pasto das estepas e as imaxes de Gengis Khan mestúranse con ovoos; o takhi, a última especie de cabalo salvaxe no mundo, pódese ver preto de iacs, e a poboación nómade enseguida muda de fogar e ten os seus adolescentes a estudar na cidade. Esta, a cidade, adoita ser unha rúa ampla de voaxa ao redor da cal hai un banco, un colexio, un parque e máis dunha tenda de ultramarinos e de comidas.

Karakorum, ás beiras do río Orjón, é a antiga capital do imperio mongol, e o lugar dende onde Gengis Khan invadiu China. Centro comercial e cultural, de visita obrigada para os comerciantes da ruta da seda, entre a area da urbe aínda se aprecia a cerámica e a identidade nacional. Por iso, en Karakorum celébrase o festival máis importante do país: o Naadam. Esta é a festa por excelencia, na que se mesturan carreiras de cabalos con probas de tiro con arco e competicións de loita. Este ano, por mor da covid-19 só un número limitado de persoas puideron presenciar o evento, que conta con 800 anos de historia.

Igual que o Orjón, os outros ríos e mais os lagos representan a vida e son frecuentes as ofrendas neles. Familias enteiras congréganse con pratos de arroz e cuncas de alcohol para entregalas á pureza das correntes, para pescar ou para pasear e patinar cando as augas se conxelan. Porque o nomadismo mongol permite que as andainas sexan tamén parte dos seus quefaceres e, dependendo da zona, unha montaña, un río ou o amplo deserto poden ser camiños para calquera descanso.

O deserto do Gobi, famoso por albergar os fósiles dos primeiros ovos de dinosauro, ocupa un 30% do total do país. Entre dunas que se esquecen no medio de estepas e mesetas, representa un imperio en si mesmo. É un novo conquistador que avanza por terras ceibes que estenden o seu dominio até a China e traspasan así esa fronteira que fixo a natureza e que ela mesma trata de derrubar.

Mongolia segue a ser un país tolerante espallado polo mundo, unha nación descansada que viaxa máis alá do seu territorio grazas á curiosidade por explorar. Unha combinación de estados naturais no que o xamanismo aínda é un costume arraigado e un xeito de comunicación habitual entre o ceo e o universo predestinados a toparse. De contrastes extremos mínimos, a beleza dun espazo e un tempo contrapostos son os atractivos desta grande aldea de pobos fosilizada en si mesma.

Podes ler este artigo coas fotografías de Moncho Iglesias Míguez na web de PRAZA

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais