Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 19 de Decembro de 2013 Mansilla Blanco

O ano de Brasil

Unha nova cultura política contestataria está desenvolvéndose no Brasil actual, afirmando os contrastes do seu desenvolvemento

O 2014 estaba chamado a ser un ano estelar para Brasil. Dous eventos, un deportivo e outro electoral, coparán a atención internacional sobre este xigante suramericano. A celebración do Mundial de fútbol a mediados de ano medirá a capacidade de organización brasileira, traducida igualmente na concreción de “mega-proxectos” de infraestruturas que servirán de colofón para os Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro en 2016. E, finalmente, en outubro próximo se realizarán as eleccións presidenciais, onde a mandataria Dilma Rousseff e o gobernante Partido dos Traballadores (PT) xogaranse algo mais que a reelección presidencial, nun contexto político e social tan inesperado como marcado polos contrastes.

Por tanto, diversos acontecementos contrastan notablemente a percepción mundialmente asumida sobre o aparentemente inevitable impulso de Brasil como potencia global. As inesperadas protestas sociais de mediados de 2013 en plena celebración da Copa FIFA de Confederacións, demandando unha reforma política, en defensa da sanidade e da educación por riba dos intereses económicos derivados dos eventos deportivos, supuxo un toque de atención para Rousseff e o PT, con claras implicacións de cara aos próximos comicios presidenciais.

Rousseff explicou estas protestas como a certificación do ascenso dunha “nova clase media”, beneficiada polos programas sociais e a bonanza económica experimentada polo país durante a década de goberno do PT desde 2003. Esta perspectiva pode ser, cando menos, cuestionable.

Sopesando o milagre brasileiro

É un feito por estatísticas oficiais que aproximadamente once millóns de familias brasileiras saíron paulatinamente da pobreza extrema nos derradeiros anos, grazas aos notables programas sociais “lulistas” (Fome Cero e Bolsa Família, principalmente)  Pero as protestas sociais de mediados de 2013, reprimidas con forza polas autoridades policiais, revelan outras variables: un país aínda sumido nas fortes desigualdades socioeconómicos, con déficits de servizos públicos de calidade e notorios escándalos de corrupción, e que non dubidaron en facerse notar protestando polo oneroso custe dun evento “marca-país” como o é o fútbol, para facerse ver a nivel mundial.

A metáfora que exemplifica os contrastes do Brasil “emerxente” foi a posterior caída do magnate Eike Batista, en particular ante o proceso de creba financeira da súa empresa petroleira OGX a finais de outubro. Cunha fortuna calculada en US$ 35.000 millóns e considerado un dos homes máis ricos do mundo, Batista, propietario igualmente doutras grandes empresas en áreas tan diversas como a minería, o sistema eléctrico ou a loxística, veu caer subitamente o seu imperio cando o propio ex presidente Lula da Silva chegou a considerar a este magnate como “o modelo do novo Brasil”(1).

A caída de Batista igualmente colocou no centro de atención as contradicións e debilidades económicas do xigante brasileiro. Tanto como a aparente apatía das autoridades bursátiles brasileiras para frear a caída deste imperio está o feito de que Batista se convertera nunha especie de “empresario estrela” para Lula e Rousseff, perspectiva que atiza aínda mais as denuncias e protestas sobre o escándalo de corrupción de alto nivel dentro do PT e das estruturas de goberno, popularmente coñecido en Brasil como o mensalão, que desde fai anos implica a personaxes do entorno “lulista”. De feito, o propio goberno de Rousseff chegou a ofertar a comezos de 2012 unha alianza entre OGX e a estatal PETROBRAS, tanto como Batista veuse favorecido por liñas de crédito do Banco Nacional de Desenvolvimento Econômico e Social (BNDES), por valor de US$ 3.100 millóns(2).

Tanto o mensalão como as protestas e demandas de reforma política servirán de termómetro para medir o futuro político brasileiro, particularmente de cara aos próximos comicios presidenciais. De feito, a correlación de forzas electorais va cobrando forza desde finais de 2013. Recentemente, a candidata de esquerda e ecoloxista Marina Silva, ex ministra e disidente do PT desde 2006, anunciou a súa incorporación ao Partido Socialista Brasileiro (PSB), apoiando así a candidatura presidencial de Eduardo Campos, un progresista vinculado a forzas políticas conservadoras(3). Silva semellaba erixirse como unha referencia dende a esquerda contra o PT, así como unha dura rival para o candidato conservador Aécio Neves, do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB)

A caída de popularidade de Rousseff, as incógnitas traducidas na eventual realización dunha consulta popular para a reforma política prometida pola mandataria brasileira pero cuxa activación constitúe un absoluto misterio, e a progresiva definición de candidaturas presidenciais, marcarán os pasos do acontecer político brasileiro para 2014, todo isto sen menoscabar a posibilidade de reactivación das protestas cidadás e da ralentización do crecemento e da bonanza económica(4).

Este escenario ben pode persuadir ao PT a reconsiderar as posibilidades de Rousseff como candidata presidencial, toda vez semella anunciarse no panorama o retorno de Lula ao centro da política, probablemente con intención de “recuperar” a maltreita imaxe de Rousseff e do PT.

Do mesmo xeito, a propia Rousseff ven dando pasos decididos no relativo á reivindicación da democracia nun ano, o 2014, que conmemorará o 50ª aniversario do golpe militar que deu paso ao réxime ditatorial brasileiro (1964-1985) En 2011, pouco despois de asumir a presidencia, Rousseff aprobou a creación da Comisión da Verdade para investigar os crimes contra os dereitos humanos cometidos durante a ditadura, así como as amnistías aos militares. Recentemente, Rousseff asistiu a un acto simbólico en Brasilia para “restituír” na presidencia a João Goulart, o presidente deposto polo golpe militar de 1964.

Temores ambientais

Outros retos son ambientais. Segundo o V Informe de Avaliación do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), os índices de contaminación ambiental brasileiros corresponden practicamente aos mesmos dos países desenvolvidos, particularmente pola tala, a queima de combustibles fósiles e a duplicación das vendas de automóbiles na derradeira década([5]).

 

Estes temores ambientais intensifícanse ante o peso gobernamental outorgado ao presal ou área enerxética na plataforma marítima brasileira como motor de desenvolvemento económico para o país. Ata 2020, o goberno espera acelerar investimentos para a explotación do cru no presal por valor de ata US$ 340 millóns, toda vezo goberno brasileiro segue apostando por desenvolver a enerxía nuclear, a pesar dos seus custes ambientais, a fin de diminuír a súa dependencia hidroeléctrica(6). Precisamente, a candidatura de Silva implicaba un toque de atención e unha protesta cidadá a favor do fomento dunha conciencia ecolóxica dentro da cultura política brasileira.

Contrastes e expectativas aparte, Brasil asumirá o 2014 como un ano decisivo no marco da definición das súas potencialidades e capacidades de reforma e adaptación ás necesidades sociais. Queda ver se o país ten a capacidade necesaria para afrontar un inevitable proceso de reflexión e introspección da súa realidade que matice as ás veces excesivas expectativas e perspectivas observadas dende o exterior.  

 

           

 

           

           

             

           



(1) “Eike Batista, metáfora de Brasil”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 865, 11 de novembro de 2013.

(2) Ibid.

(3) “POMI, Ana María; “Agua y aceite para llegar a la presidencia”, Brecha (Uruguai), Ano 29, Nº 1.459, 8 de novembro de 2013.

(4) Segundo estimacións oficiais, o PIB brasileiro crecerá un 3,8% no 2014, cunha taxa de inflación do 5,8%. A grandes resgos, son estatísticas favorables pero moderadas tomando en conta que a aprobación por parte do Congreso brasileiro a mediados de decembro do seu orzamento público para o próximo ano, implicará concentrar os compromisos de débeda pública nun 33,9% do PIB, aínda que este orzamento impulse igualmente o gasto social en educación e investimentos públicos estatais. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/12/18/aprobado-el-presupuesto-de-brasil-de-2014-por-248-billones-de-reales/

(5) ORTIZ, Fabiola; “Brasil va en reversa”, Inter Press Service en español, 10 de outubro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/10/brasil-va-en-reversa/

(6) ORTIZ, Fabiola: “Energía nuclear, marginal pero estratégica para Brasil”, Inter Press Service en español, 16 de decembro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/12/energia-nuclear-marginal-pero-estrategica-para-brasil/

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais