Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 27 de Outubro de 2014 Mansilla Blanco

O Brasil de Dilma Rousseff

Qué expectativas ofrece a reelección presidencial de Dilma Rousseff en Brasil? A primeira, que a certificación da hexemonía política e electoral do Partido dos Traballadores (PT) ata 2019 ocorre nun país inéditamente polarizado, provisto das complexidades establecidas por un proceso de desenvolvemento socioeconómico onde aproximadamente 40 millóns de persoas saíron da pobreza para engrosar novas capas de clases medias que reclaman melloras sociais. E a segunda, que este contexto de polarización social, unido ás fortes denuncias de corrupción no entorno de poder, obrigará ao PT a iniciar un proceso de reforma estatal que eventualmente dirima cambios constitucionais e legais nun país emerxente e en proceso de transformación. 

 
               Baixo este contexto, a máis axustada elección presidencial en Brasil desde 1989 confirma esa diagnose de polarización política e electoral que ten variables moi definidas dentro do contexto territorial. Con pouco mais do 51% dos votos, Dilma e o PT manteñen a súa hexemonía política grazas á maioría de votos alcanzados polos estados do nordeste brasileiro, máis pobres e dependentes dos sistemas de axudas e de investimentos estatais que definen a xestión do PT.
 
Pola súa banda, o seu rival Aécio Neves (48% dos votos), do Partido Social Demócrata Brasileiro (PSDB), alcanzou a maioría electoral nos estados mais industrializados do sueste brasileiro, cuxos sectores financeiros e económicos premeron fortemente por diminuír o intervencionismo estatal do PT. Por tanto, esta polarización, fortalecida pola confirmación dunha bipolaridade electoral que desde 1994 confronta ao PT co PSDB, definiu o carácter practicamente plebiscitario destes comicios presidenciais, visualizados na xestión dunha Dilma fortemente cuestionada no seu liderado.
 
Neste sentido, as acusacións de escándalos de corrupción no entorno do PT a través da estatal petroleira PETROBRAS, que veñen sendo recorrentes desde a etapa presidencial de Lula da Silva (2003-2011), aumentaron o seu nivel durante a campaña electoral, un aspecto que eventualmente cobrará maior intensidade neste novo período presidencial 2015-2019, particularmente pola presión que exercerán o PSDB e outros sectores opositores. Para Dilma, este contexto de polarización exercerá maior persuasión á hora de acometer o que probablemente será o tema estratéxico da súa próxima xestión presidencial: a reforma política e estatal.
 
Mantendo a vocación social do PT e a necesidade de recuperar a confianza económica tralos recentes datos de recesión, o centro de atención desta nova etapa presidencial de Dilma estará enfocado en definir unha nova redistribución do poder político entre Brasilia e os estados federados. Paralelamente, está o cometido de abrir as portas a novas ferramentas de participación política, xerme das protestas cidadáns que desde 2013 definen un novo actor político en Brasil, beneficiado polas políticas sociais do PT pero sumamente crítico coas clases políticas e a redistribución da riqueza nacional.
 
               Estas reformas, traducidas na polarización e as complexidades asumidas polo cambio político que significou a chegada á presidencia do PT en 2003, dirimirán en qué medida está consolidada a súa hexemonía política e electoral. Dilma deberá ofrecer un discurso convincente en materia de reforma estatal ante a presumible arremetida dun PSDB que buscará afondar a polarización con claras expectativas electorais, toda vez o desempeño do crecemento económico será outro “campo de batalla” entre Dilma e os mercados financeiros. Neste apartado, a súa reelección significou unha inobxectable vitoria política do PT sobre as presións e a implicación electoral destes mercados e das elites financeiras.
 
               Todos estes contextos estarán igualmente enfocados na inevitable discusión sobre a sucesión política post-Dilma dentro do PT de cara á próxima cita presidencial 2018. Este escenario pode definir loitas intestinas entre as elites de poder existentes dentro do partido, as cales eventualmente cobrarán intensidade na medida en que Dilma busque recobrar a súa credibilidade a través dunha campaña enfocada en erradicar os efectos da eventual corrupción en PETROBRAS. Escenario no que o PSDB e os sectores opositores apostarán claramente por erosionar a consistencia política do PT.
 
               No trasfondo está o reto de definir os alcances e expectativas das transformacións que están ocorrendo en Brasil, particularmente no sentido de observar as compatibilidades e os contrastes sobre o seu modelo de desenvolvemento.
 
Trala caída da ditadura militar en 1985, a consolidación democrática brasileira implica agora abrir outros horizontes, onde o proceso de reformas acorde cos cambios operados polo PT desde 2003 implicará abrir as canles de discusión sobre a distribución da riqueza nacional, a diminución das desigualdades socioeconómicas e político-territoriais e unha maior apertura na participación dos novos actores que xorden no escenario sociopolítico. Estes actores demandan unha mellor calidade e distribución das políticas públicas, contexto no que definitivamente radica o reto de Brasil traducido na reelección de Dilma e a polarizada hexemonía do PT.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais