“Neotomanismo” turco e realpolitik

 

Concentrado nun complexo programa de reformas políticas atenuadas pola intensificación das protestas políticas e sociais, o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan observa como a política exterior de “neotomanismo” e de “cero problemas cos seus veciños”, deseñada polo seu ministro de Exteriores, Ahmet Davutoğlu, comeza a diluírse ante as tensións derivadas dunha estratéxica localización como epicentro do espazo euroasiático.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

 

Concentrado nun complexo programa de reformas políticas atenuadas pola intensificación das protestas políticas e sociais, o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan observa como a política exterior de “neotomanismo” e de “cero problemas cos seus veciños”, deseñada polo seu ministro de Exteriores, Ahmet Davutoğlu, comeza a diluírse ante as tensións derivadas dunha estratéxica localización como epicentro do espazo euroasiático.

Trala brutal represión das protestas cívicas de maio pasado en Istambul, o enfoque de atención para Turquía estivo concentrado en dous escenarios estratéxicos. O primeiro, a guerra en Siria, en particular polas implicacións que supón o apoio de Erdogan para propiciar a caída do réxime de Bashar al Asad , a crise de refuxiados na fronteira turco-siria e as potencialidades de espallamento do conflito en caso de intensificación do irredentismo curdo.

O segundo enfoque de atención ten que ver coas implicacións de carácter xeopolítico que supón o golpe militar en Exipto de xullo pasado, principalmente polos tenues  achegamentos de Erdogan como socio relevante do deposto ex presidente islamita Mohammed Morsi e que, entre outras cousas, permitiron un aumento dos investimentos turcos no país árabe(1).

Ambas crises (Siria e Exipto) denotan as complicacións da política exterior turca deseñada por Davutoğlu, con particular incidencia na resurrección dunha visión “neotomanista” impulsada por Turquía de cara ao mundo turco inserido dentro do espazo euroasiático.  

Errático andar dunha “política autónoma”

Esta orientación “neotomana”, moi presente na política exterior turca trala caída da URSS en 1991, enfocou a súa atención particularmente de cara ás repúblicas ex soviéticas de orixe túrquico, como Acerbaixán, Turkmenistán e Uzbekistán pero tamén repúblicas caucásicas de feito como Abxasia e Osetia, pero tamén dentro de Oriente Próximo, onde Ankara “redescubriu” as potencialidades xeopolíticas que lle abrían o seu pasado otomán.

Neste sentido, Turquía potenciou cara estes países unha estratexia de soft power, con especial incidencia nas relacións comerciais e culturais. Por tomar un exemplo: entre 1992 e 2012, os investimentos turcos neste espazo ex soviético aumentaron de US$ 1,8 billóns a US$ 45,2 billóns mentres que case un millón de cidadáns provenientes de países da periferia ex soviética, dende Rusia, Cáucaso e Asia Central, teñen a Turquía como potencial destino turístico(2).

No caso de Oriente Próximo, o “neotomanismo” de Erdogan alterou considerablemente diversos postulados xeopolíticos turcos, a través dunha política exterior mais autónoma, que contrastara sensiblemente coa ata agora irrestrita posición turca como enclave estratéxico da OTAN, EUA e Israel. Esta alteración de prioridades estratéxicas se evidenciaron tralas críticas de Erdogan contra Israel entre 2009 e 2011 (crise de Gaza), o seu apoio á causa palestina, o fugaz e inoperante achegamento turco cara Irán en defensa dun programa nuclear con fins civís, e os contactos de Erdogan con Bashar al Asad (militares, comerciais) que propiciaron unha finalmente ineficaz mediación turca para as negociacións de paz entre Siria e Israel entre 2004 e 2008.

 

Por tanto, a guerra de Siria, en particular ante a crise dos refuxiados na fronteira con Turquía e as tensións dunha resurrección do irredentismo curdo (aspecto estratéxico para Ankara, que teme que o réxime sirio termine apoiando militarmente as accións armadas do PKK e as aspiracións secesionistas curdas en Turquía)(3), así como o golpe militar en Exipto, son factores que exerceron unha sutil presión para alterar esa visión autónoma de Erdogan, recobrando o peso estratéxico turco como membro da OTAN.

Este aspecto ten particular incidencia no apoio de Erdogan ante a eventualidade dun ataque militar contra Siria, acción militar sumamente impopular no seu país. A OTAN despregou aínda mais a súa presenza en territorio turco, coa instalación de seis baterías antimisiles Patriot na fronteira turca con Siria(4).

Tentación autoritaria en Ankara

Resulta evidente que unha década de poder de Erdogan e do partido islamita moderado AKP transformaron decisivamente o mapa político turco, cambios que neste momento están fraguando unha serie de presións e demandas por parte da sociedade civil por acadar un programa de reformas políticas que amplíen os canais de democratización e participación política.

Tanto como asentar unha hexemonía política en torno ao PKK, Erdogan logrou conter e incluso diminuír o absorbente e asfixiante peso político do estamento militar (reforma constitucional mediante a partir de 2010) así como das elites laicas, temerosas de que o AKP levara a cabo unha “islamización social” aparentemente inexistente.

No obstante, o panorama 2013 semella observar audaces alteracións para Erdogan, derivadas dunha posición autoritaria cara as demandas de reforma política e das presións das bases do AKP por axilizar reformas de carácter islamita. En mente están as eleccións lexislativas previstas para marzo de 2014, un test político chave para medir as potencialidades do AKP e dos sectores opositores que están cada vez mais ocupando espazos públicos.

En Turquía crecen as denuncias de que Erdogan e o estamento militar estarían reabrindo canais de cooperación e entendemento, especialmente en torno á crise siria e o combate contra o irredentismo curdo. Este aspecto cobrou forza particularmente trala retirada de combatentes do PKK cara o Curdistán iraquí e ante as incertezas sobre a negociación de paz entre Erdogan e o PKK iniciada en marzo pasado.

De feito, diversas informacións turcas denuncian un reforzamento do poder represivo a través da Organización Nacional de Intelixencia (MIT), o cal semella estar constituíndose nun piar político estratéxico para Erdogan, complicando así as aspiracións civís de reforma política(5). Outros sectores especulan con que Erdogan tenta sepultar os cimentos do sistema republicano instaurado en 1923 polo fundador da República turca, Mustafá Kemal Atatürk, curiosamente reproducindo unha especie de “atatürquización” do sistema político turco en torno a súa hexemonía política persoal.

Especulacións aparte, Erdogan non semella renunciar a súa política “autónoma e neotomana”. A principios de outubro, Ankara anunciou un acordo de cooperación con China para construír un sistema de defensa aéreo, o cal pode alterar o control estratéxico da OTAN e de EUA en Turquía(6).

Orientando a súa atención estratéxica cara Oriente, Turquía fortalece lazos comerciais e militares con China e Rusia, desprazando a tradicional visión prooccidental de Ankara, cada vez menos dependente de EUA e dunha Europa sumida na crise. E no seu contexto euroasiático e de Oriente Próximo, as prioridades do “neotomanismo” seguen aparentemente vixentes, aínda que a realpolitik obrigara a Erdogan a pisar o freo de man.

 



(1) Con especial incidencia durante a breve presidencia de Morsi (2012-2013), os investimentos turcos en Exipto chegaron a alcanzar US$ 2.000 millóns, coa presenza de 250 empresas turcas. Este factor determina porqué Erdogan e Turquía son un dos principais afectados polo golpe militar contra Morsi, cuxas implicacións dirixen igualmente a súa atención cara EUA e Israel. Esta perspectiva intensifica o seu peso tralos achegamentos de Morsi cara Turquía e Irán dentro dunha política exterior autónoma, alterando levemente a tradicional posición exipcia dentro da esfera de intereses de Washington e Tel Aviv, principalmente durante a era Mubarak entre 1981 e 2011. Para maior información, consultar “A crise exipcia como válvula estratéxica dun “novo Oriente Medio”, IGADI Paper, Número 119, 21 de agosto de 2013. Ver en http://www.igadi.org/web/publicacions/igadipaper/igadipaper-no119

(2) KIRIȘCI, Kemal, “Turkey and Its Post-Soviet Neighborhood”, Current History, Vol. 112, Number 756, Outubro de 2013, p. 273.

(3) “Turquía: La Venganza de la Geografía”, Informe Semanal de Política Exterior, número 857, 16 de setembro de 2013, p. 5.

(4) Ibid.

(5) “Turkey: Spy Agency, a Key Partner for Primer Minister Erdogan”, Eurasianet, 19 de setembro de 2013. Ver en: http://www.eurasianet.org/node/67525

(6) “U.S, NATO Take Dim View of Turkey-China Missil Deal”, Eurasianet, 1 de outubro de 2013. Ver en http://www.eurasianet.org/node/67569