Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 6 de Marzo de 2017 VV.AA.

Na busca de entendemento: complexidades no diálogo entre México e EUA

Unha análise de Alexandre Rey Parrado (estudante en prácticas da USC)
tillerson_mexico_axencia_xinhua.jpg

O pasado 23 de febreiro producíase o primeiro encontro formal entre delegados dos gobernos de Donald Trump e Enrique Peña Nieto. O secretario de seguridade de EUA, John Kelly e o xefe da diplomacia, Rex Tillerson, arribaban a México para unha primeira toma de contacto e tentar limar asperezas entre ambos executivos, buscando avanzar acordos en materia migratoria e de seguridade. Sen embargo, o clima non parecía o máis idóneo, pois nos días previos anunciábanse dende Washington medidas drásticas e unilaterais que producían profundo malestar no seo do goberno mexicano.

En concreto, un memorando migratorio que sinala a posibilidade de deportar a inmigrantes irregulares cara territorio “do Estado contiguo polo que chegaron”(1), independentemente da súa orixe, mentres se tramitan as solicitudes de asilo (por ver a súa cabida na lexislación internacional e nas normativas de Dereitos Humanos). Do mesmo xeito, as palabras do presidente Trump(2) en referencia á política de deportacións, de tratar o proceso de forma “militar”, afondaban a discrepancias e a conflitividade co goberno de Peña Nieto.

As relacións atopábanse xa bastante deterioradas, especialmente trala polémica do muro e a “obrigatoriedade” de que México pagara por el, co maior pico de tensión trala cancelación da viaxe de Peña Nieto a Washington. Con esta reunión, que completaban o Secretario de Gobernación Miguel Osorio Chong e o Secretario de Relacións Exteriores Luis Videgaray, pretendíase reconducir o diálogo entre ambos gobernos, máis o seu resultado parece que tivo diversas lecturas segundo as observacións de cada un dos interlocutores.

Diferentes puntos de vista

Os representantes mexicanos xa auguraban un diálogo longo e difícil e remarcaban a existencia de diferenzas públicas e notorias, mentres se apresuraban a criticar as medidas que se están tomando en materia migratoria dende Washington. Con énfases neste campo, entendendo que se podería menoscabar a soberanía das súas fronteiras, o plan para deportar inmigrantes doutras nacionalidades a solo mexicano centrou o discurso de Chong e Videgaray tralo encontro: “nosotros no podemos recibirlos, fuimos muy claros en ese sentido y no los vamos a recibir” – “no vamos a aceptar disposiciones que, de manera unilateral, un gobierno le quiera imponer a otro

Tamén parece preocupar, alentado polas declaracións sobre a“militarización” do programa migratorio, unha posible treboada de deportacións masivas de mexicanos e a vulneración dos seus dereitos (co risco engadido da fragmentación dos núcleos familiares), chegando incluso a facer alusión a requirir na disputa a organismos multilaterais como as Nacións Unidas.

Esta actitude máis proactiva supuxo un cambio significativo no discurso mexicano. Semella que a administración que dirixe Peña Nieto comeza a reaccionar ás provocacións  e envites do seu veciño. Se ata agora mantivera un perfil baixo, trala reunión do pasado día 23 produciuse a primeira reacción minimamente contundente. Está por ver se esta elevación de ton vai máis aló de meras exposicións públicas e se traduce unha presión efectiva nas negociacións futuras, tanto no tema migratorio como no comercial, onde a priori México podería levar as de perder.

Pola súa banda, a postura amosada por Tillerson e Kelly contrastaba enormemente coa dos seus homólogos mexicanos. Cun ton máis rebaixado do habitual exaltaron a colaboración e a relación futura entre ambas nacións, a vontade mutua de chegar a acordos que satisfagan a ambos estados (recoñecendo as súas diferenzas) e restaban importancia ás noticias que precedían á súa viaxe.

Tillerson reafirmaba o compromiso de fortalecer os mecanismos das institucións  e os intercambios produtivos de seguridade e prosperidade entre ambos países, liña que parecía compartir Videgaray no referente a temas comerciais e ao “imperio de Lei”, no referente ao tráfico ilícito en tódalas súas modalidades. Pola súa banda, Kelly esforzábase por suavizar as informacións sobre os memorandos, explicando que houbera “lecturas equivocadas” sobre as súas disposicións e asegurando que nin se producirían deportacións masivas nin se utilizarían elementos militares contra a inmigración ilegal, así como garantindo o respecto aos dereitos dos migrantes e aos procesos e trámites legais.

Resulta curiosa a dualidade da postura norteamericana: mentres a retórica anti-inmigración e o discurso altamente belixerante cara México son unha constante para o presidente Trump, os seus delegados mostran una cara máis afable mentres matizan as súas palabras e suavizan as iniciativas políticas.

Podería tratarse dunha estratexia premeditada, dunha sorte de poli bo/poli malo, destinada a  favorecer os intereses estadounidenses nunhas inminentes negociacións. Sen embargo non está claro que Trump se mova baixo unha estratexia determinada, pois a improvisación semella unha característica deste goberno. Quizais só responda ao intento de mitigar os exabruptos dun presidente altamente impulsivo e con tendencia ás declaracións incendiarias, mais, como todo o que engloba a actual Casa Branca, non resulta claro.

O que parece claro é que as relacións entre ambos executivos mostran visos de manterse nunha constante tirapuxa, no que comeza a denominarse como “o día da marmota” do diálogo méxico-estadounidense, máis aínda nas pendentes e próximas negociacións en materia comercial.

A cuestión centroamericana

Si parece existir unha liña común de entendemento respecto á situación dos países do Triángulo Norte Centroamericano (TNCA). Dado que o incremento paulatino dos migrantes procedentes desta área supón unha problemática para ámbolos países, Videgaray mostrouse alentado ao encontrar coincidencias no diagnóstico do problema e da vontade de establecer estratexias conxuntas para favorecer o desenvolvemento e estabilidade da rexión, materializándose na organización nos próximos meses dunha reunión con representantes destes países.

Pola súa banda, a falta de resposta do TNCA cara as políticas migratorias e comerciais dos EUA, co risco que suporían unhas hipotéticas deportacións masivas(3) ou o empeoramento dos acordos comerciais (recordemos a dependencia económica das remesas procedentes dos EUA, que chegan a supoñer máis do 10% do PIB) resulta canto menos chocante.

Dita actitude parece responder a diversas causas: o menor peso internacional dos seus executivos (deixando na fronte só a México); a confianza no Secretario John Kelly,  con amplo coñecemento da rexión, como xefe do Comando Sur; e a necesidade de evitar unha confrontación que puidese modificar ou cancelar a concesión e mantemento dos Estatus de Protección Temporal (TPS), concedidos e renovados dende os 80/90(4).

Sexa como for, semella resultar unha estratexia arriscada e, de non obter os resultados esperados, o aumento masivo nas deportacións suporía un impacto de difícil asunción no débil tecido socioeconómico da rexión.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas:

 

(1) “A sección 235(b)(2)(C) do INA autoriza ao Departamento a retornar aos inmigrantes, chegados dun territorio contiguo aos EUA, a dito territorio [...]” https://www.documentcloud.org/documents/3468371-doc00343320170218152612.html

(2) http://www.elmundo.es/internacional/2017/02/23/58af23beca4741542b8b459a.html

(3) Non só pola débil situación socioeconómica destes países, recordemos a experiencia das deportacións da década de 1990, que levaron consigo a magnificación e expansión do fenómeno das maras por toda a rexión.

(4) https://www.uscis.gov/es/TPS

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais