Distribuir

Distribuir contido
IGADI 24 de Novembro de 2014 VV.AA.

Neoliberalismo vs. Indixenismo en Latinoamérica

Unha análise de Sara Collazo Santaclara (USC)

Unha de tantas consecuencias da tan cacarexada globalización é a imposición, por defecto, do neoliberalismo nos mercados de todo o mundo, funcionando todos eles como pequenos titiriteiros dirixidos pola misteriosa “man invisíbel”. A quen non lle gustaría definir as regras do xogo financeiro e social do mundo por un día? Semella ambicioso… O poder do neoliberalismo fíltrase ata á medula espiñal das sociedades contemporáneas. O seu poderío é tal que xa corrompeu en moitísimas ocasións o que entendíamos por inmaculado Estado de Benestar, tornando as regras do comportamento social e chegando a influír de forma imperativa nas nosas decisións. E tanto poder non podía ser saudable e menos, se aínda por riba, se concentra en tan poucas maos.

Na América Latina, este fenómeno se impuxo como regulador da sociedade, da economía e da política. Transformou a súa natureza, as relacións entre os gobernantes e os gobernados, e incluso as relacións entre os propios estados, onde os intereses cada vez son de dimensións ben distintas á democrática. Este novo sistema único e global restou importancia a palabras como ‘diversidade’, ‘identidade’, ‘desenvolvemento’, ‘humanidade’ ou ‘dignidade’ para outorgarlla a ‘desigualdade’, ‘clase’, ‘economía’, ‘débeda’, ‘gas’, ‘petróleo’… e todos estes cambios discorren baixo o idílico lema de ‘modernidade’, ‘globalización’ ou ‘progreso’. Algo queda ben claro, o significado primitivo destas tres últimas palabras foi baleirado de contido polo camiño.

As regras do xogo neoliberal sitúan o sector máis pobre da poboación en desvantaxe dende o punto de saída, mentres que os xigantes actores económicos sitúanse nos primeiros postos da táboa. Sendo así, vaise decantando un sistema neoautoritario instaurado trala cortina duns procesos electorais en aparencia incuestionables. Unha vez  alistados no poder, agárranse ás formas da democracia e executan as estratexias económicas de quenda. Falamos de leis restritivas, flexibilización do despido, desregulamentación do traballo, da saúde, da educación e asúmese a explotación como un camiño inevitable para albiscar un mundo de oportunidades.

Trátase dun aproveitamento sutil dos cada vez mais pobres para facer grandes fortunas para moi poucos. Estes sectores son discriminados, despoxados da súa dignidade, explotados e maltratados.  En América Latina, os Pobos Indíxenas foron vítimas de todos e cada un dos movementos desa “divina” man invisible.

A dependencia dos países latinoamericanos de entidades económicas mundiais como o FMI ou o BM tornouse nun pesadelo para a supervivencia das pequenas poboacións rurais e minorías indíxenas. Tiveron que renunciar ás súas terras, aos seus recursos naturais, aos seus mecanismos de subsistencia, acadados tras fuxir da conquista das áreas urbanas polos occidentais.

Os diferentes pobos indíxenas da rexión latinoamericana ven coma super proxectos de ‘desenvolvemento’ , ‘integración rexional’, ‘explotación’…  invaden os seus territorios, modifican as súas colleitas, pechan o acceso aos seus recursos… sen que ninguén lles consulte.

As actuacións dos Estados cara o control dos recursos naturais xeran un desequilibrio nas relacións de clase, etnia e incluso a nivel institucional dignas do período colonial. O Estado mercantiliza estes recursos sen considerar as repercusións a longo prazo, e tampouco respecta os dereitos territoriais das comunidades aínda que  estea recollido e proclamado nos documentos internacionais (Convenio 169 da OIT).

Grandes exemplos neste sentido son países como Bolivia, Chile ou México.

Na década dos noventa, Bolivia viviu nas súas carnes un fenómeno sen precedentes desatado pola intención do Executivo de privatizar o servizo da auga en Cochamba, rexión de manifesta poboación indíxena. Miles de manifestantes encheron as rúas de La Paz. Nas súas pancartas líanse lemas como ‘Viva la unidad del pueblo en contra de los sirvientes del neoliberalismo’. O goberno, falto de cordura e sentido común ou invadido por unha deshumanización alarmante, quería impoñer altos impostos polo servizo da auga, insostibles para os indíxenas.

Outro caso semellante é o de México e o Proyecto Mesoamérica ou Plan Puebla Panamá, mais recente. Coa proclama do desenvolvemento económico e a integración rexional, o Estado acolleu este proxecto, positivo na súa discursiva inicial pero moi negativo na práctica. Os territorios nos que reside a poboación indíxena vense afectados polos impactos medioambientais das plantas de extracción mineiras e polas plataformas de explotación dos recursos naturais. A invasión das estruturas ‘modernas’ nestas áreas altera e contamina o hábitat dos pobos que sen tomar parte destes proxectos, vense privados dos seus recursos e, mais importante, ven como a súa identidade e dignidade carece de valor para o goberno en praza.

A través destas accións, as transnacionais, co consentimento dos gobernos, se apoderan do subsolo e a biodiversidade das rexións ata se converter en depredadores do medioambiente, o cal altera o equilibrio ambiental e outros elementos imprescindibles para a supervivencia dos pobos indíxenas.

En base aos conflitos xerados por estes fenómenos, os pobos indíxenas vense obrigados, unha vez mais, a demandar autonomía, dereitos colectivos e territoriais ou o que ven sendo o mesmo, respecto e sentido común.

Os gobernos, pola súa parte, acusan a estes sectores rurais de impoñer coas súas demandas un futuro baseado no atraso social, e sinálaos como un obstáculo no avance cara un país desenvolvido, moderno, á altura dun marco de xogo internacional onde buscan protagonismo.

A pesar de que no contexto xurídico mundial si se recoñecen os dereitos destas comunidades e hai numerosos documentos que así o plasman, a súa protección resulta insuficiente. A propiedade sobre os recursos naturais non se recoñece, tampouco se cuestiona a propiedade estatal sobre estes recursos e a participación dos indíxenas na toma de decisións é nula, ao non se incluír o dereito a veto nin o reparto dos beneficios xerados por estes proxectos, é dicir, a partir dos seus territorios.

Os Estados deberían garantir o respecto dos pactos e os acordos multilaterais que proclaman a universalidade dos dereitos indíxenas. As súas promesas no período electoral non son doutro signo, pero na linguaxe do manual neoliberal estas intencións tradúcense nun rotundo e categórico ‘non nos compensa’.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais