Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC

Novos inimigos na retórica de Trump

Dende fai uns meses véñense sucedendo continuas declaracións públicas e reclamos sobre a notoriedade dunha organización de mais o menos baixo perfil no esquema de seguridade de EUA: a Mara Salvatrucha (MS13). Resulta canto menos curiosa esta nova fixación do presidente Donald Trump que, de forma continua, alerta sobre os perigos desta pandilla urbana e tenta depurar responsabilidades políticas no executivo do ex presidente Barack Obama e nos dirixentes das denominadas “cidades santuario”(1), responsabilizándoos da súa complicidade na expansión da citada organización, grazas á suposta laxitude dos seus programas migratorios.

Liñas de investigación Observatorio das Diásporas
Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

Dende fai uns meses véñense sucedendo continuas declaracións públicas e reclamos sobre a notoriedade dunha organización de mais o menos baixo perfil no esquema de seguridade de EUA: a Mara Salvatrucha (MS13). Resulta canto menos curiosa esta nova fixación do presidente Donald Trump que, de forma continua, alerta sobre os perigos desta pandilla urbana e tenta depurar responsabilidades políticas no executivo do ex presidente Barack Obama e nos dirixentes das denominadas “cidades santuario”(1), responsabilizándoos da súa complicidade na expansión da citada organización, grazas á suposta laxitude dos seus programas migratorios.

Resulta curiosa en canto ao contido das advertencias e a magnificación da organización en EUA. En primeira instancia, as frecuentes comparacións con organizacións criminais de primeiro nivel (carteis colombianos e mexicanos) resultan un total despropósito e distan enormemente da realidade do fenómeno, sen ánimo de restarlle importancia á problemática. De igual xeito, vincular a súa expansión e presenza coas políticas migratorias recentes é obviar enormemente as raíces dun proceso que leva fraguándose perto de tres décadas.

O continuo fluxo de “tweets” e declaracións públicas, ás que se sumaron representantes coma Jeff Sessions, reforzan o recorrente binomio inmigración/criminalidade que tanto remarca a administración Trump. Por tomar un exemplo, acábase de inaugurar en Washington un departamento para vítimas de crimes perpetrados por inmigrantes ilegais denominado VOICE. Aproveitando a relevancia nos medios dalgunhas accións atribuídas a estas organizacións, e mesmo sustentándose nos tan aclamados “feitos alternativos”, procedeuse a unha continua instrumentalización do fenómeno, na cal parecen agocharse diversas intencións políticas nacionais e internacionais.

Desmitificación dun produto con selo norteamericano

En primeira instancia e a modo de resumo, é necesario resaltar que o proceso de formación das maras non foi importado dende o Triángulo Norte Centroamericano (TNC), senón ao revés. Dito proceso xorde na década de 1980, tralo asentamento de migrantes e refuxiados centroamericanos nas zonas marxinais das grandes urbes da costa oeste. Estas zonas estaban dominadas por un subsistema pandilleiro autóctono moi arraigado, do que foron pronta vítima.

Como resposta ao clima de violencia exacerbada, vulnerabilidade e tensión racial, xurdiron pequenos grupos de “autoprotección” conformados por individuos centroamericanos (especialmente salvadoreños) e que pronto seguiron o esquema clásico da pandilla, con enfrontamentos cos diversos grupos existentes e unha criminalidade de perfil medio-baixo. O seu proceso de expansión, aínda que presto, seguiu as pautas habituais deste tipo de fenómeno. Foron xurdido grupúsculos nas grandes urbes do sur e do leste, asociadas a barrios determinados (clicas) e relativamente independentes aínda que baixo a bandeira común da mara.

A partires da década de 1990, aproveitando os procesos de paz no TNC e a notoriedade que gañaron as maras nos seus enfrontamentos con pandillas rivais, sobre todo nos disturbios de Los Ángeles en 1992, producíronse deportacións masivas carentes de control e sen prestar información aos gobernos rexionais. Neste escenario, cunha presenza institucional practicamente inexistente e nun clima postbélico, as maras estendéronse de forma imparable pola rexión, consolidando a maior problemática que subxuga o desenvolvemento do TNC na actualidade.

Sen embargo, o panorama nos EUA e totalmente contraposto. Pese a súa presenza nos suburbios dos grandes núcleos urbanos e dunha notoriedade máis o menos significativa, pola brutalidade de certas accións, non conforma unha ameaza moito maior que a das outras pandillas urbanas e, dende logo, non resulta nin moito menos unha ameaza para a seguridade nacional dos EUA, ao contrario que no TNC. A súa elevación e comparación con estruturas criminais de primeiro nivel e totalmente disparatada, tanto a nivel de recursos coma de capacidade de operación ou de relevancia no esquema criminal e de tráfico ilícito nos EUA.

De igual xeito, o reclamo de responsabilidades ao goberno do ex presidente Obama carece de evidencia empírica. Máis aínda cando entre o seu primeiro mandato e finais do seu antecesor George W. Bush (2001-2009) conformáronse e impulsáronse iniciativas de seguridade e creación de grupos específicos para combater estas organizacións, logrando a súa desarticulación en numerosos puntos da costa leste. Se tivésemos a necesidade de sinalar a responsables políticos, quizais deberíamos dirixir a mirada cara as iniciativas de George H. Bush (pai) ou de Ronald Reagan.

Contexto político e estratéxico vinculante

A ofensiva retórica non parece resultar casual atendendo a actual conxuntura, dominada por continuos reveses para a administración Trump e que sitúan a súa valoración pública baixo mínimos. O bloqueo xudicial ao recorte de fondos as “cidades santuario”, así como a paralización do veto migratorio a países musulmás, súmanse fracasos políticos como a derrogación do obamacare e a falida recolecta de apoios para a aprobación de partidas destinadas para a construción do muro fronteirizo, valarte das súas promesas electorais.

Este último punto marcábase coma primordial para tentar reverter o pésimo bagaxe de medidas desenvolvidas na simbólica marca dos primeiros 100 días (5 de 28 prometidas). Sacar adiante esta medida, que se ben tería un carácter material limitado (primeiras fases do proxecto), suporía un golpe mediático importante nun clima de descrédito xeneralizado.

No ámbito internacional tamén se observan puntos de interese en consonancia con esta ofensiva. Por unha banda, o presumible cambio de políticas de cara ao TNC que se desdeña do novo proxecto orzamentario, cunha redución dos programas de desenvolvemento en prol dunha maior securitización da zona e dos fluxos migratorios. As visitas do secretario de Seguridade Nacional John Kelly a Guatemala (22 de febreiro) e a reunión do fiscal xeral dos EUA cos seus homólogos do TNC (30 de marzo) reafirmaron este cambio de tendencia e a pretensión de axilizar e aumentar as deportacións de inmigrantes desta rexión.

Doutra banda, as próximas cimeiras previstas na Comunidade de Estados Latinoamericanos e o Caribe (CELAC), baixo a actual dirección da presidencia do Salvador, mostran unha orientación cara iniciativas que terían un claro carácter negativo para as políticas e intereses norteamericanos, tanto a nivel de políticas medioambientais e de desenvolvemento, coma a apertura as inversións estranxeiras e o progresivo acercamento cara a Unión Europea.

Neste último punto, o afianzamento das relacións en materia de seguridade e cooperación que se están a producir no Salvador e Guatemala con Estados coma Alemaña (por exemplo apoio a prevención a través do Plan “Salvador Seguro”) ou Suecia, podería derivar nunha posible perda da influencia norteamericana neste ámbito. Neste esquema, os EUA tentarían exercer presión a través do tema migratorio e das deportacións, así coma reafirmar a súa posición preeminente e manter a iniciativa en materia de seguridade colectiva co TNC, ao compartir unha problemática derivada de organizacións que operan en ámbolos escenarios.

As lecturas son múltiples, o que non deixa lugar a dúbidas e que o contexto actual preséntase repleto de desafíos para a administración que preside Donald Trump e que a instrumentalización do fenómeno da MS13 resulta curiosa e, canto menos, perigosa. A notoriedade pública, a través das continuas declaracións públicas, non fai senón aumentar a capacidade de captación desta organización.

De igual xeito, a estigmatización a que se somete a comunidade centroamericana, ao xeneralizar e vincular os fluxos migratorios coa expansión da MS13, así como a súa magnificación como ameaza nacional, non fai senón fomentar a polarización social e as tensións raciais.

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

(1) Denomínanse así as cidades dos EUA que poñen en práctica políticas para limitar as medidas restritivas (en materia migratoria) ditaminadas polo goberno federal. Por exemplo: Miami, Los Ángeles, Seattle, San Diego, Austin, Boston, Houston, Chicago ou San Francisco