Distribuir

Distribuir contido
Praza 5 de Febreiro de 2021 Ríos

Nós en Santa Cruz

620851099_15120109100_adj.jpg

En vésperas do “debate” na Cámara galega sobre o proxecto de lei de acción exterior, deuse a coñecer recentemente a Estrategia de Acción Exterior 2021-2024, do Goberno de España. Entre os seus contidos, sempre de moito interese, sinala varios eixes de actuación, salientando, por destacar algún, a vontade decidida de mellorar os mecanismos de gobernabilidade global e de favorecer un multilateralismo máis integrado, eficaz e reforzado. Apunta tamén á necesidade de modernizar a acción exterior e a se dotar de mecanismos para facilitar a integración e coordinación de todas as administracións nesta materia. Como é costume, boas palabras, e como tamén é habitual, insuficientes. Os medios quedáronse co pouso de que no Palacio de Santa Cruz queren promover unha política exterior “feminista”…

Das máis de 100 páxinas do documento hai algunhas cuestións que nunha lectura rápida, atenta a asuntos claves para nós, cómpre destacar. Primeiro, a insuficiencia do recoñecemento da importancia das linguas peninsulares diferentes ao español na estratexia de diplomacia cultural e educativa (5.1.7) do Estado. Calificadas apenas de “elemento importante” da acción cultural exterior –dúas liñas-, quedan claramente supeditadas, a grandísima distancia, da promoción hiperprioritaria do castelán, ignorando mesmo o valor xeopolítico desta diversidade, a instrumentar a partir do espazo territorial periférico, que goza dun recoñecemento totalmente ritual e inconsecuente. Un aspecto clave neste sentido é a incorporación desta diversidade á representación de España ante a UNESCO, onde as autonomías con cultura e lingua propias non teñen practicamente nada a dicir como tampouco nas consellerías e agregadurías de educación no exterior a pesares de que esta é unha competencia transferida.

Para asegurar o carácter integral da acción exterior española, se recoñece a importancia de desenvolver plataformas para compartir información e coordinar accións. É un avance que transcende a “comunicación previa”, pero evita comprometerse coa habilitación  dunha conferencia sectorial sobre este tema como hai noutros eidos. É unha porta entreaberta que se franqueará en función da presión das autonomías. Da Galicia virada para a recentralización, nese aspecto, non se pode esperar moito. A consulta entre o poder central e os gobernos autonómicos nesta materia precisaría de mecanismos estables e institucionalizados. Igualmente, dunha axenda na que debe medrar a interacción mutua, contemplando dende a mellora da formación e capacitación dos recursos propios en colaboración coa Escola Diplomática ata o recoñecemento de certo estatus paradiplomático.

A mellora interna do ecosistema de acción exterior require tamén da adopción activa de mecanismos ambiciosos de cogobernanza. Esta é unha forma concreta de plasmar onde podemos o multilateralismo que tanto se reivindica para fóra como mellor solución para encarar os retos máis difíciles, pero igualmente de avanzar na democratización dunha política exterior, tradicionalmente ao coidado das elites centralistas.  

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais