Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Nós Diario 21 de Febreiro de 2020 Ríos

Múnic 2020

fu_ying.jpg

Co argumento da “desoccidentalización”, a Conferencia de Seguridade de Múnic, Alemaña, volveu servir de barómetro das tensións estratéxicas globais, afirmándose como o mais influente escenario da política de seguridade a nivel global.

Fu Ying, ex embaixadora da China en Londres, tivo unha intervención contundente: “China, nos últimos 40 anos implementou todo tipo de tecnoloxías occidentais (Microsoft, IBM, Amazon), activas hoxe no país. O 1G, 2G, 3G, 4G… toda a tecnoloxía proviña dos países occidentais do mundo desenvolvido, e China mantivo o seu sistema político. E vai ser a tecnoloxía 5G de Huawei a que ameace os sistemas políticos occidentais? Tan fráxiles son?”…

As súas palabras, directas –como é seu costume- ao epicentro do debate no que semella suscitarse o signo da viraxe global, viñan a conto da teimosía nas denuncias efectuadas polo secretario de Estado Mike Pompeo ou a presidenta da Cámara de Representantes Nancy Pelosi, escenificando a entente republicano-demócrata estadounidense contra a “ameaza chinesa”, unha maneira de enmascarar ese temor a verse superados polo xigante asiático nunha tecnoloxía clave. En boa medida, Huawei é o catalizador deses medos que levan a tratar de evitar a toda costa que os países europeos especialmente cooperen en 5G coa China.

E non se trata só de palabras, son proxectos de lei que afectan directamente a asuntos como Xinjiang, Hong Kong ou Taiwán, incremento da presenza de barcos e avións nas proximidades chinesas, guerra comercial por suposto… Washington ven de impoñer sancións contra seis empresas chinesas, tres rusas, unha iraquí e unha turca por “violar supostamente a lei estadounidense de non proliferación de Irán, Corea do Norte e Siria”…. Na axenda: deter a entrega de motores de reacción a China para frear a produción de avións C919 ou o bloqueo de envíos de chips a Huawei trala súa inclusión nunha lista negra por razóns de seguridade nacional….Aí están tamén as recentes ameazas contra algunhas petroleiras (Repsol incluída) polos seus negocios con Venezuela. É o que chaman “xurisdición de brazo longo”, unha maneira de impoñer a política estadounidense a todo o mundo burlando a xurisdición de estados soberanos.

Escoitar en Múnic as acusacións do secretario de Estado Pompeo sobre as preocupacións en materia de ciberseguridade mirando para China, sen que aínda pola súa banda deran explicacións convincentes da espionaxe de móbiles de dirixentes de países amigos (como a propia Angela Merkel) nin desmentir as denuncias de Wikileaks ou Snowden, debera enervar as diplomacias de outros estados presentes, pero non  parece ser o caso.

Precisamente, esta actitude dos EUA é a que está a incidir en maior medida na “desoccidentalización”, ao fixar de modo unilateral prioridades e premisas sen importar no mais mínimo que prexudiquen os intereses europeos. Donald Trump ignora e despreza as preocupacións europeas. A tesitura para Bruxelas é evidente: ou deixa de ser un socio secundario e opta por se afirmar como un actor internacional de seu ou non terá futuro como tal. Se achanta, as interferencias da Casa Branca na política europea non deixarán de medrar, cunha e outra volta de rosca sobre aqueles países que non atenden de modo suficiente as proclamas de Washington.

Se algo deixa en claro Múnic é que Europa precisa mudar de mentalidade, asumir que as relacións transatlánticas impoñen hoxe servidumes que non son de recibo e polo tanto que as discrepancias, marcadas pola esixencia do sacrificio dos propios intereses en aras da preservación da hexemonía global estadounidense, deben substanciarse no contexto dunha reformulación dos vínculos.

A orde internacional está sendo remodelada polo ascenso de China, pero non só. Nun mundo multipolar, Europa ten un papel, precisamente o de contribuír á coexistencia entre países con diferentes sistemas sociais e ao respecto da legalidade internacional. Pompeo e Pelosi deixaron en claro que non están por ese labor.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais