Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Revista ECO 15 de Outubro de 2015 Ríos

Negociar á portuguesa

2013-04-06_17.02.45.jpg

As primeiras lecturas que adiantaban unha importante vitoria do centrodereita nas eleccións do 4 de outubro en Portugal pronto deberon matizarse. De feito, a coalición PàF (36,9 por cento) perdeu case un 30 por cento dos votos, a pesares de ser a forza máis votada. O PS non subiu o suficiente (32,4 por cento), pero no seu conxunto as forzas opositoras suman máis sufraxios e escanos ca os conservadores, cun ascenso espectacular do Bloco (10,2 por cento), que case duplicou o seu apoio. Con este cadro, as negociacións para formar un goberno con maioría parlamentaria estable e de esquerda non deben sorprender, se ben de chegar a concretarse, cousa nada fácil, sería a primeira vez desde que a Constitución de 1976 entrou en vigor.

Que un 62 por cento do electorado votase en contra da política de Passos Coelho evidencia con rotundidade que o mapa político e parlamentario de Portugal mudou substancialmente nestes comicios. Outra cousa é que iso abonde para salvar os receos e lograr traducir en goberno a mensaxe de mudanza da cidadanía.

A CDU (8,3 por cento) e o Bloco son partidarios da alternativa. Para Jerónimo de Sousa, se o PS non da formado goberno é por falta de interese. Igual de claro sería que caso de haber goberno PSD/CDS, non contaría con apoio parlamentario do PS. O cal non quer dicir que pese a todos abxurar da inestabilidade, isto chegue a ocorrer en primeira instancia. As desconfianzas entre comunistas e socialistas son coñecidas e de vello. Da retórica á realidade, mais viable parecería o apoio de Catarina Martins do Bloco con mais espazo para ceder.No diálogo á esquerda, o socialista António Costa é o gran protagonista e del vai depender o rumbo a tomar.

A maioría de deputados comprometidos coa fin da austeridade e a defensa do Estado social forman parte dun programa común que nas actuais circunstancias podería facilitar acordos, aínda que for de mínimos, pero que orientarían o país por outra senda e cunha política alternativa.

Costa, que tampouco pechou as portas a un entendemento co centrodereita, ten unha fronte interna belixerante. A maioría tripartita suma 122 deputados. Bastaría que só 6 mudasen de barricada e no PSD-CDS algúns semellan animar esa posibilidade. Non obstante, unha indisciplina dos críticos cun acordo á esquerda é unha decisión que moi poucos estarían dispostos a tomar.

Mentres o Cardeal Patriarca de Lisboa apelou ao “interesse nacional” para apoiar o continuísmo cooptando ao PS, o presidente da República Cavaco Silva dispón aínda dun as na manga para complicar o proceso. Caso de fracasar Passos Coelho, podería manter o seu goberno en funcións ata as novas eleccións presidenciais, en xaneiro próximo. Sería o primeiro problema a resolver polo seu sucesor.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais