Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 30 de Xuño de 2012 Ríos

Naufraxio no deserto

A decisión de Rabat de retirar a confianza ao enviado especial da ONU para o Sáhara Occidental, o estadounidense Christopher Ross, acusándoo, sen entrar en detalles, de “proceder desequilibrado e parcial”, deixa novamente o conflito desatado en 1976 nunha canella sen saída.

Resulta difícil crer que Ross se apartara das grandes liñas trazadas polo Consello de Seguridade para a negociación. Ban Ki-moon, de feito, reaccionou de inmediato amosando a súa confianza no labor do seu mediador.

Ao parecer, o bloqueo relaciónase coa diferente sensibilidade expresada por Ross a propósito dos intereses das dúas partes en conflito en aspectos non directamente relacionados coa solución última do contencioso.

A diplomacia marroquí leva tempo alimentando os temores dun enredo da causa saharauí no islamismo, salientando supostas complicidades do Polisario con grupos ligados a Al-Qaeda e involucrados no contrabando de armas, droga e tabaco na rexión, con especial envolvemento no norte de Mauritania e Malí. As acusacións de Rabat, porén, non teñen moito eco internacional e diso cúlpase tamén a Ross.

A actitude do mediador estadounidense, pola contra, sería diferente a propósito dos intentos de alargar o mandato da MINURSO á vixilancia dos dereitos humanos, unha petición habitual do Polisario. Os problemas existentes nesta materia teñen motivado relatorios moi críticos coa actitude marroquí, artífice dunha minuciosa vixilancia policial que chega ata o persoal e os movementos dos propios oficiais da MINURSO.

Outras ideas recentemente suxeridas por Ross (constituír un grupo de sabios magrebís e un grupo de contacto de saharauís) foron recibidas con desagrado por Rabat.

Estas circunstancias converxen co predominio dun ton levemente negativo e desaprobatorio respecto a Marrocos nos corredores da ONU, o que tampouco agrada no reino.

Rabat agardou a que o Consello de Seguridade, en abril, prorrogase un ano máis o mandato da MINURSO, abríndose así un tempo de espera que pode afectar aos encontros informais programados entre ambas partes (van nove). Neles, mais aló da actitude construtiva amosada, un eufemismo que reflicte a frustrante situación de stand by, pouco se ten avanzado ata agora na solución das cuestións de fondo, bloqueadas en posicións irreconciliables.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais