Eleccións EUA 2012

O cambio de Obama

EUA é claramente un país de contrastes. O mellor exemplo disto é a lección da elección presidencial 2012, un proceso que enmarca as tendencias e transformacións que identificarán ao EUA do futuro. Estes cambios aínda non son perceptibles na area política pero as súas arelas están convertendo ao país nunha sociedade moito mais complexa, moito mais polarizada e dividida e, nalgúns aspectos, moito mais irrecoñecible.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Palabras chave Obama EUA cambio
Idiomas Galego

EUA é claramente un país de contrastes. O mellor exemplo disto é a lección da elección presidencial 2012, un proceso que enmarca as tendencias e transformacións que identificarán ao EUA do futuro. Estes cambios aínda non son perceptibles na area política pero as súas arelas están convertendo ao país nunha sociedade moito mais complexa, moito mais polarizada e dividida e, nalgúns aspectos, moito mais irrecoñecible.

Nunha das eleccións presidenciais mais disputadas da historia de EUA, Obama alcanzou unha histórica reelección obtendo con inesperada rapidez o voto dos principais “estados chave”, os coloquialmente denominados “swing states”, en particular Ohio, Pennsylvania, Virxinia (tradicional bastión republicano), etc. En todo caso, a elección 2012 confirmou esa aparentemente inflexible tendencia histórica dos diversos estados da Unión a votar demócrata ou republicano.

Se na contabilidade dos votos populares, tanto demócratas como republicanos quedaron practicamente igualados, confirmando así unha aparentemente irreconciliable división e polarización sociopolítica que definirá un agudo marco de confrontación a futuro, o que resalta é a contundente vitoria de Obama nos colexios electorais, explicada por unha intensa e dinámica campaña electoral potenciada por diversas variables.

Un novo EUA

Moito se ten comentado sobre como influirían nestas eleccións as dificultades do primeiro período presidencial de Obama. Coa peor recesión económica dende a “crack” de 1929 e un desemprego do 8%, un índice sumamente elevado para os parámetros estadounidenses, resulta obvio o desgaste da imaxe presidencial de cara a un proceso electoral onde se xogaba a reelección.

 

Consciente de non acadar as enormes expectativas de cambio esgrimidas nas eleccións de 2008, Obama decidiu apostar polo pragmatismo e pola proxección que a súa imaxe exerce como identificación simbólica dos  cambios que silenciosamente se operan na sociedade estadounidense. Todo isto, xunto aos estrepitosos erros da campaña electoral do seu contrincante republicano Mitt Romney, apuntalaron a reelección de Obama.

Foi precisamente o factor da imaxe e do simbolismo o que definiu a vitoria de Obama, e o que explica a transformación social que está vivindo EUA. Se ben Obama perdeu 10 millóns de votantes co respecto á eleccións de 2008 (un dato que politicamente sepultaría calquera tentativa de reelección noutros contextos), nesta oportunidade o presidente estadounidense seguiu a conservar a maior parte dos votos da mocidade, das comunidades definidas polo factor racial (hispanos e afroamericanos), da condición sexual (feminina e gai), das clases urbanas profesionalizadas e dunha especie de “proletarización do voto”, conformada por unhas clases populares asalariadas asentadas en cordóns urbanos, a maioría de orixe inmigrante.

Este mapa político e electoral de marcada polarización identifica o peso de variables como a raza, a clase social, sexual, o voto rural e urbano, a relixión, a educación, etc, que tan poderosa influencia exercen nun electorado igualmente monopolizado polo excesivo peso das empresas de xestión de opinión pública.

Por tanto, o voto de Obama foi visiblemente mais plural e complexo, contrastando coa preservación do voto republicano en escenarios claramente definidos polo factor rural, conservador relixioso e por idade, neste caso votantes de mais de 50 anos. Un voto cautivo, visiblemente ideoloxizado e inflexible e quizais mais homoxéneo que, contraditoriamente, se ben igualou en número de votos populares aos demócratas, pode verse sensiblemente marxinalizado a carón dos cambios e transformacións que vive a sociedade estadounidense.

Moito tense comentado e analizado en EUA e no exterior sobre o final da hexemonía das tradicionais elites brancas e protestantes ( probablemente de condición electoral republicana) en detrimento do avance das comunidades de orixe racial hispano e afroamericano, cuxa concepción política mais progresista semella achegalos a concepcións similares á socialdemocracia europea.

Este cambio aínda paulatino e progresivo definirá unha nova cultura política estadounidense, polarizando a tradicional concepción individualista, relixiosa e conservadora receosa do labor do goberno e do sector público, cara a preponderancia dun electorado “globalizado”, que demanda escalas de ascenso social e político e reformas e alternativas orientadas a focalizar nunha maior cobertura pública, como por exemplo no sector sanitario. Ambas tendencias igualmente se deron cita nestas eleccións presidenciais.

Cara onde vai este cambio

Pero esta lectura sobre a elección 2012 resulta incompleta se non se compatibiliza cos retos e desafíos que lle esperan a Obama, os partidos Demócrata e Republicano e a un electorado complexo, que pode verse polarizado cara a demanda doutras alternativas políticas aínda imperceptibles.

Obama deberá convivir de novo cun Congreso dominado polos republicanos e un Senado monopolizado polos demócratas. Esta especie de bicefalia no poder vense consolidando desde que os republicanos gañaron a Cámara de Representantes no 2010 e se reproducirá ata a súa próxima renovación en 2014.

Ábrese así unha etapa onde o pragmatismo e a eventualidade de pactos políticos entre unha presidencia demócrata e un Congreso republicano resultará imprescindible para non ofrecer a sensación de ingobernabilidade, de desgaste institucional e de parálise política, principalmente en temas sensibles como o rescate económico e a reforma sanitaria.

A curto prazo, Obama e o Congreso deberán pactar un plan de rescate financeiro que evite as perspectivas dun abismo e a sensación de bancarrota nas finanzas públicas. Este aspecto polariza politicamente a discusión dos plans de austeridade defendidos polos republicanos para evitar o oneroso déficit público e da necesidade de viabilizar un maior gasto público para crear emprego, defendido polos demócratas.

Tomando en conta a reelección de Obama, esta perspectiva de compatibilizar recortes e gasto público exercerá un factor igualmente polarizador e non menos influente noutras latitudes, especialmente nunha Europa dominada polo predominio da austeridade e da crise. Estimase que para xaneiro de 2013, momento en que Obama xurará o seu próximo mandato presidencial, o Congreso deberá aprobar un recorte de US$ 800 billóns en gasto público, especialmente nas actividades do Pentágono, e eventualmente aprobar un imposto alternativo mais elevado para 26 millóns de cidadás de clase media.

Tampouco se esperan cambios na política exterior, un aspecto marxinalizado durante a campaña electoral. A diferenza de Romney e da maioría dos republicanos, Obama comprende a existencia dun mundo en cambios, identificado coa multilateralidade, as alianzas e a conformación dun sistema multipolar, con novos actores emerxentes como China, India ou Brasil.

Pero a súa concepción do que sucede no sistema internacional implica igualmente unha nova concepción estratéxica para Washington, onde Asia-Pacífico ocupa a preponderancia e a atención para Obama, en detrimento do “mundo occidentalizado” definido como Europa, Rusia ou América Latina. Paralelamente, a perspectiva de Obama dirime unha especie de “repliegue militar” (Iraq, Afganistán) que permita reconducir recursos financeiros dentro da economía, a fin de saír da recesión.

Se ben non semella que Obama focalice a súa política exterior na bipolarización (eventualmente con China) e na aposta pola unilateralidade en aras de preservar unha hexemonía estadounidense paulatinamente en declive, a realpolitik dos intereses de seguridade nacional de Washington seguirán imprimindo o seu principal peso. Isto aborda contrastes e diverxencias sobre a política exterior de Obama, onde a credibilidade de EUA pode verse aínda mais deslexitimada e contestada. Por tomar un exemplo, apenas existen cambios co respecto a Israel, o mundo árabe, Irán, Cuba ou os dereitos humanos, en particular no caso do peche do cárcere de Guantánamo, promesa electoral e política aínda sen cumprir.

No seu discurso de agradecemento tras ser reelixido, Obama ofreceu unha imaxe de certo cansanzo que, mais que motivado pola intensidade dunha polarizada campaña electoral, moi probablemente semella convencido de que as súas expectativas de cambios xa non supoñen unha incontestable garantías política. A fotografía das eleccións 2012 reflicte que, a todas luces, EUA está transformándose nunha sociedade complicadamente multicolor, pluralizada e dividida.