Distribuir

Distribuir contido
Tempos Novos 1 de Setembro de 2014 Ríos

Mundos cruzados: declive, descomposición e emerxencia

A persistencia e reactivación de numerosos conflitos ao longo da xeografía planetaria acentúan a sensación de caos no sistema internacional. De Ucraína a Gaza pasando por Siria, agora temporalmente mais afastada do foco informativo, ou a longa ringleira de guerras que asolan o continente africano (Somalia, Libia, Malí, República Centroafricana, Sudán do Sur, etc.), sen esquecer o agravamento da situación en Iraq ou Afganistán, só a relativa esperanza dun acordo de paz na dilatada guerra civil de Colombia –medio século- semella achegar un elemental motivo de satisfacción.

Certo que a secuencia de guerras de maior ou menor intensidade, moitas veces definidas exclusivamente a partir da súa repercusión mediática no mundo desenvolvido, non é un feito tan fóra do común. Nunca houbo paz. Non obstante, cabe sinalar como dobre dato característico do tempo actual, tanto o elevado número de conflitos armados inventariados (case corenta) e o elevado número de desprazados que orixina (máis de 50 millóns de persoas) como tamén o seu contexto. Se na guerra fría podían ser, en moitos casos, reflexo do mundo bipolar supoñéndoselle ás dúas superpotencias (EUA e a URSS) capacidades de influencia notoria sobre o comportamento das partes en litixio, na posguerra fría, cunha única superpotencia, EUA, en claro declive da súa significación global, non callou forma algunha de liderado pacificador. A desaparición de aquel “imperio do mal” a quen se responsabilizaba de todas as desgrazas habidas e por haber non derivou nun mundo máis harmonioso. Tanto que daría para pensar se foi realmente o do mal o imperio que caeu …..

Dicíao a ex secretaria de Estado de EUA, Madeleine Albright, o pasado xullo a unha televisión colombiana: o mundo é un caos e Washington xa non quere desempeñar máis o papel do policía mundial. A dicir verdade, os resultados desa política desenvolvida nos anos noventa cando a Casa Branca promoveu a Guerra do Golfo ou a de Cosova, tempos de glorificación do controvertido intervencionismo humanitario, proseguidas despois co uso de forzas militares en África, en Iraq ou Afganistán co propósito de usar as intervencións para remodelar xeopolíticamente determinadas áreas sensibles e supostamente facer avanzar os ideais de democracia e liberdade, non foron bos. Se ollamos para Afganistán, Iraq ou Libia, a inseguridade e a frustración das maiorías sociais pesan como unha lousa sobre a realidade do día a día e exprésase no auxe de irredentismos e tribalismos de forte compoñente relixiosa que se nutre de grandes retrocesos no eido social, ideolóxico e político. Espertaron numerosas forzas que nos empuxan cara unha nova idade media.

Ao deterioro das políticas de prevención de conflitos súmase a incapacidade para atallar as crises cando non a aposta pola súa aceleración para acadar vantaxes unilaterais do punto de vista estratéxico. Nesta perspectiva, poderiamos dicir que o aparente caos actual acocha unha grande pugna na que está en xogo a primacía occidental liderada polo mundo anglosaxón. Fronte a unhas tendencias económicas nas que agroma a semente do cambio en virtude fundamentalmente do peso crecente dos países en desenvolvemento, non falta quen opón numantina resistencia a calquera mudanza. É ben paradigmático o caso das grandes instancias financeiras internacionais, o FMI e o Banco Mundial, que aproban cambios que aínda sendo mínimos nin poñan en cuestión o seu maxisterio, son boicoteados polo seu principal socio (EUA). Á necesidade dun reequilibrio global oponse un reequilibrio estratéxico e defensivo capaz de erguer diques contra as novas realidades emerxentes.

Cara un enfrontamento a gran escala?

Co fondo do centenario da Gran Guerra, cabe preguntarse se o actual desenvolvemento dos conflitos e tendencias internacionais podemos interpretalo como unha capitalización de enerxías para un enfrontamento inevitable e de maior escala? EUA, xurdido como gran potencia arredor de 1880, se enfronta agora ao maior rival de toda a súa historia. Nada que ver co nazismo, fascismos diversos e/ou o estalinismo. Despois da URSS, China, moito mellor gobernada que a noutrora potencia soviética, e economicamente imbatible digan o que digan os máis pesimistas ante as contradicións e taras do seu modelo de desenvolvemento, acelera o seu paso para tomar o relevo da potencia debedora (1,7 billóns de dólares en bonos do Tesouro). Aínda que ambas as dúas partes renegan da confrontación e claman por un “novo tipo de relacións entre grandes potencias” que arrede os malos augurios, o certo é que nada hai menos seguro.

En moitos dos conflitos, novos e herdados, asoma esa pugna global pola influencia e o liderado. Se a China multiplica os seus investimentos por todo o orbe e procura gañar ao mundo desenvolvido no seu propio terreo (economía de mercado, tratados de libre comercio) e coas súas propias armas (as grandes multinacionais), o declive económico de Occidente acentúa o perfil militar e tecnolóxico como cabeza de ponte e derradeiro refuxio do seu actuar. Onde antes campaba ás súas anchas e sen competidor, hoxe, de América Latina a África pasando mesmo por Oriente Medio e outras latitudes, proliferan novas correntes e se reflexiona sobre o prevalecer das vellas alianzas. As conxecturas sobre hipotéticas reorientacións estratéxicas de países como Turquía ou Arabia Saudita, entre outros, así como as dúbidas noutros (de India a Vietnam) obxecto de sedución por parte de vellos rivais, ilustran a profundidade das tendencias que se están a cruzar no tempo que vivimos.

Temos un exemplo ben recente en África, o continente onde hoxe se acumulan os conflitos armados de maior intensidade de todo o planeta, por mais que para nós non parece haber outros que Gaza ou Ucraína. África, con inmensos recursos naturais, é cobizada por todos. EUA, Xapón e a UE procuran converxer para frear o galopante crecemento da influencia chinesa, xa o seu principal socio comercial. Beijing, pola súa parte, multiplica os seus investimentos e afina as súas políticas, en ocasións severamente cuestionadas. Na crise do ébola, enviou médicos expertos aos principais países afectados e varios millóns de dólares en axuda primeiro que ninguén. Os medios occidentais non se fan eco e converten a protección dos seus nacionais en reclamo informativo. No cumio de tres días que Obama celebrou en agosto con varias ducias de estados africanos, a conclusión mais importante foi a creación dunha forza de intervención rápida nos próximos tres a cinco anos para axudar a manter a paz, o que servirá para afortalar os vínculos cos seus principais aliados na rexión. O cumio, o primeiro do seu tipo, imitou os desenvolvidos por China desde 2006, pero as diferenzas de acento son notorias. Para China a clave dos conflitos na África radica na pobreza e o progreso e o benestar son os vectores nos que debe asentar a prevención.

Novos axentes para un cambio inevitable

As vellas estruturas e dinámicas coexisten con unha aposta cada vez mais clara por unha alteración, que se pretende progresiva e non traumática, do statu quo. O avance do convencemento de que os países dominantes non teñen vontade para negociar as mudanzas que require o sistema internacional explica que este ano 2014 marque un punto de inflexión. Fronte á alianza do mundo desenvolvido (G8-1), outra nucleada principalmente arredor dos BRICS vai collendo pulo co eixe sino-ruso como referente principal. A creación do Banco de Desenvolvemento e do Fondo de Reserva de Continxencias no cumio celebrado en xullo en Fortaleza (Brasil), plasman unha clara vontade de trazar outras follas de ruta que troncen as vellas dependencias en todos os ámbitos, incluído o financeiro, clave hoxe do dominio global.

Nese marco, China está pasando de ser unha potencia solitaria e sen aliados a trabar relacións cada vez máis estreitas con outros países. Faino en ocasións a través dunha implicación maior en foros tradicionais idos a menos (G77) que poderían vivir unha segunda era de esplendor, e outras dando forma a acrónimos e estruturas que como os BRICS, a OCS ou a CICA, expresan unha impronta diferente onde a economía se interpreta en claves non relacionadas exclusivamente coa satisfacción dos intereses lucrativos e de curto prazo senón como instrumento para superar grandes retos estratéxicos pendentes en áreas consideradas periféricas que gañan centralidade en paralelo ao aumento do seu peso económico.

Un exemplo paradigmático é o que acontece en Asia. Aquí, outro banco en cernes é o Asiático para o Investimento en Infraestruturas que igualmente China lidera para opoñer esa dinámica construtiva á de EUA e Xapón que pretenden abrir en Asia unha nova guerra fría para evitar a consolidación dunha hipotética hexemonía chinesa no continente. Se EUA quere trasladar á rexión ata o 60 por cento da súa flota e Xapón modifica o artigo 9 da súa Constitución para recuperar o pulso militarista e reforzar as súas alianzas neste plano con terceiros países, a contorna chinesa, sen descoidar a mellora da súa defensa, aposta por construír portos, aeroportos, autoestradas e fábricas que favorezan a integración económica rexional. A creación de grandes corredores interestatais ou a revitalización da Ruta da Seda e da Ruta Marítima da Seda son alicientes que guían eses rumbos, aínda incertos, por outra banda, ante outros proxectos de integración de signo ultraliberal liderados por EUA (caso do TPP).

Pero con ser a priori loable, o proceder chinés tamén esperta incertezas. Algúns países temen a consolidación do seu poder en Asia, os mesmos que tamén quixeran comerciar, recibir os seus préstamos e investimentos, pero desconfían da benevolencia do seu liderado, especialmente a raíz da actitude mostrada nos diferendos territoriais por algunhas illas dos mares de China onde mais que os recursos (pesqueiros ou enerxéticos), o que está en xogo é a soberanía, cuestión clave nun país que ten no nacionalismo o principal magma cohesionador.

China busca o recoñecemento global da recuperación do seu poder, pero os tempos da admisión sen mais da superioridade cultural do confucianismo e da soberanía do emperador son imposibles de recuperar. Se ese é o empeño, difuso ou oculto, reintroducir os vellos hábitos non será doado. A hipótese dun conflito que escenifique a entrada nun novo tempo marcado pola re-emerxencia da súa impronta pode ter expresión nas diferenzas con Xapón a propósito das illas Diaoyu/Senkaku.

O legado de Tucídides

Obama prosegue os axustes da estratexia exterior estadounidense evitando repetir erros pasados mais, ao tempo, está condicionado por vellas lóxicas. A recesión económica e as dificultades financeiras, ao igual que a propia contestación da opinión pública, pesaron na reorientación pero tamén certo convencemento de fracaso das guerras contra o terrorismo, hoxe, por outra banda, moito máis activo que unha década atrás. O labor de EUA como xendarme mundial está cuestionado en virtude da primacía do seu propio interese nas accións desenvolvidas, tanto na orde xeopolítica como na política interna, ata o punto de ser considerado en non poucos casos mais causante dos problemas que amortecedor. A intensificación e o agravamento dos conflitos como consecuencia do recurso practicamente exclusivo a medios militares para a súa solución deriva nun alarmante aumento do caos.

A alternativa pasa por alentar outra política que debe poñer o acento na superación da barbarie instrumentando iniciativas de progreso e de longo prazo baseadas no diálogo. Pero non parece que o mundo occidental, mais dependente que nunca dos intereses dunhas elites cegadas polas súas desmedidas ambicións, estea en condicións de abandeirar outro rumbo. Esta circunstancia vai dificultar que a sociedade internacional se dote de mecanismos universalmente recoñecidos e eficientes para moderar as crises e mesmo pode derivar no seu agravamento. O legado de Tucídides (a alerta sobre os elevados riscos para a paz cando un poder emerxente desafía a potencia hexemónica nese momento) resoa como unha xenerosa e profética advertencia.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais