Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
9 de Maio de 2013 Mansilla Blanco

Nova xeopolítica no Mediterráneo Sur

Israel espera converterse no actor enerxético e xeopolítico predominante no Mediterráneo Sur.

A Zona Económica Exclusiva (ZEE) localizada no Mediterráneo Sur estase a converter nun tenso e dinámico escenario de pulsos xeopolíticos, determinados desde 2008 tralos descubrimentos de reservas de gas natural e petróleo en bloques de campos localizados na plataforma económica da República de Chipre.

Precisamente, Chipre, país membro da Unión Europea, é o epicentro destas tensións e pulsos. A illa mediterránea está actualmente sometida á tutela económica e política da “troika” (conformada polo Banco Central Europeo, a Comisión Europea e o FMI), desde que se evidenciara a súa bancarrota financeira en febreiro pasado.

Por tanto, a actual crise económica chipriota espertou subitamente o interese sobre os xacementos de petróleo e gas natural existentes no Mediterráneo Sur, localizados dentro da plataforma marítima da illa, e que están sendo observadas moi de cerca por Turquía, EUA, Israel, Rusia, Grecia e, con menor incidencia, Líbano, Siria e Exipto.

En 2008, a empresa de capital israelí e estadounidense Noble Energy descubriu nos campos de Afrodita, Leviatán e Tamar, un potencial de explotación de aproximadamente 255.000 millóns de metros cúbicos de gas natural no subsolo marítimo chipriota, cuxo subministro e exportación pode facerse factible a partir de 2017(1). Noble Energy abriu así un consorcio coa República de Chipre para a súa explotación.

Así e todo, especúlase que estes xacementos enerxéticos poden constituír unha especie de garantía o “moeda de pago” chipriota ante o rescate da “troika” valorado 18.000 millóns de euros. Pero aquí se abren diversos escenarios, moitos deles tensos e conflitivos, que implican acentuar unha nova puxa xeopolítica no Mediterráneo Sur.

Un actor incómodo: a República Turca do Norte de Chipre

A tenor da actual crise económica en Chipre, a presión pola soberanía na concesión de marxes de explotación na ZEE do Mediterráneo Sur practicamente determina un futuro económico “hipotecado” para Chipre, escenario que igualmente provoca un efecto colateral cara outros actores con intereses e reclamacións de soberanía na explotación desta ZEE, como son os casos de Turquía, Grecia, Israel e incluso Rusia, así como nas pretensións da República Turca do Norte de Chipre (RTNC) por ver recoñecida a súa legalidade internacional.

Baixo esta conxuntura, a República Turca do Norte de Chipre (RTNC), entidade estatal de feito creada en 1982 e só recoñecida oficialmente por Turquía, transita basicamente nunha serie de escenarios e expectativas que se ven actualmente atomizados ante a xeopolítica do gas natural e do petróleo que se acaba de abrir dentro do Mediterráneo Sur.

Estas expectativas están focalizadas en dúas vertentes. A primeira, e tras un prolongado período de parálise, a súa atención está concentrada no futuro das negociacións coa República de Chipre baixo auspicio da ONU e da Unión Europea (UE), para dirimir unha solución política da separación territorial de feito na illa mediterránea. A segunda vertente apunta a que a RTNC debe calibrar cal será o impacto da crise económica chipriota presentada a partir de febreiro pasado, e que levou á certificación da bancarrota financeira chipriota e a un rescate por parte da UE, baixo a tutela da “troika”.

A aposta da RTNC segue a estar invariablemente concentrada nos esforzos da República de Turquía por reabrir o marco de negociacións coa ONU, a UE, Grecia e a República de Chipre. Ankara comeza a deseñar unha “solución de dous Estados” na illa, un escenario levemente similar ao contencioso existente entre Palestina e Israel. Todo isto sen menoscabar nin diluír o mantemento do status quo na RTNC.

Neste sentido, e aínda sen mencionar esta proposta de “dous Estados”, a finais de marzo de 2013, o ministro turco de Exteriores, Ahmet Davutoğlu, enviou misivas ao secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, así como aos ministros de Exteriores de EUA, Rusia, Gran Bretaña, Francia e China (todos eles membros do Consello de Seguridade da ONU), e de Alemaña e Grecia, coa finalidade de instar a retomar as negociacións sobre a reunificación da illa(2).

Na carta enviada por Davutoğlu ao ministro grego de Exteriores, Dimitris Avramopoulos, estipulábase a “vontade” por traballar conxuntamente “Turquía e a RTNC co goberno de Grecia e da República de Chipre”, no cometido de acordar a cooperación na discusión sobre a soberanía da explotación dos recursos. Este aspecto serviría eventualmente como paso previo dunha renovación das negociacións sobre a idea de “dous Estados”.

Europa e a dependencia enerxética

A propia UE comeza a especular con que estes descubrimentos de reservas de gas no Mediterráneo Sur poden abrir diversas expectativas de solución para a crise económica chipriota, así como para reducir a dependencia enerxética europea de Rusia, da que importa aproximadamente o 40% do seu consumo de gas natural e petróleo.

De igual xeito, este escenario serviría como “válvula de presión” cara Turquía, Grecia, a República de Chipre e a RTNC a fin de reabrir as negociacións de diálogo, un aspecto que igualmente pode mellorar as frecuentemente tensas e irregulares relacións entre Turquía e a UE.

Precisamente, Turquía comezou a construír unha rede de subministro de enerxía hidroeléctrica á RTNC a través do Mediterráneo. Pero a eventualidade de fomentar unha “diplomacia da enerxía” podería abrir novos canais de diálogo que impliquen, paulatinamente, abrir as portas dunha especie de recoñecemento de feito da soberanía da República de Chipre e da RTNC por parte dos principais actores involucrados, Grecia, Turquía e a UE, a través de diversos acordos comerciais.

Non obstante, o contexto actual vese mais ben fragmentado e de difícil solución, tomando en conta as puxas e reclamacións pola soberanía e control desta zona mediterránea para o aproveitamento dos seus recursos; da bancarrota financeira chipriota e do feito de verse “hipotecado” o seu futuro en mans da “troika”; e da parálise que se observa desde 2010 no relativo aos mecanismos de diálogo multilateral directo entre Chipre, a RTNC, Grecia, Turquía, a ONU e a UE.

Á espera de observar ata qué punto a crise económica chipriota e a opción de “dous Estados” defendida pola diplomacia turca poden alterar este panorama, a previsión mais visible será a do mantemento do status quo no contencioso chipriota.

As puxas polo control enerxético

Esta expresión diplomática por parte de Davutoğlu pode explicarse ante o contexto de crise económica e financeira que vive Chipre desde febreiro pasado e, particularmente, como esta conxuntura pode determinar maiores dificultades a curto e mediano prazo ante os reclamos de soberanía por parte chipriota e turcochipriota ante os recentes descubrimentos enerxéticos no Mediterráneo Sur.

O temor de Ankara semella estar focalizado na eventual posibilidade de que Chipre, membro da UE desde 2004 e non recoñecida por Turquía, aproveite a actual crise económica para “gañar terreo” nas reclamacións de soberanía na explotación destes recursos enerxéticos, en detrimento da RTNC. Precisamente e co apoio da Noble Energy, a República de Chipre asentou os seus dereitos de soberanía sobre unha Zona Económica Exclusiva delineada en torno a Chipre, Israel, Líbano e Exipto e na que excluía precisamente a Turquía, Siria e incluso Grecia(3).

Sen consultar coa RTNC e intensificando a súa relacións comercial e enerxética con Israel, a República de Chipre abriu unha crise diplomática a varios niveis no relativo á soberanía, reclamacións e disputas internacionais sobre a explotación destas reservas.  Precisamente, esta inédita relación entre Chipre e Israel irritou abertamente a Turquía, país que mantén unha forte crise diplomática con Tel Aviv desde 2009, así como  con diversos países árabes, os cales incluso especularon con recoñecer a legalidade da RTNC como medida retaliativa contra Chipre(4).

Non obstante, os avatares da guerra civil que vive Siria desde 2011 implicou un cambio súbito dos acontecementos a comezos de maio, a través dunha frenética ofensiva diplomática por parte do presidente estadounidense Barack Obama para alcanzar una solución á crise diplomática entre Turquía e Israel. Washington espera unha reconciliación turco-israelí parcialmente alcanzada esta semana, tralas recentes desculpas ofrecidas polo primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu (baixo forte presión de Obama) ao seu homólogo turco Recep Tayyip Erdogan, no relativo ao ataque israelí contra a flotilla turca de apoio a Gaza en 2010.

Tanto como asegurar o apoio turco e israelí no illamento total do réxime de Bashar al Asad en Siria, en especial tralos recentes ataques israelís contra obxectivos militares en Damasco e os riscos que implicaría un espallamento da crise siria en Oriente Próximo, Obama espera que a reconciliación turco-israelí permite igualmente continuar co proxecto de distribución do gasoduto dende o Mar Caspio e a península turca de Anatolia cara o porto turco mediterráneo de Ceyhan, e que permita o subministro de gas natural a Europa Central e do Leste a través do Mediterráneo(5).

Por tanto, Washington espera potenciar a Israel como o actor rexional de maior peso no Mediterráneo Sur, o cal lle permita abrir os mecanismos de cooperación enerxética entre países con fortes disputas e reclamacións, como son os casos de Grecia, Rusia e Turquía, así como eventual e indirectamente propiciar un entendemento entre a República de Chipre e a RTNC.

Consciente da súa potencialidade, Israel xoga con forza as súas cartas como inesperado actor enerxético no Mediterráneo Sur, a tenor das súas reservas na ZEE localizadas cara os campos de Tamar e Leviatán. Isto lle permitiría, igualmente, reducir as presións exteriores para atopar unha solución política ao problema palestino, así como reconducir as súas relacións con Turquía e Rusia.

Pola súa banda, Grecia, igualmente sometida á tutela do rescate financeiro da “troika” desde 2010, mantivo distancia con esta disputa que involucraba a súa “protexida” República de Chipre, probablemente disuadida a non abrir unha crise diplomática maior con Turquía que involucrara as reclamacións de soberanía sobre diversas illas do Mar Exeo.

Finalmente, Rusia, tradicional aliado grecochipriota con enormes intereses financeiros e enerxéticos en Chipre e a súa zona económica mediterránea (tal e como se evidenciou coa crise financeira chipriota de febreiro pasado) amosou o seu frontal apoio ás demandas de Chipre. Paralelamente, a estatal rusa Gazprom asinou con Israel un acordo de explotación e comercialización de tres millóns de toneladas de gas natural licuado para os próximos 20 anos(6).

En todo caso, o xogo enerxético no Mediterráneo Sur están en plena efervescencia, anunciando inesperados xiros xeopolíticos nunha zona estratexicamente importante para a seguridade internacional.

 

Citas Bibliográficas:

(1) “Gas chipriota como garantía de pago”, Informe Semanal de Política Exterior, Estudios de Política Exterior S.A (España), Nº 840, 6 de maio de 2012. Páxina 6.

(2) YETKIN, Murat; “Turkey wants new Cyprus solution bid”, Hurriyet Daily News (Turquía), 30 de marzo de 2013. Ver en: http://www.hurriyetdailynews.com/turkey-wants-new-cyprus-sol...

(3) “Aphrodite´s Gift: Can Cypriot Gas Power a New Dialogue?”, International Crisis Group, Europe Report Nº 216, 2 de abril de 2012. Ver en: http://www.crisisgroup.org/~/media/Files/europe/turkey-cypru...

(4) Ibid.

(5) “Gas chipriota como garantía de pago”, op.cit.

(6) Ibid.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais