NORTE. Nós no Mundo.

Estamos afeitos a ser considerados do Norte. Ou do noroeste, para ser mais precisos. Pasamos a vida convivindo con ese cardinal peninsular, así que só nos pode ser familiar. Pero, cal é o norte de Galicia? Vivimos sen norte? Para Plácido Castro, un dos nosos universalistas mais prezados, a orientación cara as terras célticas precisamente do Norte debía ser unha parte esencial, a máis importante, do que puideramos chamar a nosa política exterior intelectual, a cabalo dun Atlántico entendido como un lazo que axunta e non como un abismo que arreda.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Estamos afeitos a ser considerados do Norte. Ou do noroeste, para ser mais precisos. Pasamos a vida convivindo con ese cardinal peninsular, así que só nos pode ser familiar. Pero, cal é o norte de Galicia? Vivimos sen norte? Para Plácido Castro, un dos nosos universalistas mais prezados, a orientación cara as terras célticas precisamente do Norte debía ser unha parte esencial, a máis importante, do que puideramos chamar a nosa política exterior intelectual, a cabalo dun Atlántico entendido como un lazo que axunta e non como un abismo que arreda.

A nosa imaxe no mundo, o que somos no mundo, é produto en grande medida da interacción con el ao longo da historia. É como nos ven. A impresión que damos. En sentido práctico, no último século, a diáspora desempeñou un papel determinante á hora de universalizarnos e tamén condicionou ese imaxinario. En Galicia non se pide nada, emígrase, deixou escrito Castelao. Tan categórica afirmación proxectouse no tempo cunha dobre dimensión: quizais somos mansos de máis e a emigración minguou o país. Probablemente hoxe, o autor do Sempre en Galiza escribiría Sempre no Mundo e chegaría a advertir a forza inmensa desa diáspora como capital relacional, como vangarda da nosa internacionalización, para artellar unha lectura en positivo daquel fenómeno entón encirrado pola marxinación e a pobreza.  

Para ser consecuentes, os centros galegos presentes en medio mundo, a relación coa Galicia territorial e a aprehensión da nova realidade global reclaman un salto cualitativo que os asocie máis coa nosa creatividade a todos os niveis e coa proxección do país no exterior. É por iso que sen minguar nas súas funcións tradicionais, deben abrirse ás sociedades de acollida e converterse en centros onde se poida Vivir Galicia no exterior, é dicir, en espazos onde se dea conta desa nova realidade que é Galicia e desa outra propia Galicia que no exterior vive á marxe dos propios centros.

Unha estrela no firmamento

Na súa caracterización, Galicia é singularizada pola súa idiosincrasia particular. Somos un país con emoción propia, unha terra habitada por persoas que levan con elas o selo inconfundible da súa individualidade, iso que constitúe a base primixenia de todo un sistema cultural sustentado nun temperamento diferenciado.

Para ser unha estrela, Galicia precisa un firmamento. Primeiro somos nós e ao tempo  estamos no mundo. Nesa distinción e complementariedade está a clave do noso universalismo. Nós recibimos todo canto o mundo exterior nos ofrece pero tamén somos partícipes da obriga de brindarlle o autenticamente noso. E contribuímos así a que non se vaia crear un mundo monótono habitado por seres uniformes nos seus gustos e manifestacións.

A inspiración sedutora só pode partir da conciencia desa excelencia disímil. O noso maior inimigo é a autodestrución e o desleixo para coas nosas cousas. O patrimonio, a paisaxe, a gastronomía, a natureza, e tamén a lingua, a música ou a nosa forma de ser, constitúen, por tanto, variables e activos irrenunciables que contribúen a representarnos no mundo.

O sentimento de orgullo e a dignificación dos atributos que nos definen como sociedade e como país tanto no plano material como inmaterial constitúen as bases de calquera estratexia sustentada nun progreso baseado na identidade. E quen máis rifou por iso foi o galeguismo. Se buscamos nas raíces da definición dunha posible política exterior para Galicia, daremos cun galeguismo que pensaba niso, como en tantas outras cousas, cando case ninguén acostumaba a facelo. Moito antes de que aquí se falara contemporaneamente da unidade dos pobos de Europa, de dar un xeito ás relacións con Portugal e Brasil ou mesmo de explorar as oportunidades do celtismo, os galeguistas, que se atopaban entre os primeiros europeístas da península, sumaban propostas para enxertarnos no mundo a partires de nós. Aquelas bases sentadas polo galeguismo seguen en grande medida vixentes.

Un país, tres almas

A Galicia de hoxe non pode entenderse sen o camiño de Santiago. É unha ruta que nos identifica como europeos de primeira hora. Celebramos esa condición que pode e debe ser un dos eixes fundamentais da nosa consideración universal. Pero a circunstancia definitiva desa articulación co global debe partir da reivindicación do valor e substancialidade da nosa cultura como algo inimitable e pouso mesmo da nosa forma de ser, ese eclecticismo que condiciona a nosa complicidade coa comprensión, a transixencia e ata a dúbida.

De onde somos? Pois de aquí e de alá. Somos europeos por imperativo xeopolítico, pero iso non quer dicir que un non poida sentir máis afinidade afectiva con un caboverdiano e ata cun arxentino ca con un sueco ou un teutón. Isto non supón que ser europeo e sentírmonos europeos sexa un problema, senón que a lingua ou a historia, entre outros, conforman patróns de conduta persoal e colectiva que se superpoñen ás simplezas do tipo común e reducionistas que se derivan da aplicación mecánica da xeografía.

As virtudes e riquezas de Galicia nese contexto son incomparables, a non ser que entendamos como “problema” que ser de aquí e de alá é un inconveniente insuperable que dispersa as nosas enerxías. Nós estamos dentro e fóra. En tempos híbridos como os que vivimos, pola contra, esas almas “dispersas” que nos habitan permítennos tirar proveito se actuamos con intelixencia e operatividade. Valen o seu peso en ouro.

Somos parte de Europa. Non hai jangada de pedra, a non ser literaria. E a nosa economía e o noso comercio impoñen unha realidade contra a que non só non debemos revirarnos senón que pola contra facemos ben en explorar e explotar en propio beneficio. Na práctica, esas magnitudes empíricas fóronse superpoñendo claramente ao que algúns cualifican de sentimentalismo e que renegan de afán algún da vena celtista. Hai elos comúns que nos aliñan cos pobos célticos en maior medida ca con moitos outros pobos europeos.

Somos cultura

Se Galicia virara a súa mirada con maior frecuencia e con un horizonte amplo cara fóra, capaz de transcender os lindes da política ou da economía, non soamente relativizaría os seus dramas, tantas veces tan incriblemente desconcertantes,  senón que recoñecería a súa propia versatilidade como característica nacional. A cultura ten aquí unha gran función a desempeñar.

Esa forma de ser e de estar só pode xerar admiración alá onde se manifeste entre quen ignora, sen prexuízos, o que somos. Hai motivo para agradecer e exhibir con orgullo esa rica ambigüidade que nos define e na que radica a nosa forza. A teima de nos querer facer só dun sitio, con límites espesos, renega disto. E por iso, diluíndo a complexidade en lugar de potenciala,  con tanto empeño en que só sexamos de aquí ou de alá, só nos limitamos. 

Precisamos situar outra Galicia no mundo e dotármonos de instrumentos para iso, organizados dende a base, non contra as institucións, pero si como expresión dunha diplomacia pública que complemente e poña en valor os nosos recursos e xere un contradiscurso asentado nesa xenerosidade que nos reclama altura de miras e compromiso a partes iguais.

A cultura é o alicerce máis sólido de calquera país. O granito acábase, por moi grandes que sexan as canteiras. As fábricas de automóbiles, por moi modernas que sexan, viven sometidas á angustia permanente da deslocalización e os desexables imperativos ambientais. Os barcos, afunden. A cultura, xa sexa en forma de camiños ou de catedrais, linguas ou gaitas, foron subsistindo e renacendo; a súa forza é inesgotable e renovable. Non é de usar e tirar. Un pobo que se apoia na súa cultura será sempre un pobo con futuro. Aquel que procure o seu abandono, simplemente autodestrúese. Á larga, non hai poder máis eficiente que o “brando”. En suma, a cultura é a clave de todo, non é un apéndice menor. E é cousa de todos. Non hai futuro sen cultura. E sendo así, Galicia é toda unha potencia.

Debemos encontrar as claves e os modos para fixar alianzas neste campo. Por nós mesmos, pero non nós sós.